“Botarlle a culpa ás renovables do apagamento sen saber que pasou é precipitado”

O catedrático en Enxeñaría Eléctrica Camilo Carrillo analiza as posibles causas do suceso do luns e opina sobre o futuro da enerxía verde

Tras un apagamento como o que sufriu Galicia o luns, hai moitas cuestións difíciles de explicar. Que pasou? Como pode ser que un sistema falle en cadea por completo? Ante isto, os expertos intentan resolver as preguntas. É difícil responder a calquera destas sen un informe que ofreza datos obxectivos. E para este, pode pasar moito tempo. Camilo Carrillo, catedrático en Enxeñaría Eléctrica pola Universidade de Vigo (UVigo), trata de responder a algunhas destas, aínda que, por suposto, coa prudencia de non ter aínda as conclusións oficiais.

Todo o mundo quere saber o mesmo. Que cre que pasou o luns?

Publicidade

—No momento no que se produciu o apagamento tivemos unha penetración moi alta de renovables. Estabamos por riba do 80%. Había moi pouca xeración convencional. A nuclear á metade da súa capacidade, os ciclos combinados nunha situación de moi baixa produción… Si é certo que nesas condicións o sistema eléctrico ten pouca inercia —que permite facer fronte a oscilacións como as que provocou o apagamento—. Podería ser que iso estivese detrás das consecuencias que provocou a continxencia. Na rede eléctrica sempre están pasando cousas. O sistema ten que estar preparado para facerlle fronte.

Seguramente hai varias causas, e ao mellor imprevisibles entre si. A combinación delas provocou este apagamento. Porque o sistema de xeración e de transporte de enerxía eléctrica eu coido que é relativamente seguro.

Publicidade

Por que as renovables teñen pouca inercia?

—Nas centrais convencionais a xeración baséase nun xerador eléctrico que, para entendernos, é como un volante de inercia. Ten unhas bobinas mediante as que xera enerxía eléctrica. A súa enerxía precisamente vén dada polo volante de inercia. Moitas renovables non teñen esa inercia. É certo que existen mecanismos para poder emulala. De feito, os comportamentos destes sistemas están recollidos na normativa. Non podería dicir cal é o grao de implantación actual. Tecnicamente é posible.

Son tecnicamente posibles, pero actualmente non se aplican.

—Polo menos, parece que non se aplican co volume necesario.

Evolución da produción de enerxías renovables durante o día de onte coa fotovoltaica representada en laranxa. Fonte: Rede Eléctrica Española.
Evolución da produción de enerxías renovables durante o pasado luns, coa fotovoltaica representada en laranxa. Fonte: Rede Eléctrica Española.

Debería ser un toque de atención para que utilicemos diversos tipos de enerxía e non só uns poucos?

—É un toque de atención de que algo non se fixo suficientemente ben. Agora falta saber que. Si é certo que os sistemas eléctricos dispoñen de sistemas de inercia, xa sexa con centrais convencionais ou con sistemas de enerxía e de bombeo. É algo que dá garantías do correcto funcionamento do sistema eléctrico.

E a enerxía nuclear? Tería axudado a evitalo?

—Na miña idea si. Pero tanto a nuclear, como as de ciclo combinado, como as hidráulicas… O que pasa é que nese momento tiñamos unha presenza de enerxías bastante baixa.

Aínda que axudan coa inercia, cando colapsa o sistema son as máis lentas de acender.

—Claro, non están para iso. O sistema eléctrico non está feito para caer, polo tanto unha vez que cae levantalo é moi complicado. Non se lle pode botar a culpa a ningunha tecnoloxía porque está deseñado para que aguante. Nese sentido, as centrais nucleares contribúen a que o sistema non caia dunha forma moi clara.

“As renovables ao mellor foron os detonantes dos problemas pero non necesariamente a causa”

Que opina do peche das nucleares?

—Non estou nin a favor nin en contra, pero si é certo que cando están en servizo contribúen á estabilidade do sistema. Hai outras formas de defendelo? Claro que as hai, tecnicamente todo é posible pero hai que poñelas encima da mesa. Se os que teñen toda a información o teñen claro… Pero iso só o van ter claro cos informes que demostren que o sistema eléctrico pode resistir sen enerxías convencionais.

