Que á a mosca da carballeira? Aliméntase de bágoas, pode causar cegueira e está en Galicia

Un equipo de Doñana estuda o insecto do xénero 'Phortica', capaz de transmitir un parasito que provoca doenzas oculares en animais e humanos

Estás ao aire libre. De repente, notas como unha mosca sobrevoa a túa cara na procura de alimento. Ao mellor trátase dunha especie do xénero Phortica, un insecto que destaca por alimentarse de substratos en fermentación, como o zume dos árbores, e presenta un comportamento zoofílico particular coñecido como lacrifaxia. Isto significa que se nutre de secrecións lacrimais, como bágoas ou outros fluídos oculares. Pode causar enfermidades nos ollos de distinta gravidade e a especie máis estendida, Phortica variegata, é moi abundante nas provincias de Lugo e Ourense.

A escasa información dispoñible sobre a bioloxía, a ecoloxía e os hábitos zoofílicos destas moscas levou ao grupo de investigación liderado polo biólogo Mikel Alexander González dende a Estación Biolóxica de Doñana (EBD-CSIC) a buscar respostas sobre esta especie. A súa presenza podería supoñer un problema tanto para animais como para humanos.

Publicidade

Dentro das cinco especies deste xénero, Phortica variegata é a máis estendida e a que está presente en Galicia. Durante o seu proceso de alimentación pode transmitir un nematodo parasitario coñecido como Thelazia callipaeda, máis comunmente chamado “verme ocular oriental”, capaz de causar doenzas nos ollos de distinta gravidade coñecidas como telaziose.

Expansión por Europa e Galicia

En Europa existen rexistros de cinco especies do xénero Phortica. As máis estendidas son a Phortica variegata e a Phortica semivirgo, mentres que a Phortica erinacea, a Phortica goetzi e a Phortica oldenbergi son máis difíciles de capturar. En España están documentadas tres destas especies: P. variegata, P. semivirgo e P. oldenbergi

Publicidade

Porén, a maior parte dos rexistros do xenéro Phortica no país están publicados en revistas locais, plataformas dixitais ou permanecen como literatura gris de difícil acceso. O mesmo acontece en Galicia, onde os estudos de carácter local son os que confirman a presenza desta especie. Segundo o biólogo Mikel Alexander González, a Phortica variegata é “bastante abundante” nas provincias do leste galego, Ourense e Lugo.

Esta distribución está relacionada co hábitat da Phortica. “Esta mosca frecuenta as carballeiras”, explica o investigaor, o que xustificaría a súa expansión en Galicia. Debido a esta preferencia, a poboación local coñécea como “mosca da carballeira”, ademais de “mosca das secrecións oculares” e “mosca do verme oriental”. 

Con todo, no estudo liderado por Mikel Alexander González, ningunha destas especies foi atopada en Galicia durante o ano 2023. “Os investigadores que realizaron o estudo nesta rexión seleccionaron hábitats que quizais non eran os máis axeitados para esta especie”, sinala o biólogo, explicando a discrepancia cos rexistros previos. En todo caso, máis aló da súa distribución, o que fai especialmente rechamante a esta mosca é a súa forma de alimentarse.

A arte da lacrifaxia

As especies do xénero Phortica practican a lacrifaxia. Para levar a cabo este mecanismo, as moscas teñen a tendencia de pousarse no bordo inferior do ollo, no lacrimal. “Cando se apoian, liberan un parasito chamado nematodo”, explica o biólogo. Popularmente coñécense como vermes debido ao seu aspecto. 

En Europa é un comportamento “infrecuente” na natureza, o que fai que a Phortica variegata destaque entre outras especies. Aínda que a transmisión de patóxenos de mosquitos e moscas é o máis habitual, a lacrifaxia é unha estratexia diferente destes insectos.

Con todo, non é só un medio de alimentación, senón tamén unha forma de cortexo. Este mecanismo é exclusivo dos machos de Phortica variegata, que se alimentan das bágoas procedentes de animais ou humanos. “Existe unha hipótese estendida que suxire que as lágrimas conteñen unha proteína que empregan como agasallo nupcial”, comparte González. Así, transfírense ás femias no momento do apareamento ou a cópula. 

Non obstante, este comportamento tamén implica riscos. No momento en que a mosca se pousa, transmite o parasito Thelazia callipaeda, que transporta nas súas pezas bucais. Cando está absorbendo as bágoas de cans, gatos, raposos ou outros animais, o verme queda na zona do ollo. A transmisión é máis frecuente en animais, algo que se explica grazas á lóxica: “Que humano vai deixar que se pouse unha mosca no seu lacrimal?”.

A parasitose e a telaziose

A parasitose é pouco frecuente en humanos, pero pode ocorrer en casos puntuais. “Os nenos pequenos, por exemplo, non teñen a capacidade de reaccionar e asestar unha labazada”, explica Mikel Alexander González. Tamén é máis común en persoas que pasan longas xornadas ao aire libre, especialmente no campo. 

