Da retranca ás relacións sociais: os mecanismos dos galegos para facer fronte ao apagamento

A psiquiatra Iria Veiga e o psicólogo Fernando Vázquez analizan as ferramentas de xestión emocional durante un evento sen precedentes

“Veume ben estar sen móbil. Aproveitei para estudar, para estar coa familia e para escoitar a radio”, di Mario, un rapaz galego de 17 anos. Así lembra a tarde do 28 de abril de 2025, unha data que xa forma parte da historia máis recente do país debido a un apagamento eléctrico sen precedentes. Máis alá da incerteza e da falta de información iniciais, a valoración xeral dos expertos en saúde mental é moi positiva. “A vivencia doutras crises, como a pandemia, axudan a desdramatizar”, argumenta o catedrático de Psicoloxía da Universidade de Santiago (USC) Fernando Vázquez. Pero tamén hai unha serie de recursos que os galegos e galegas puxeron en marcha para facer fronte a un acontecemento insólito.

“A diferenza doutras sociedades, somos moi expresivos emocionalmente, temos unha maior cohesión social e capacidade de improvisación, acostumamos a ter reaccións colectivas solidarias e rapidamente tiramos do sentido do humor que, no noso caso, é a retranca”, engade Vázquez, enumerando unha longa lista de mecanismos que a sociedade galega puxo en marcha para enfrontarse a unha apagada que durou, nalgúns puntos do territorio, preto de 24 horas. “Ás veces temos moi mala opinión de nós mesmos pero debemos afastarnos desas ideas. Somos unha sociedade moi madura. Temos, como se adoita dicir, moito sentidiño“, sostén.

Publicidade

Evento limitado no tempo

Non obstante, o bo enfrontamento social da crise débese, como apunta a psiquiatra Iria Veiga, a que foi un evento moi limitado no tempo. “Mantivemos a normalidade durante 24 horas pero sería imposible facelo durante dúas semanas”, asevera. Afírmao con contundencia mentres o compara con casos de apagamentos que se produciron noutras partes do mundo, como aconteceu en Estados Unidos durante o furacán Katrina. Máis alá da diferenza nas causas e no tempo, hai outro punto que Veiga, médica do Sergas, subliña: os servizos públicos. “Vivímolo con tranquilidade porque sabiamos que non ía pasar nada. Non ía ser catastrófico nin iamos quedar sen auga nin alimentos”, engade.

O perigo de romantizar a falta de tecnoloxía

A cobertura dos servizos básicos e a certeza de que o apagamento sería cuestión de horas deu tempo para xogos de mesa, paseos e lecer coas amizades. Moitas das mensaxes difundidas por redes sociais, din Vázquez e Veiga, están tinguidas do romanticismo que rodea a falta de tecnoloxía. “Que unha tarde de primavera non poidas saír á rúa non ten que ver coa electricidade, senón cos ritmos de traballo e cos horarios escolares”, sostén a psiquiatra, afondando nas causas estruturais. A meirande parte das actividades nas que a cidadanía ocupou o tempo sen luz nin Internet non son exclusivas dun mundo no que non existe a tecnoloxía: todo o contrario, son plenamente complementarias.

Publicidade

“Non importa estar un día sen electricidade porque o esencial está garantido”, continúa valorando Veiga. E subliña as bondades das comunicacións móbiles, que permiten saber como están os familiares, especialmente se son dependentes ou maiores. “Para moitas persoas, como aquelas que teñen unha discapacidade, a tecnoloxía é o que garante a súa vida. Sen ir máis lonxe, as que precisan de osíxeno domiciliario”, incide. Enumera outros supostos nos que a electricidade e a rede son esenciais, como as pulseiras SOS das persoas dependentes e as das mulleres vítimas de violencia machista. Sistemas que fallaron durante o apagamento e que comprometeron a súa vida.

Tamén lembra que os hospitais, como no que traballa, o uso de xeradores eléctricos aseguraron o funcionamento a pleno rendemento. Caeu o sistema informático pero non se precisaron suspender cirurxías nin atencións urxentes. Mentres houbese combustibles fósiles para alimentar o aparello, estaba garantido o funcionamento dos hospitais. “O apagamento foi unha especie de simulacro involuntario que demostrou a necesidade de ter aparellos autónomos”, sinala.

Como o viviron os adolescentes?

Outro dos puntos que analizan tanto Vázquez como Veiga é a vivencia dos adolescentes. “Son máis dependentes do dixital e pode que proxectaran sensacións de baleiro, aburrimento, inquedanza, irritabilidade e illamento. É o que se denomina ansiedade dixital“, valora o catedrático da USC, que tamén menciona a ruptura da rutina ao suspender a actividade lectiva. Mario, o adolescente galego que prefire empregar un nome ficticio, recoñece que a ansiedade pola incomunicación foi real pero relativiza a situación: “Tan só foi un día. Non é para tanto”.

A psiquiatra Iria Veiga ofrece outra visión sobre a relación entre adolescencia e novas tecnoloxías. Considera que se adoita poñer o foco no vínculo pernicioso entre ambas as dúas, mais hai que afondar na situación da xente nova para entender que as redes sociais poden funcionar como un refuxio. “Criticámolos polo uso excesivo da tecnoloxía pero cando vai mal tempo non teñen espazos de lecer sen gastar cartos. Co apagamento as rúas e as prazas volvéronse un espazo cívico e comunitario. Aí é onde temos que reflexionar”, salienta.

Unha reflexión colectiva

Iso é, precisamente, ao que convida Vázquez: a reflexionar. Cre que o apagamento é unha boa oportunidade para repensar os hábitos, para tomar conciencia do uso excesivo que se fai da tecnoloxía e para retomar os detalles diarios que ofrecen pílulas de felicidade. “As sociedades avanzadas teñen moita dependencia do dixital para estudar, comunicarse, entreterse… Cando desaparecen momentaneamente é normal experimentar illamento, ansiedade, angustia e perda de control. Pero tamén é unha oportunidade para validar as emocións vividas e desenvolver resiliencia”, conclúe Vázquez.

O apagamento foi un episodio breve que se aproveitou, en parte grazas ao tempo solleiro, para desfrutar do aire libre. Para investir tempo no lecer da lectura, das relacións sociais e dos paseos familiares. Pero convén reflexionar, como inciden Vázquez e Veiga, en que todos eses pasatempos son perfectamente compatibles coa tecnoloxía. Talvez o que se deba revisar son as rutinas, os hábitos e as circunstancias estruturais dunha sociedade sen tempo libre. Ou cun tempo dedicado a un scrolling infinito de consellos de autocoidado… pero sen aplicalos.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Apagamento ibérico, ano 1: da caída do sistema eléctrico ao seu custoso reforzo

Administracións públicas e empresas do sector impulsan millonarias actuacións para blindar a subministración e evitar futuras emerxencias enerxéticas

O Nadal e os trastornos alimentarios: “A saúde non é un número na báscula”

A psiquiatra Iria Veiga sinala que os comentarios sobre o corpo alleo e os cambios na alimentación durante as festas poden aumentar a ansiedade e os síntomas

Guía para non perder os grandes eventos astronómicos de maio dende Galicia

O paso de Marte polo 'Enxame' e as choivas de meteoros das Eta Aquaridas son os principais fenómenos do mes

Por que se esgotou (outra vez) o papel hixiénico o día do apagamento?

O comportamento colectivo de compra compulsiva é un patrón habitual das crises, e así aconteceu durante a pandemia de 2020