Venres 29 Marzo 2024

Un estudo constata a menor diversidade de liques nos eucaliptais de Galicia

Investigadores da Universidade de Vigo estudaron as diferenzas na presenza destes organismos en plantacións de piñeiros e eucaliptos

Os liques son, tal e como leva moito tempo expoñendo a ciencia, un gran indicador da calidade do aire e os ecosistemas nos que están presentes. Estes organismos, produto da unión simbiótica entre un fungo e unha alga, tinguen de verde os bosques de moitas partes do mundo. Coñecer como se distribúen non só nos bosques, senón tamén en plantacións forestais, é un traballo no que decidiron adentrarse xa hai anos investigadores galegos como María Calviño Cancela, do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo. Calviño, xunto aos seus compañeiros Max Neumann e Eugenia López de Silanés, acaba de publicar na revista Forest Ecology and Management un traballo no que conclúe, entre outros datos, que as plantacións de piñeiros Pinus pinaster “ofrecen un hábitat mais adecuado para os liques que as dos eucaliptos de Eucalyptus globulus“.

Segundo os resultados do traballo, os piñeirais “albergan máis abundancia e diversidade de liques”, e, así, isto pode “facilitar tamén a presencia e abundancia de outros organismos asociados aos liques”, expoñen nas conclusións. Os investigadores escolleron as dúas plantacións máis usadas en Galicia, e tamén noutras partes do mundo. Con todo, destacan a diferenza de que “Pinus pinaster é unha especie nativa da península ibérica, mentres que E. globulus é unha especie introducida orixinaria de Australia”, un matiz que, segundo María Calviño, “se relaciona en moitos casos co grado de integración da especie nas comunidades, entendido como a cantidade de relacións que establece con outros organismos, o que leva frecuentemente a que as especies autóctonas alberguen máis diversidade“.

Publicidade

O novo artigo procede doutro traballo de 2013 que constatou as diferenzas na presenza de liques tamén respecto a bosques autóctonos

O novo artigo relaciónase con outro publicado en 2013 na mesma revista, e tamén liderado por Calviño, no que se comparaban as comunidades de liques epífitos (que crecen sobre os toros das árbores) en bosques nativos dominados por carballos, respecto a piñeirais de P. pinaster e eucaliptais de E. globulus, analizando diferentes etapas de idade no caso dos eucaliptos.

Naquela investigación xa se atopara que “a diversidade e abundancia de liques era maior en bosques nativos e en piñeirais, e moito menos en eucaliptais, sobre todos nos mais novos”, segundo María Calviño. E tamén viran que “os bosques autóctonos tiñan unha composición de especies moi diferenciada dos demais, coa porcentaxe mais elevada de especies únicas, que non apareceron nos demais tipos de hábitats forestais, de piñeirais e eucaliptais, e estiveron mais asociados coas especies de maior importancia dende o punto de vista da conservación: aquelas menos comúns”.

Análise en profundidade dos liques

O traballo de 2013 levou ao equipo a querer saber máis detalles sobre estas variacións na presenza dos liques e as diferenzas no caso da idade das plantacións de eucalipto. Naquel estudo, explica Calviño, “seleccionamos tres idades diferentes de eucaliptais, pero os piñeirais eran todos plantacións maduras, que, polo tipo de xestión destas plantacións e dos eucaliptais, son de mais idade ca os eucaliptais, que teñen ciclos moi curtos”.

A pregunta a que querían dar resposta era comprobar se a menor capacidade dos eucaliptais para acoller liques era polo feito de seren máis novos. Así, analizaron plantacións de pinos e eucaliptos nas mesmas idades, en concreto en 5 intervalos de idade ata os 25 anos, que lles permitiu estudar os cambios na abundancia (porcentaxe da superficie cuberta de liques), diversidade (número de especies distintas) e composición (semellanzas e diferenzas en canto ao tipo de especies), ao longo do proceso de colonización dos troncos polos liques.

A partir disto, o equipo realizou mostraxes en cinco localidades da provincia de Pontevedra. Os achados constataron que os piñeirais “teñen máis abundancia e diversidade de liques cós eucaliptos en tódalas idades, con entre 2 e 17 veces máis superficie de tronco cuberta de liques, e entre 2,5 e 6,5 veces maior numero medio de especies, dependendo da idade”. Ademais, o traballo expón que “a medida que as árbores teñen máis idade, vanse acumulando máis especies de liques e cóbrese maior superficie”; un proceso que, en palabras dos investigadores, tamén “é máis intenso nos piñeiros ca nos eucaliptos”.


Referencia: Contrasting patterns of lichen abundance and diversity in Eucalyptus globulus and Pinus pinaster plantations with tree age (Publicado en Forest Ecology and Management).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os liques das Illas Atlánticas seguen sen recuperar a situación anterior ao “Prestige”

O Parque Nacional acolleu o primeiro estudo a nivel mundial sobre rexeneración de liques en zonas tratadas con biorremediación

Un estudo galego, pioneiro en constatar o dano da velutina na polinización

Dúas investigadoras da UVigo ofrecen "a primeira evidencia científica mundial" do impacto da vespa nos insectos que contribúen á reprodución das plantas

Ciencia cidadá para medir a calidade do aire a través das especies de liques

Estudantes de Pontevedra participan nun proxecto dirixido polo CSIC para identificar especies indicadoras dos niveis de contaminación

Máis de 80.000 exemplares eliminados, balance da 2ª deseucaliptización simultánea

As actividades celebradas entre o 1 e o 15 de xuño reuniron preto de 400 persoas para eliminar especies invasoras e plantar exemplares autóctonos