Unha aplicación da UDC para mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras

O proxecto do CITIC implica o uso de reloxos e pulseiras intelixentes que rexistrarán distintas variables para valorar o estado de saúde das usuarias

Un equipo da Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) busca coñecer a calidade de vida das persoas coidadoras. Para iso, acaba de lanzar o proxecto TechQoL4Carers co obxectivo de desenvolver unha solución tecnolóxica —denominada CuidaconTIC— que pretende investigar o impacto dos coidados, o equilibrio ocupacional, a autoxestión da saúde e o apoderamento das persoas coidadoras informais. Para iso, usaranse dispositivos wearables —reloxos e pulseiras intelixentes— e unha aplicación móbil que rexistrará distintas variables que permitan, en conxunto, valorar o estado de saúde dos usuarios.

Segundo explicaron na presentación deste proxecto, celebrada o pasado venres, a plataforma CuidaconTIC destaca polo uso de dispositivos que permiten rexistrar datos de saúde das persoas coidadoras de forma continua. A información recollida será sobre a actividade física —pasos, distancia, tempo activo e calorías queimadas—, o sono —tempo total, fase REM, sono lixeiro e profundo, e tempo esperto— e a frecuencia cardíaca —mínima, media e máxima diaria—. Ademais, sincronízanse con aplicacións como Google Fit para facilitar a visualización e xestión dos datos de saúde. Esta plataforma permite un acceso inmediato aos datos, ofrece recomendacións personalizadas para mellorar a calidade de vida e promove a conciencia sobre a saúde, ao propoñer obxectivos claros de actividade e descanso.

Publicidade

Tecnoloxía inclusiva

O proxecto TechQoL4Carers está coordinado polo grupo de investigación TALIONIS en colaboración co grupo LIA[2], ambos pertencentes CITIC, e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Unión Europea (UE) a través dos fondos Next Generation. A iniciativa baséase nunha plataforma web interconectada cunha aplicación móbil e dispositivos wearables. Esta solución ofrece un conxunto de servizos personalizados que permitirán as persoas coidadoras informais recoller e facer un seguimento de datos sobre a súa calidade de vida, equilibrio ocupacional, impacto dos coidados e saúde en xeral. As persoas coidadoras recibirán notificacións e suxestións baseadas nos seus datos, ademais de acceder a contidos de formación en liña que lles proporcionarán apoio nas súas tarefas de coidado e autocoidado.

As mulleres, principais coidadoras

En España, entre o 10,8% e o 23% da poboación asume un rol de coidador informal, dedicando, na maioría de casos, máis de 20 horas á semana a esta actividade. As mulleres representan a case un 90% das persoas coidadoras, especialmente entre os 45 e 64 anos. O impacto deste labor é significativo, presentando tanto aspectos positivos como negativos na vida destas persoas. A crise mundial provocada pola pandemia da covid acentuou a necesidade de responder con urxencia o reto social dos coidados.

Publicidade

CuidaconTIC propón ser unha ferramenta clave neste contexto, ofrecendo recursos como un resumo diario de datos de saúde, visualización de información relacionada coa actividade física e o sono, un cuestionario semanal sobre o benestar e un sistema de asesoramento personalizado. Ademais, a integración de dispositivos wearables permitirá a recollida continua de datos de saúde, facilitando o seguimento da calidade de vida e promovendo un estilo de vida saudable.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadoras da UDC exploran o potencial da tecnoloxía en nenos con parálise cerebral unilateral

Os resultados en menores de entre 3 e 7 anos amosan unha maior implicación da extremidade afectada durante tarefas motivadoras

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Como afrontar a posmenopausa: “O exercicio é a chave de ouro para protexernos”

O proxecto CARE da Universidade da Coruña emprega o adestramento de forza para mellorar a saúde cardiovascular nesta etapa vital

A verdadeira identidade do lobo cerval das lendas galegas: a UDC identifica restos do extinto lince boreal

Unha investigación arqueolóxica atopa nunha sima dos Picos de Europa un esqueleto case completo da especie, datado en 210 anos de antigüidade