Publicidade
Mércores 21 Maio 2025
Publicidade

Galicia cambia o paso na loita contra a praga que ameaza os piñeiros desde hai unha década

Fracasada a estratexia de eliminar o nematodo despois de 15 anos de loita, a Xunta xira cara á contención, paso que deu Portugal hai tempo

De erradicar a conter. Galicia entrou nunha nova fase na súa loita contra o nematodo do piñeiro, unha agresiva praga que ameaza desde hai máis dunha década aos piñeirais galegos. A comezos de febreiro, a Xunta mudou a súa folla de ruta na loita contra o Bursaphelenchus xylophilusa través dunha resolución da Consellería de Medio Rural que amplía a 71 municipios a zona de medidas para evitar a expansión da peste detectada por primeira vez en Galicia no concello das Neves en 2010.

Pasaron 15 anos e os inxentes e cuantiosos esforzos para erradicala non acadaron o seu resultado final. “Unha vez que tes moitos puntos na mesma zona non ten moito sentido manter as medidas de erradicación porque, en primeiro lugar, é unha estratexia moi cara”, sinala Fina Lombardero, doutora en Bioloxía na USC e referente en sanidade forestal.

Publicidade

O panorama da loita contra o nematodo do piñeiro mudou desde 2018. Ata entón, os oito anos desde o primeiro positivo localizado nas Neves, a estratexia foi acantoar para tratar de facer desaparecer o parasito que murcha os piñeiros e outras coníferas ata matalos. Pero 2018 comezaron a detectarse máis positivos, que se dispararon entre 2021 y 2022 ata aproximarse aos 250 en 2023. Antes, en 2020 a Unión Europea dera un tirón de orellas á Xunta pola xestión da praga logo dunha segunda auditoría na que detectou carencias nos mecanismos de detección e control de Medio Rural.

Zona de corentena do nematodo do piñeiro (Xunta)
Zona de corentena do nematodo do piñeiro (Xunta)

Co incremento dos positivos, a erradicación faise imposible. Así o cre Fina Lombardero, que recorda que a contención é un mecanismo amparado na normativa europea de organismos de corentena á que xa recorreu Portugal, zona cero da praga que foi detectada no país luso en 1999 en Setúbal, a onde chegou de América do Norte probablemente en barco. “Cando ves que cada 100 metros saen cinco ou oito positivos non ten sentido seguir cortando ao redor desa árbore un montón de árbores”, sinala a catedrática do departamento de Producción Vexetal e Proxectos de Enxeñería do Campus Terra da USC en Lugo.

Publicidade

71 concellos afectados

Deste xeito, Medio Rural decretou unha zona tampón composta por 47 concellos (20 de Pontevedra e 27 de Ourense) onde é obrigatorio retirar do monte tódalas coníferas secas, enfermas ou afectadas por lumes forestais ou tormentas, xa que son estas os hóspedes do Monochamus galloprovincialis, o insecto vector da praga. A maiores, a resolución de comezos de febreiro decreta unha área infectada de 20 concellos, todos da provincia de Pontevedra, na que unicamente é obrigatorio retirar e eliminar as árbores nas que se detecten positivos. En total, 71 municipios afectados.

“É unha estratexia moito máis barata, non só economicamente, senón tamén medioambientalmente, porque se estaban a cortar moitísimas árbores”, remarca Lombadero, que ve o paso “lóxico” ante o transcurso do tempo desde a chegada da praga. “Un organismo que leva desde o ano 2010 aquí é bastante difícil erradicalo, sobre todo cando tes unha fonte de inoculación tan próxima, como é Portugal. Aínda que ti erradiques en toda España se chega un insecto con nematodo, volves estar nas mesmas”, engade.

As condicións climáticas da zona sur de Galicia favorecen tanto a expansión do escaravello que fai de vector de expansión do nematodo como a propia adaptación ao medio do parasito. Por iso as medidas están encamiñadas a evitar que o Monochamus non atope zonas de reprodución nas que poidan depositar os seus ovos e, con eles, o nematodo en árbores sas.

Frear ao escaravello que a propaga

Para deter o nematodo hai que parar ao coleóptero que o espalla, que infecta árbores sas unha vez completa o seu ciclo biolóxico. A relación entre o organismo que causa a peste e este escaravello é mutua: un precisa do outro para transportarse e dispersarse, e o segundo benefíciase da morte das árbores que provoca a praga, xa que ten máis material para depositar os seus ovos e reproducirse.

Piñeiro afectado pola acción do nematodo
Piñeiro afectado pola acción do nematodo

Polo tanto, desde a aparición do nematodos hai máis de 25 anos, a loita estivo centrada en evitar a reprodución do seu vector como vía para conter a súa expansión por toda a península desde Portugal. Unha batalla que, para Fina Lombardero, non pode considerarse un fracaso. “Falamos dunha praga que chegou a Galicia en 2010. Estamos 15 anos máis tarde e seguimos con ela concentrada no sur, nunha zona moi concreta. Mira o que pasou ca avispiña do castiñeiro ou a couza que come os buxos. En tres ou catro anos estaban xa por toda Galicia”, subliña a catedrática.

“O problema que temos é que estamos moi cerca dunha fonte constante de inoculo. Pero eu considero que se contivo, non sei se polas medidas oficiais ou porque, e isto é unha opinión persoal, este nematodos non é tan agresivo como parece. Pero non deixa de ser un organismo de corentena, e non sabemos como se comportaría se chegase a unha zona nova”, engade Lombardero.

Desta forma, a profesora referente en saúde vexetal cre que as leccións que deixan case 30 anos de guerra contra o nematodos é que non é unha enfermidade de alta mortalidade. “Causa mortalidade cando son árbores en situación de estrés, con falta de auga ou de nutrientes. Se houbese unha mortalidade tan grande estarían os propietarios queixándose continuamente, pero iso non está a pasar”, conclúe.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dos incendios á perda de diversidade: motivos polos que manter a moratoria do eucalipto

A prohibición conclúe a finais de ano, pero os últimos datos revelan que a superficie aumentou no primeiro tramo do veto

Ten o teu concello máis porcos que xente? Estes son os 78 municipios con menos veciños que cochos

A comarca do Deza é a capital do gando porcino, con máis dun cuarto do millón de cochos en explotacións industriais rexistrados

A Xunta amplía ata os 21 anos a vacina contra o papiloma humano

A Consellería de Sanidade achegará enfermeiros aos centros de educación para aumentar o número de inmunizados e para mellorar a conciliación

A extraordinaria historia da galega Elvira López, a primeira enfermeira nun voo militar en España

A lucense naceu nunha aldea de Láncara e os estudos actuais apuntan a que tivo que aprender a ler e a escribir cos seus propios recursos