Por outra banda, en países menos desenvolvidos, sobre todo en Asia, a telaziose humana está máis asociada a “zonas rurais, de baixo status económico e con máis sucidade”. En cambio, os animais salvaxes non teñen forma de desprenderse destes parasitos, polo que os estudos céntranse nos cans, xa que resultan máis accesibles para a investigación.

Insecto do xénero Phortica. Foto: Mikel Alexander González

“A diferenza dunha picadura de mosquito, que é inevitable, a presenza da Phortica pódese detectar a simple vista”, sinala Mikel. O modus operandi desta mosca radica nun ataque ao lacrimal. Por iso, en caso de parasitose, os primeiros síntomas serían proído, irritación e lagrimexo excesivo. Ademais, cun espello, a persoa afectada podería chegar a ver vermes transparentes de poucos milímetros movéndose no ollo. 

Se a telaziose non se trata a tempo, pode derivar en complicacións que van dende a conxuntivite ata casos máis graves, como úlceras ou mesmo cegueira. Ante a expansión desta especie, a principal preocupación do investigador e do seu equipo é atopar medidas de control.

Procura dunha medida de control

“Pódese dicir que a Thelazia callipaeda é un parasito en expansión en Europa e España”, afirma o biólogo, quen abre a posibilidade de que este organismo poida estar presente en todas aquelas zonas con carballeiras. Se isto se confirma, a cornixa cantábrica, incluíndo Galicia, sería unha rexión con altas probabilidades de converterse nun hábitat onde parasito e mosca hóspede poidan estar presentes. 

Trampa nunha botella con vinagre de mazá e viño tinto. Foto: Mikel Alexander González

Isto podería incrementar a incidencia de telaziose canina e a súa aparición en animais salvaxes. Con todo, o investigador principal pide cautela ante unha posible alarma: “Cremos que é un parasito que aínda que estea en aumento, non vai ser un problema”. A diferenza dos mosquitos, que poden percorrer grandes distancias, a Phortica adoita desprazarse exclusivamente dentro das carballeiras. “Cando camiñas por un bosque, patrullan a zona, pero non te seguen ata un descampado”, explica o experto.  

A pesar de que a súa distribución é clara en Europa, González afirma que Galicia non debería ser unha zona cun problema grave no futuro. Con todo, atopar unha medida de control é clave. Mentres existen repelentes comerciais e caseiros para moscas, tabáns e outros insectos que se alimentan de sangue, aínda non se atopou ningún método contra a Phortica.

Unha opción sería pulverizar insecticidas nas carballeiras, mais está completamente descartada debido ao seu impacto negativo na fauna local. “Só se empregaría como medida de emerxencia”, aclara o investigador. De momento, non existen solucións amables co medio ambiente que permitan controlar a expansión desta mosca, aínda que os investigadores están probando con produtos orgánicos en trampas, como a mestura de vinagre de mazá e viño tinto, que parece atraer a estes insectos. “Isto reforza o interese de seguir investigando”, conclúe González, con ansias de atopar respostas sobre a Phortica.


Referencia: Distribution, identification and ecology of Phortica genus (Diptera: Drosophilidae) in Spain (Publicado en International Journal of Veterinary Science and Medicine)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

  1. Se algunha característica chamativa teñen estas moscas, ou case mellor dito mosquiñas, dado o seu reducido tamaño, é a súa tremenda impertinencia ou terquedade, pois lánzase direitamente cara os ollos en plan camicace e, a pesares de retiralas a lavazadas, non hai xeito posible de desfacerse delas, pois continuamente se tiran en picado cara os ollos ata mesmo impactar con eles. Vamos, que poñen a un de auténtica mala leite.
    Habería que confirmar a/s especie/s, pero atrévome a dicir que son máis que comúns no noso país, especialmente nas zonas de sombra, e non de calquera sombra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detrás da elevada mortalidade do berberecho: este é o principal patóxeno en Galicia

O último informe publicado polo Intecmar revela que a 'Marteilia cochinillia' é o parasito que máis afecta a este molusco bivalvo dende 2012
00:04:12

Son cegos os morcegos? Desmentindo un mito tan vello como o seu nome

Os quirópteros utilizan a ecolocalización e unha visión adaptada á escuridade para orientarse e capturar presas con precisión

Un equipo vigués identifica un parasito que afecta a calidade da sardiña europea

O microorganismo non causa alerxias nin enfermidades en humanos pero dana a musculatura do peixe e pode reducir a súa calidade e valor comercial

O risco de cegueira en persoas diabéticas é 25 veces maior que no resto da poboación

A perda de visión severa é evitable en máis do 90 % dos casos se se aplica un diagnóstico e tratamento precoz