Envita, historias de vida para mellorar o coidado dos maiores

A empresa de Pontevedra aproveita o seu know-how na atención a este colectivo para desenvolver un proxecto innovador

O equipo humano de Envita aplica a experiencia coa que conta na xestión de residencias neste novo proxecto. Foto: Envita

A experiencia na xestión de centros de maiores en varios puntos da provincia de Pontevedra é a base do proxecto de Envita, unha empresa que aposta por un cambio de paradigma no coidado a este colectivo que vaia moito máis alá da atención que se presta habitualmente neste tipo de centros. Unha nova metodoloxía permite dar un paso adiante na atención psicolóxica no coidado dos maiores, moito máis necesaria despois da pandemia da Covid-19.

Noelia López, CEO de Envita, explica que o proxecto ía iniciarse antes da chegada da pandemia  pero finalmente tivo que aprazarse ata principios deste mesmo ano. “Contamos con dous tipos de produtos, as historias de vida e o plan de atención e vida que estamos a ofrecer ás distintas institucións que traballan con maiores. Estamos a ter unha boa acollida e xa contamos con clientes de Galicia e tamén de fóra”.

O uso da tecnoloxía é un dos elementos esenciais do proxecto de Envita pero tamén o é ofrecer aos profesionais do sector de atención aos maiores materiais didácticos axeitados para traballar con eles. Outro dos puntos importantes é o de propoñer solucións tecnolóxicas moi sinxelas para que os propios maiores poidan familiarizarse con este tipo de ferramentas que van a axudarlles tamén a exercitar a súa memoria.

“O programa Envita Stories”, sinala López, “consiste nunha plataforma que permite ás institucións que atenden aos maiores ofrecerlles a posibilidade de facer un retrato das súas vidas. Utilizamos diferentes tipos de ferramentas que permiten ata construír a banda sonora da vida dun ancián. O produto final pode converterse nun libro en versión física e virtual que se entrega nunha pequena cerimonia ao propio protagonista”.

Outro dos programas da empresa concretase na app Envita Plan, unha ferramenta práctica e participativa que permite dixitalizar o modelo de atención centrado na persoa. Deste xeito, favorécese a comunicación entre os maiores, os profesionais de referencia e as propias familias dos usuarios dos centros.

Este tipo de solucións son o inicio dun camiño para un cambio de cultura dos coidados que se fixo máis evidente aínda co impacto da pandemia nas residencias. Dada a longa experiencia dos creadores de Envita neste ámbito teñen moi claro que é necesario afrontar un cambio na cultura das organizacións e apostar por poñer como prioridade o proxecto de vida das persoas maiores. As solucións que ofrece Envita van nesta dirección. “Necesitabamos novos instrumentos para poñer en marcha este novo modelo”, indica López.

A necesidade dun cambio na cultura dos coidados se fixo máis evidente tralo impacto da pandemia nas residencias de maiores

Envita formou parte da aceleradora Vía Galicia e tamén estivo no programa “Principia”, ámbolos dous apoiados pola Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia. Este último resultou “moi importante” para a start-up xa que lles permitiu a contratación dun digital manager, entre outras cousas. A compañía tamén foi unha das seleccionadas no programa Connect-19, organizado pola Xunta e Tecnópole, que lle permitiu avanzar no proceso de dixitalización dos plans de atención e vida.

López agarda que este novo modelo de atención aos maiores que promove Envita acabe por estenderse por Galicia, en particular, e por España, en xeral, como xa ocorre noutros países do norte de Europa e tamén en Estados Unidos. Cara ao ano que vén Envita tamén vai estudar a posibilidade de ofrecer os seus produtos e metodoloxía noutros países. “Contamos tamén cunha ampla experiencia en materia de formación que nos permitiu formar xa a máis de 3.000 profesionais en toda España e iso tamén é importante cara ao desenvolvemento deste proxecto”, conclúe López.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.