A información téñena os operadores a rede. O resto opinamos, con máis ou menos coñecemento. Eles son os que teñen que dicir que risco supón o seu peche.

Unha das preguntas que se fai a xente é: por que tardamos tanto en saber as causas?

—As medidas de contención que ten Red Eléctrica Española para facer fronte a este tipo de continxencias son de moi distinta índole. Por exemplo, arranque de xeradores, disparo de consumos que están suxeitos a dispoñibilidades do sistema, centrais que están en reserva… Saber exactamente o que fallou ou a cadea de fallos que o desencadeou é moi complexo. Require unha grande investigación.

Non é a primeira vez que ocorre algunha cousa destas. Hai investigacións que levan meses. Hai informes publicados en organismos supranacionais como o ENTSO-E (Rede Europea de Xestores de Redes de Transporte de Electricidade) onde se publican estes documentos e que serven a todos os operadores de rede, no caso de España, Red Eléctrica Española, para establecer as normas para que iso non volva suceder. Non é a primeira vez.

Por que ocorreu a nivel nacional e non houbo “illas eléctricas” máis grandes?

—Falta por saber a casuística exacta do problema, pero podería ser a rede de transporte. É unha rede que interconecta todos os nós de España, unha rede moi robusta. Garante a continuidade da subministración, pero o problema é que se hai unha continxencia grave nesa rede de transporte, propágase con moita máis intensidade que noutros tramos. Un problema podería estar aí, pero sen coñecer eses informes que se teñen que facer, pouco se pode dicir.

É certo que precisamos de máis interconexións? Por que?

—Os sistemas eléctricos canto máis grandes máis difícil é que caian. Polo tanto, unha boa interconexión cos países veciños cos que se ten fronteira é fundamental. Hai uns anos reforzouse a conexión con Francia pero aínda non acabaran e xa se sabía que había que seguir nesa liña. Que ese reforzo, en principio, é mellorable, moi mellorable.

Estase a traballar xa nunha nova conexión con Francia. Para facer a liña nos Pireneos hai reticencias dos dous países, os permisos medioambientais e a necesidade de todos eses acordos que hai que conseguir que fan que o proceso sexa moi lento.

Hai unha especie de crise de reputación das renovables. É un risco?

—As renovables ao mellor foron os detonantes do problema pero non necesariamente a causa. O operador do sistema realiza simulacións de todas esas situacións que poden pór en risco a subministración eléctrica e o que fai é que o mix de xeración e consumo o axusten para minimizalo. Entón, botarlle a culpa ás renovables sen saber o que pasou é algo precipitado.

Hai algunha medida que se podería tomar para evitar que pase de novo? Isto podería volver a ocorrer mañá, ou en sete días?

—Sen saber exactamente o que pasou, é difícil de dicir. Si é certo que temos un mix difícil de manexar —porque temos moita renovable—. É un feito, pero máis alá diso non me atrevo a dicir se se pode repetir. Eu agardo que non.

Hai xente que di que temos que volver ao carbón. Que opina?

—Desde o punto de estabilidade da rede a opinión é unha, pero desde o punto de vista medioambiental, o camiño das renovables é irreversible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Apagamento ibérico, ano 1: da caída do sistema eléctrico ao seu custoso reforzo

Administracións públicas e empresas do sector impulsan millonarias actuacións para blindar a subministración e evitar futuras emerxencias enerxéticas

Investigadores de Vigo participan no avance dunha solución enerxética para alimentar misións espaciais

Un equipo internacional valida con éxito un sistema que combina enerxía nuclear e solar para prolongar a vida e o alcance das misións espaciais en contornas extremas como a Lúa e Marte

O mapa da enerxía fotovoltaica de Galicia: cantas instalacións ten o teu concello?

A comunidade conta con 704 fontes de enerxía solar, das que Lugo concentra 308, liderando o despregamento fronte ás outras provincias

Un equipo galego demostra os efectos negativos do eucalipto nos ecosistemas fluviais

O estudo da UVigo constata que a diversidade de especies nos regatos diminúe naqueles lugares rodeados das árbores oriúndas de Australia