Como impactan as plantacións de eucalipto nos vertebrados? Así o estudan na UVigo

Os científicos Guillermo Velo e María Calviño investigan o efecto de 'Eucalyptus globulus' na diversidade, abundancia e composición dos animais

Un equipo da Universidade de Vigo (UVigo) está a investigar o efecto que as plantacións e os hábitats dominados polo eucalipto poden ter sobre os patróns de diversidade e abundancia dos vertebrados. Así mesmo, se é posible que provoquen cambios nas especies que os habitan. A iniciativa está liderada por Guillermo Velo Antón xunto con María Calviño, que leva anos estudando os efectos dos eucaliptais en comunidades de distintos grupos de organismos, incluíndo liques, musgos, plantas vasculares e aves, en dous proxectos anteriores.

A inicitiva liderada pola UVigo, que rematará en 2027, conta cun orzamento de 170.000 euros. Tamén están involucrado o Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos (CIBIO) da Universidade de Porto.

Publicidade

Un proxecto, dous estudos relacionados sobre o eucalipto

O proxecto comprende dúas liñas de traballo. Por unha banda, o equipo céntrase en determinar se os hábitats forestais dominados pola árbore exótica Eucalyptus globulus poderían ter un efecto sobre os patróns de diversidade, abundancia e composición das comunidades de vertebrados. Nunha segunda parte do proxecto tratarase de estudar as posibles diferenzas entre hábitats nestes grupos, por exemplo cambios de tamaño, condición corporal e dieta, comparando hábitats autóctonos e exóticos.

Como avanza Velo Antón, os científicos agardan que “os vertebrados amosen alteracións nalgúns trazos do seu ciclo de vida —por exemplo morfolóxicos ou na dieta— en resposta ás diferenzas ambientais entre os hábitats forestais. Esperamos que a magnitude do impacto estea asociada ao tipo de hábitat forestal e diferirá entre os grupos de vertebrados”. 

Publicidade

Catro hábitats e 40 parcelas de estudo

O proxecto céntrase en catro tipos de hábitat que representan unha tendencia de aumento da perturbación e de diminución da integridade ecolóxica, desde bosques nativos ben conservados ata plantacións intensivas de eucalipto, pasando por hábitats “mixtos” dominados por árbores exóticas ou nativas. No que se refire aos vertebrados, o equipo estuda a presenza de aves e mamíferos con métodos indirectos, como gravacións do canto e fototrampeo, e de anfibios e réptiles, mediante a súa observación directa en traxectos previamente establecidos. 

Imaxes capturadas polas cámaras de fototrampeo.

Durante o primeiro ano de traballo, o equipo de investigación centrou os seus esforzos na revisión e selección de parcelas de mostraxe, así como na recollida de datos para comparar patróns de diversidade entre hábitats. Actualmente, explica Velo Antón, “dispoñemos de gravacións de cantos de paxaros e fotografías de mamíferos recollidas con cámaras de fototrampeo para as 40 parcelas de estudo, situadas todas elas no interior da provincia de Pontevedra”.

O proxecto continuará estudando as posibles diferencias en diversidade, abundancia e composición das comunidades de vertebrados noutras parcelas, ao tempo que comeza o traballo de campo para a captura de exemplares de catro especies representativas de vertebrados e a recollida de datos de morfoloxía e dieta para comparar entre hábitats e entre os grupos de vertebrados. 


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un método matemático galego axuda a controlar os niveis de glicosa en diabéticos

O sistema desenvolvido polo CITMAga estase a aplicar para predicir o crecemento de tumores e optimizar terapias contra o cancro

O proxecto da UVigo que aposta pola pesca sostible do bonito a través da innovación

A iniciativa, liderada dende o País Vasco, promove prácticas pesqueiras responsables e respectuosas co medio ambiente

Así é o plan para crear refuxios climáticos nos concellos e loitar contra as vagas de calor

A UVigo creará unha metodoloxía que permita identificar estas zonas en cada localidade e así protexer a poboación de episodios adversos

A cuarta edición do concurso Youtubers Científicos ábrese a estudantes de secundaria

A iniciativa da UVigo busca identificar e apoiar os futuros creadores de contidos relacionados coa divulgación da I+D+i