Venres 29 Marzo 2024

Homenaxe do Colexio de Enxeñaría Informática a Ángela Ruiz no seu 125º aniversario

A familia da profesora e inventora ferrolá participou en Santiago nun acto celebrado na Escola Técnica Superior de Enxeñaría

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) recoñeceu este martes a transcendencia para a enxeñaría informática do labor de Ángela Ruiz Robles (Villamanín- León, 1895–Ferrol, 1975), unha mestra e inventora da que este mes de marzo se cumpre o 125º aniversario do seu nacemento. No marco do Día Internacional da Muller, que se celebra o vindeiro domingo día 8, tivo lugar un acto celebrado na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC ao que asistiron, en nome da homenaxeada, tres das súas netas, Mª Luisa, Mª del Carmen e María Elvira Souto Grandal, que recibiron das mans do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a figura institucional do Colexio profesional. Participou tamén no acto a directora da ETSE, Julia González, e o subdirector da ETSE, David Losada, xunto a profesores da escola.

Emocionada, a súa neta María Luisa Souto agradeceu, en nome da familia de Ángela Ruiz Robles, este recoñecemento ao CPEIG, e asegurou que a súa avoa lle tería encantado estar neste auditorio, cursar estudos e investigar nesta escola. Describiu a Ángela como unha persoa “moi sinxela, sociable, respectuosa e traballadora por natureza”, un traballo, o da ensinanza, ao que segundo relatou María Luisa dedicaba moitas horas, “sempre con paixón e por vocación, e nunca por diñeiro”. Facendo memoria do tempo compartido con súa avoa, María Luisa precisou que ademais Ángela tiña moitas máis inquietudes, e tamén pintaba, escribía poesía, investigaba, e como non, facía tarefas propias da muller da época como cociñar ou bordar.

Publicidade

Na súa intervención, Fernando Suárez fixo unha análise xeral da situación actual da enxeñaría en informática e do papel da muller, unha profesión que segundo indicou sufre unha alta masculinización, con apenas un 17% de mulleres. A pesar destes datos negativos, tanto no ámbito académico como profesional, Fernando Suárez asegurou que a informática tamén é cousa de mulleres, e foron moitas as que xogaron un papel crucial durante décadas, como a coñecida Ada Byron, filla do poeta Lord Byron, que pasará á historia como a primeira programadora e da que o CPEIG adoptou o nome para un dos seus premios da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.

Ademais, lembrou outras figuras femininas excepcionais do sector tecnolóxico, como Grace Murray Hopper, creadora do primeiro compilador; Anita Borg, fundadora do Instituto da Muller e a Tecnoloxía; Hedy Lamarr, estrela do Hollywood clásico e inventora do espectro ensanchado por salto de frecuencia que se utiliza nos GPS, Bluetooth ou nas conexións WIFI; ou Ana María Prieto, a primeira programadora galega. “Neste olimpo brillan con luz propia figuras patrias como a ferrolá Ángela Ruiz”, expuxo Suárez.

Doña Angelita, a ferrolá que inventou o libro electrónico

Ángela Ruiz amosou desde cativa a súa paixón e vocación pola ensinanza, polo que cursou estudos superiores na Escuela Normal de Maestros de León onde impartiu as súas primeiras clases de taquigrafía, mecanografía e contabilidade mercantil. Con só 22 anos foi nomeada directora do Grupo Escolar para nenas en Santa Lucía de Gordón (León), e obtivo a praza de mestre en 1918, na convocatoria de oposicións para Maxisterio Español, e incorporouse ao seu destino na escola da parroquia de Santa Uxía de Mandiá, en Ferrol, onde comezou a dar clases gratuítas á poboación.

