Unha investigación galega para frear dous dos cancros máis letais, entre a elite europea

Un proxecto do CiQUS para combater tumores de páncreas e de colon recibirá 2,5 millóns de euros

Un proxecto galego está na elite das investigacións europeas. Trátase de MEDiCS, a iniciativa liderada polo profesor José Luis Mascareñas que traballará no desenvolvemento dun novo axente baseado en rutenio para tratar de frear a aparición de dous dos cancros máis letais: o de páncreas e o de colon.

A iniciativa do consorcio encabezado desde o CiQUS e que conta coa participación da Universidade do Porto e das empresas MyBiotech e Asphalion foi unha das elixidas entre as 416 propostas chegadas de 39 países que concorreron á última convocatoria EIC Transition do Consello Europeo de Innovación, que, nesta edición, rompeu o seu teito de participantes. Deste xeito, a Universidade de Santiago (USC) convértese na única de todo o Estado, xunto coa Pompeu Fabra, que foi beneficiaria deste programa en dúas ocasións.

Publicidade

O equipo que encabeza Mascareñas terá durante os próximos tres anos á súa disposición 2,5 millóns de euros para facer o seu traballo, enfocado a desenvolver un novo axente anticancro a partir do potencial preclínico amosado por unha familia de complexos metálicos baseados en rutenio. Todo para combater dous dos cancros con maior impacto na sociedade, un pola súa elevada prevalencia (o de páncreas) e o outro pola súa alta letalidade (o de colon).

Potencial do rutenio

Os científicos galegos buscan avanzar na madurez desta nova tecnoloxía que podería frear a aparición destes tumores. Os estudos iniciais albiscaron o potencial destes compostos sintéticos de rutenio para atacar os procesos que se dan nas células nais de cancro que son responsábeis do inicio do tumor, de formar metástase ou de presentar resistencia aos tratamentos.

Publicidade

Unha mostra de rutenio.

Todo a través dun mecanismo que se dirixe ao punto máis vulnerable da célula nai. Compromete a súa respiración mitocondrial, o que pon atrancos para que obteñan a enerxía da que depende o seu crecemento e a súa capacidade para esquivar as defensas do sistema inmune. Ademais de presentar un prometedor potencial en modelos preclínicos para evitar a proliferación tumoral, o modelo tamén presenta unha baixa toxicidade, o que aplana o seu camiño para que poida ser probado en humanos.

Menos do 10% dos candidatos acadan financiamento

Os alentadores resultados iniciais acadados polo equipo do profesor Mascareñas e Bruno Sainz, da man dos seus grupos no CiQUS e no Instituto de Investigacións Biomédicas Sols-Morreale (CSIC-UAM), fixo que se decidisen a dar o paso para se postular a estas axudas europeas, consideradas unhas das máis competitivas. Das iniciativas que se presentan, menos dun 10% conseguen financiamento.

Pensadas para pechar a fenda entre investigacións en fase temperá e innovacións listas para a súa saída ao mercado, o programa EIC Transition selecciona os proxectos mediante un minucioso sistema. En primeiro lugar, unha creba baseada na calidade da proposta. Os que superan este chanzo deben enfrontarse a unha esixente entrevista a modo de exame ante un panel avaliador multidisciplinar composto por seis expertos internacionais.

Agora, os investigadores liderados por Mascareñas terán tres anos para avanzar cara ao inicio dos ensaios destes axentes anticancro en persoas. Un primeiro paso para que, no futuro, talvez poida chegar a clínicas e hospitais de todo o mundo esta forma de combater o cancro deseñada desde os laboratorios galegos.

1 comentario

  1. Creo que hay un error en el texto en cancer mas prevalente es el de colón y el más letal el de páncreas y no al revés como se dice en el texto

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas