O prognóstico meteorolóxico é claro: a semana estará protagonizada pola chegada dunha nova DINA. A depresión illarase dun embolsamento de aire frío que se desprazará dende Francia ata o nordeste da península, deixando sentir os seus primeiros efectos este martes. Está previsto que as chuvias máis intensas se produzan na vertente mediterránea a mediados de semana. Conforme vaian pasando os días, a DINA desprazarase cara ao oeste. Está previsto que afecte a Galicia, xa convertida en borrasca, a partir do xoves. De feito, o sábado espérase un 70% de probabilidade de precipitación. Con todo, Meteogalicia agarda que este episodio non teña “gran incidencia”, malia que o organismo autonómino seguirá moi de preto a súa evolución.
A DINA estará acompañada dunha masa de aire frío de orixe polar que provocará un brusco descenso das temperaturas entre o martes e o mércores. Galicia sentirá esa diminución dos valores máximos, ao igual que no resto da península, e pasarase dos 23 graos que rexistraron Vigo e Pontevedra este luns a tan só 16 o mércores. En cidades como Lugo non se superarán os 11 graos. En canto ás precipitacións, agárdanse no norte de Galicia e na montaña de Ourense entre xoves e venres. Será o sábado cando haxa unha previsión de chuvia xeneralizada en todo o territorio.
Cales serán as zonas máis afectadas pola nova DINA?
Segundo o prognóstico da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), que emitiu un aviso este luns, a DINA causará “precipitacións moi fortes e persistentes, localmente torrenciais, en Baleares e área mediterránea peninsular, a partir do martes”. A humidade do Mediterráneo no leste será un factor engadido a este fenómeno meteorolóxico adverso, no que se prevén chuvias intensas e, incluso, temporal marítimo. A AEMET non descarta que se produzan precipitacións fortes no Cantábrico e no centro peninsular, mais a zona máis afectada, segundo as previsións, volverá ser o Mediterráneo.
O episodio comezará este martes con chuvias “localmente fortes e persistentes” tanto nas illas Pitiusas como en Mallorca. Aínda así, será no litoral entre Barcelona e Alacant onde se prevén as precipitacións con maior intensidade. Esta DINA chega despois do devastador fenómeno de hai dúas semanas, que causou máis de 200 mortos e que afectou principalmente a Valencia. Con todo, dende o portal Meteored, o meteorólogo Samuel Biener trata de lanzar unha mensaxe de calma: “Aínda que vaian a producirse chuvias localmente moi intensas, a gota fría terá un desprazamento máis rápido, polo que os acumulados non serán tan destacables”. E incide: “O que sucedeu hai uns días en Valencia foi algo excepcional”.
Do Mediterráneo ao Atlántico
A AEMET prognostica que a DINA se comece a desprazar polo resto da península a partir do mércores, cando a probabilidade de precipitación aumente en boa parte do territorio. De novo, as zonas que poderían verse máis afectadas por este episodio serán a franxa mediterránea comprendida entre o delta do Ebro e o cabo da Nao, así como as provincias andaluzas de Málaga e Granada, Murcia, e a meseta sur. “É probable que xa a partir do sábado 16 as precipitacións comecen a perder intensidade na área mediterránea e se trasladen á vertente atlántica e ao Ampurdán”, di o comunicado da AEMET, onde tamén se advirte da elevada incerteza deste tipo de episodios.
Galicia vivirá un comezo de semana no que predominará a estabilidade. Malia que as temperaturas baixarán bruscamente entre martes e mércores, comezarán a recuperarse a partir do xoves. Precisamente ese día o territorio galego quedará nunha situación intermedia entre as altas presións, situadas sobre Irlanda, e as baixas presións do suroeste peninsular. É dicir, a DINA prevista para esta semana. Para a fin de semana, con esa borrasca derivada da depresión, chegarán as chuvias xeneralizadas e, tamén, un descenso térmico. Malia que os valores serán, tal e como indican dende Meteogalicia, “propios da época do ano”.