En 1934, foi destinada a Serantes, como xerente da Escuela Nacional de Niñas del Hospicio nesta parroquia do Concello ferrolán. Anos despois, foi designada profesora da Escuela Gratuita e finalmente en 1948 trasladouse á Escuela Nacional Ibáñez Martín (o actual CEIP Recimil) da que foi directora ata a súa xubilación. De forma complementaria, daba clases gratuítas nocturnas na Escuela de San José Obrero e creou a academia privada Elmaca, onde impartía clases de bacharelato, telégrafos, estudos mercantís e correos. Por todo este labor social e pedagóxico, Ángela recibe en 1947 a Cruz de Alfonso X El Sabio, para finalmente ingresar en 1949 na Orde de Alfonso X El Sabio.

Ademais do seu labor docente, dona Angelita desenvolveu tamén unha extensa obra científica. Escribiu un total de dezaseis libros entre 1938 e 1946, ideou diferentes inventos entre 1944 e 1949 e impartiu multitude de conferencias. Pero o seu proxecto máis relevante foi a invención da Enciclopedia Mecánica, patentada en primeiro termo con data do 7 de decembro de 1949. O 10 de abril de 1962, o Ministerio de Industria concédelle a segunda patente de invención do Libro Mecánico- Enciclopedia Mecánica “Aparato para lectura e exercicios diversos”.

María Luisa Souto amosa o Atlas Gramatical ideado pola súa avoa, Ángela Ruiz. Foto: CPEIG.
María Luisa Souto amosa o Atlas Gramatical ideado pola súa avoa, Ángela Ruiz. Foto: CPEIG.

Ángela dirixiu os traballos do prototipo da enciclopedia mecánica, construído no Parque de Artillería de Ferrol. Xa en 1970, Ángela rexeitou unha oferta estadounidense para explotar as súas patentes ao querer que o libro mecánico fose desenvolto na súa terra. “Estou segura de que se o libro mecánico se editase, chegaríase a utilizar ao igual que o fixemos as súas netas con outras obras como o Atlas Gramatical” –asegurou María Luisa–. A enciclopedia formou parte da Exposición do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago de Compostela, de 2006 a 2012, ano no que pasou a formar parte da exposición permanente do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña.

Na década dos 50, Ángela Ruiz comeza a recibir multitude de recoñecementos nacionais e internacionais á invención. Ademais da honra da Cruz da Orde de Alfonso X El Sabio, Ángela recibe do Ministerio de Educación Nacional o Lazo da mesma Orde. En 1952 foi Medalla de Ouro e Diploma na 1ª Exposición Nacional de Inventores Españoles. En 1957 recibe o Óscar á invención na Feira Oficial e Nacional de Zaragoza e a medalla de bronce na Exposición Internacional de Bruxelas, ao igual que en 1958 polas novidades pedagóxicas. Xa en 1963 consegue a medalla de prata na Exposición Internacional de Invencións de Bruxelas, ademais doutras distinción similares en anos consecutivos. En 1978 é nomeada xefa provincial da Federación Politécnica Científica da Inventiva Internacional.

Xa en datas recentes, o Concello de Ferrol celebrou en 1998 unha homenaxe no que lle dedicou unha placa conmemorativa ao seu labor no Colexio Público Ibáñez Martín (actual Recimil), o seu último lugar de traballo. En 2013, os ministerios de Economía e Educación editaron Ángela Ruiz Robles y la invención del libro mecánico. En 2016, foi protagonista do Doodle de Google. En 2018, tamén sae á luz a curtametraxe “Mbook. O libro mecánico de Ángela Ruiz Robles”, de Cristina Esteiro e Carlos A. Quirós, de Cuerda Floja Producións, onde se conta a historia dunha mestra e paralelamente a dunha rapaza que vai á escola. Foi gravado co apoio do Concello de Ferrol para o Día Internacional da Muller, e foi proxectado no prestixioso Festival de Cine de Málaga na súa edición de 2019.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que fai a supercomputación galega nun xacemento exipcio de hai 3.500 anos?

O CESGA almacena nun repositorio seguro a información das campañas de escavación que se desenvolven na antiga cidade de Tebas

O catedrático da UDC García Mira leva os seus estudos en psicoloxía ambiental ata Filipinas

A Universidade de Santo Tomás organizou unha conferencia sobre o papel da ciencia psicolóxica para abordar o impacto do cambio climático

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética