Un total de 15 propostas con proxectos innovadores en distintas áreas da saúde veñen de ser seleccionadas dentro do programa PRIS-T (enmarcado na iniciativa de innovación transfronteiriza TransfireSaúde) das que unha ducia delas proceden de Galicia e outras tres do norte de Portugal. A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) lidera o proxecto que vai facilitar financiamento a propostas que investigan novos métodos de detección precoz do cancro, novas terapias para a artrose e novos tratamentos para enfermidades raras, entre outros.
O programa PRIS-T ten unha dotación de medio millón de euros e ten como obxectivo levar ao mercado os resultados da investigación sanitaria transfronteiriza. Hai dúas liñas de actuación neste programa: PRIST-VAL, que apoia a Valorización; e PRIS-TRANSF, que impulsa a Transferencia. O primeiro conta con dotacións de ata 50.000 euros para proxectos de Valorización e o segundo ata 30.000 euros para os de Transferencia.
Dúas liñas
A liña de Valorización (PRIST-VAL) pretende contribuír ao desenvolvemento de proxectos en proceso de ser protexidos, en fase precomercial, que poden ser clasificados como investigacións básicas ou de desenvolvemento teórico, susceptibles de xerar modelos ou novidades dun proxecto traslacional. A fin última destes proxectos deberá ser o amosar a viabilidade dunha idea da que non hai evidencia.
A liña de Transferencia (PRIST-TRANSF) pretende impulsar proxectos á espera de obter validación clínica dunha tecnoloxía sanitaria xa desenvolvida, malia que estas propostas poidan non dispoñer de socios investidores ou comerciais. Deberán amosar, no canto, potencial de licenciar os resultados da investigación ou estar en vías de dar paso a unha spin-off ou empresa de base tecnolóxica.
Unha ducia de proxectos galegos
En total presentáronse 36 propostas para as axudas das que o comité de selección elixiu os seguintes 12 proxectos:
- MethylPANC: Detección precoz e monitorización non invasiva de cáncer de páncreas con ADN metilado, un dos tumores máis letais e terceira causa de morte por cancro mundo. Recibirá 50.000 euros na categoría Valorización.
- PKPDrugs: Innovación galega na vangarda da dosificación personalizada de fármacos. Recibirá 50.000 euros na categoría Valorización.
- TREAT-OA: Proxecto destinado á análisis de mercado e desenvolvemento biotecnolóxico de IK-001 con terapia de nova xeración para a artrose (OA). Recibirá 30.000 euros na categoría Transferencia.
- Tromboimaxe-19F: Avance na valorización e optimización do primeiro axente de contraste para a imaxe molecular por resonancia magnética con nanopartículas de flúor-19. Recibirá 50.000 euros na categoría Valorización.
- PneumoTrack: Innovación transcriptómica para a detección rápida de pneumonía bacteriana infantil, a principal causa de morte entre nenos menores de 5 anos. Recibirá 50.000 euros na categoría Valorización.
- NeurAlemab: Sobre o desenvolvemento dun anticorpo monoclonal contra pTau para a teragnóstica da enfermidade de Alzheimer. Recibirá 30.000 euros na categoría Transferencia.
- EPI-smaRT-PRO_advanced: Presenta a ferramenta Epi-smarRT-PRO, unha proba epixenética avanzada de radiosensibilidade específica en pacientes con cancro de próstata. Recibirá 50.000 euros na categoría Valorización.
- RESPISAL: Biomarcadores epixenéticos en saliva para a predición da gravidade do virus respiratorio sincitial (VRS) en lactantes. Recibirá 50.000 euros na categoría Valorización.
- GLA-UP: Chaperonas farmacolóxicas para enfermidades raras. En concreto, para doenzas lisosomais de depósito Recibirá 30.000 euros na categoría Transferencia.
- DIGAG: Cuxo obxectivo é o diagnóstico de diabetes mediante proteínas unidas a glicosaminoglicanos. Recibirá 30.000 euros na categoría Transferencia.
- OCTOPUS: Proxecto centrado na predición non invasiva do beneficio da inmunoterapia en cancro de pulmón avanzado. Recibirá 50.000 euros na categoría Valorización.
- CRISPR-CAS: Proxecto destinado ao diagnóstico de diversas enfermidades infecciosas como son os virus, as bacterias resistentes aos antimicrobianos e a tuberculose. Recibirá 50.000 euros na categoría Valorización.
Para cada un dos programas seleccionados, elaborarase un plan de desenvolvemento particular coa colaboración das tres Fundacións Públicas de Investigación Biomédica de Galicia, financiando o seu impulso coas transferencias establecidas de fondos. A execución dos proxectos terá como prazo máximo maio do 2026.
Proxectos portugueses
Doutra banda, as candidaturas portuguesas beneficiarias do programa foron tres, nunha única liña que combina ambas as modalidades. Búscase dar un impulso á profesionalización da xestión da I+D+i biomédica, dotándoa de servizos de alto valor engadido, propio da liña PRIST-VAL, cun valor engadido procedente da transformación do coñecemento, esforzo e recursos da I+D+i biomédica en valor económico e social.
A dotación económica do programa portugués será de 45.000 euros, que se dividirá en partes iguais entre os tres proxectos gañadores. As candidaturas premiadas foron as seguintes:
- MAR_FA: Identificación de marcadores de fibrilación auricular subclínica nunha poboación rural residente na rexión norte transfronteiriza de Portugal.
- INOVAGE: Terapia innovadora baseada en senolíticos e lipolíticos, que promove un envellecemento saudable.
- BodyBoost: Innovación ergonómica para previr lesións e mellorar a calidade de vida no traballo, combinando tecnoloxía wearable con análise biomecánica avanzada.













