Un equipo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) de Vigo en colaboración co Institute of Marine Research (IMR) de Noruega analizou por primeira vez a incidencia do parasito Kudoa thyrsites en sardiñas europeas (Sardina pilchardus) en augas do norte de España. Este organismo non causa alerxias nin enfermidades en humanos pero afecta a musculatura do peixe e pode reducir a súa calidade e valor comercial.
O estudo, que acaba de publicarse na revista Parasitology Research, analizou 500 exemplares de sardiña europea. Os resultados mostraron que un 5,4% dos peixes estaban infectados e presentaban a condición de “carne branda”, que provoca unha textura anormal e un aspecto pouco atractivo. O parasito, previamente asociado á xarda do Atlántico no Atlántico norte, xa fora identificado en sardiñas en Portugal e no sur de Galicia, pero este é o primeiro estudo que ofrece datos cuantitativos para o stock ibérico.
“Necesítase máis investigación para entender o ciclo de vida destes parasitos e por que afectan as sardiñas”, indica a Lucilla Giulietti, primeira autora e investigadora do IMR. Gema Hernández, coautora do estudo e investigadora do IEO de Vigo engade: “Aínda que a incidencia do parasito é relativamente baixa, o stock de sardiña europea nas augas atlánticas españolas é unha fonte alimenticia importante e a presenza de Kudoa thyrsites podería reducir a súa calidade e valor culinario”.
Campaña de 2023
Este achado é resultado dun estudo realizado nos anos 2023 e 2024 cunha mostraxe de sardiñas durante a campaña PELACUS do IEO realizada en abril de 2023. A campaña PELACUS foi cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA) dentro do Programa Nacional de recompilación, xestión e uso de datos do sector pesqueiro e o apoio ao asesoramento científico en relación coa política pesqueira común.
Esta investigación forma parte das Estratexias Mariñas, que son o instrumento de planificación do medio mariño creado ao amparo da Directiva 2008/56/CE, do 17 de xuño de 2008, pola que se establece un marco de acción comunitaria para a política do medio mariño (Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña), e teñen como principal obxectivo a consecución do Bo Estado Ambiental (BEA) dos mares.
Referencia: Occurrence of ‘soft flesh’ condition induced by Kudoa thyrsites parasite in the Iberian European sardine stock (Publicado en Parasitology Research)














