Homenaxe a Ana María Prieto, a primeira programadora galega

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou este mércores, co gallo da semana na que se celebra o Día da Muller, un acto de recoñecemento a Ana María Prieto Díaz (Santiago de Compostela, 1942-Becerreá, 2018), a primeira programadora informática galega, e tamén unha das pioneiras en toda España. Na homenaxe participaron a filla de Ana María, Clara Iria García Prieto, e o seu víuvo, Antonio García López, que recibiron a primeira figura institucional da entidade de mans de Fernando Suárez, presidente do CPEIG.

No acto, que tivo lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago, a súa filla Clara Iria lembrou a humildade e discreción que caracterizaron a Ana María Prieto, contando como a propia familia non se decatou ata moitos anos despois da importancia do traballo que fixera. A figura da primeira programadora galega foi rescatada polo xornalista Henrique Neira, que entrevistou a Prieto para o seu libro Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía (ligazón en PDF) editado en 2015 polo CPEIG.

Publicidade

Fernando Suárez dedicou tamén unhas emotivas palabras a Ana María Prieto: “Deu un paso adiante en prol da igualdade, e a pesar das dificultades, conseguiu abrirse camiño con valentía e carácter emprendedor nunha profesión masculinizada, compaxinándoa ademais coa súa vida familiar”.

Neste punto, o presidente do CPEIG insistiu na necesidade actual de incorporar mulleres á carreira profesional de Enxeñaría en Informática, que aínda presenta unhas cifras moi baixas, do 12-13% de matriculación, nos primeiros cursos da titulación universitaria. “Nun presente e futuro dixitais é preciso normalizar a presenza da muller en todos os ámbitos da profesión, potenciando a representación feminina na Enxeñaría en Informática e noutras disciplinas técnicas”.

Publicidade

Despois de deixar os estudos d Farmacia, con 21 anos, en 1963, Ana María Prieto realizou en Madrid un curso de informática da empresa Bull General Electric. “Naquel momento, ao non existir aínda facultades de informática, a formación realizábase nas empresas”, conta Neira na súa obra. As imaxes cedidas pola familia para esta publicación amosan a Ana María Prieto en oficinas rodeada de homes. No nacente mundo da informática, as mulleres traballaban sobre todo como operadoras, pero apenas se dedicaban a tarefas máis técnicas. Nunha destas imaxes aparece xunto a Juan Carlos de Borbón.

Hai tres anos, nunha entrevista de Suso Varela en La Voz de Galicia, a programadora contaba que exerceu durante seis anos en Madrid ata que en 1969 regresou a Galicia para traballar como informática na Caixa de Aforros. Porén, en 1973, casou e deixou o traballo para regresar a Becerreá, onde pasaba os veráns na infancia. “Tiña moitas ganas de ter unha familia, e iso puido máis que a miña carreira como programadora”, dixo na entrevista.

A filla e o viúvo de Ana María Prieto, na homenaxe celebrada en Santiago. Foto: CPEIG.
A filla e o viúvo de Ana María Prieto, na homenaxe celebrada en Santiago. Foto: CPEIG.

Con todo, seguiu empregando os seus coñecementos na empresa familiar, Almacenes Zoilo, unha firma dedicada á construción na que traballou ata a súa xubilación. “Compramos un microordenador que fun programando para mecanizar toda a empresa. En Becerreá ninguén se enteraba, estaba soa nun piso programando e atendiendo á miña familia”, contaba para La Voz.

O anonimato desta pioneira durou ata despois do seu falecemento. A casualidade quixo que Manuel Vicente, director do programa Efervesciencia, intentara poñerse en contacto con ela en xuño de 2018 para entrevistala no seu programa. Pero ao chamala por teléfono, saíu unha mensaxe dicindo que o número non existía. Contactou entón Manuel con Henrique Neira, e ambos descubriron na rede a esquela de Ana María, con data do 19 de xuño de 2018

Na homenaxe deste mércores a Ana María Prieto tamén estiveron presentes o director da ETSE, Antonio Mosquera; o ex reitor da USC, Juan Casares Long e o exdirector do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e vogal do CPEIG, Javier García Tobío.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As consecuencias das chuvias torrenciais sobre Ourense

MeteoGalicia rexistra 5.990 raios nas últimas 24 horas e un máximo de vento de 71,6 km/h en Viana do Bolo, un dos concellos máis afectados

Un potente anticiclón chega a Galicia: estamos ante a primeira onda de calor do ano?

As temperaturas poderán ser as máis altas rexistradas para esta época do ano entre finais da semana e comezos da próxima

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior