Xoves 5 Marzo 2026

Labazada de Europa a Galicia polo mal control da praga do piñeiro

A segunda avaliación da Comisión Europea critica importantes eivas de Medio Rural no control desta perigosa praga

Galicia volve suspender a auditoría da Comisión Europea sobre o control da praga do nematodo do piñeiro. É a segunda vez na que as autoridades europeas saldan cunha labazada a xestión da Xunta de Galicia fronte a esta especie invasora que ameaza os piñeirais especialmente no sur do país e que entrou dende Portugal.

Os inspectores comunitarios quéixanse de que se tardou demasiado en demarcar unha nova zona afectada tras a aparición de sete árbores infectadas no sur da provincia de Pontevedra e de que non se realizan todas as análises que necesarias.

Publicidade

“A auditoría descubriu que, a pesar dos esforzos das autoridades, houbo importantes carencias na aplicación das medidas de control requiridas”, di a Comisión, que tamén critica que Medio Rural tardou demasiado tempo entre que detectou as novas afectacións e declarou unha nova área demarcada por esta praga.

O nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus) é un organismo procedente de América do Norte, que invadiu as fragas de piñeiro da península Ibérica, maioritariamente en Portugal, que foi con gran diferenza o país máis afectado ata a data, pero con incursións rexistradas tamén en España, con incidencia no sur de Galicia.

Publicidade

O nematodo do piñeiro chegou a Galicia dende América, a través de Portugal

O  nematodo da madeira do piñeiro é a maior ameaza que sofren os nosos piñeirais actualmente. Trátase dunha especie invasora de tamaño microscópico con forma de verme que, fóra da súa área natural de distribución, causa a morte das árbores que infecta en cuestión de semanas cando se dan as condicións climatolóxicas adecuadas (elevadas temperaturas e baixas precipitacións que  estresan ao arboredo), que xa se dan na maior parte da península ibérica.

En 1999, detectouse por primeira vez en Europa, concretamente no distrito de Setúbal, en Portugal, preto de Lisboa. Sospéitase que chegou alí en barco, nun cargamento de madeira infectada. Tras esa introdución accidental a súa expansión foi constante e imparable, chegando na actualidade para infectar gran parte do territorio portugués.

A lombos dun escaravello: así invade o nematodo os bosques ibéricos

En España detectáronse xa varios focos illados en zonas próximas á fronteira con Portugal en Extremadura, Galicia e Castilla e León. Algúns destes focos son seguramente consecuencia do transporte de madeira infectada desde Portugal que se puidese producir a pesar das restricións impostas para evitar a expansión da enfermidade.

Outros focos poderían deberse a saltos por medios naturais desde as zonas infectadas, cada vez máis próximas á nosa fronteira. Varios destes focos puideron xa ser erradicados polos servizos de sanidade forestal, mentres que noutros se continúa traballando para conseguilo, sendo o sur de Galicia a zona máis crítica atendendo ao maior número de focos activos existentes na actualidade.

Voar sen ás

Unha particularidade do  nematodo é que, en por si, non ten capacidade de desprazarse dunha árbore a outra. Para facelo necesita da axuda dun insecto que o transporte. O aliado necesario en Europa atopouno nun escaravello da nosa fauna autóctona, o chamado  Monochamus galloprovincialis, un insecto de longas antenas común nos nosos bosques que se alimenta das pólas e perfora a codia das árbores para facer as súas postas.

1 comentario

  1. Rueda de Vil, espabila! Motobombas “de vacacións” co monte e casas ardendo, pragas incontroladas, nenos aplastados por muros en colexios, 500 vellos mortos nas residencias durante a covid… Incompetente!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A guía definitiva para frear a expansión da velutina en Galicia

O documento elaborado pola Asociación Nacional de Empresas de Sanidade Ambiental establece protocolos de actuación para protexer a poboación, a apicultura e a biodiversidade

Chegará o avespón oriental a Galicia? “A froita que vén do sur podería traer exemplares ocultos”

O cambio climático e o comercio de mercancías incrementan o risco de expansión desta especie invasora cara ao noroeste peninsular

As acacias ameazan os bosques atlánticos: “Producen unha perda clara de biodiversidade”

Unha investigación das universidades de Vigo e Coimbra advirte que a expansión desta especie invasora altera a estrutura da vexetación, a calidade do solo e as comunidades de invertebrados

A invasión silenciosa da catorra arxentina en Galicia

O avance desta especie exótica ameaza a biodiversidade, os cultivos e mesmo a saúde pública, mentres os expertos reclaman unha resposta institucional urxente