12:30 horas do 28 de abril de 2025. Unha data e unha hora que quedan xa inscritas na historia. Foi o momento no que os aparellos conectados á corrente eléctrica deixaron de funcionar. Nos teléfonos comprobamos que non era cousa dos nosos fogares ou dos nosos centros de traballo. O apagamento era xeral; en Galicia e en toda a península ibérica. Esta é a crónica dunha xornada sen precedentes. De como respondemos á pregunta de que ocorrería se un día marchase a luz.
O primeiro termómetro do caos foron as estradas e a rede ferroviaria. Deixaron de funcionar os semáforos e o tráfico no centros das cidades, especialmente as grandes como Vigo ou A Coruña, comezou a colapsar. Os trens detivéronse deixando en terra a milleiros de pasaxeiros e a outros tantos atrapados no seu interior. Como tamén aconteceu con centos de persoas aos que o apagamento os colleu dentro de ascensores. Algúns, no probablemente máis famoso de Galicia, o HALO de Vigo.
As sirenas das patrullas dos coches de policía sumaban máis tensión ao ambiente nas rúas, nas que a xente non despegaba a mirada do móbil para tratar de entender o que estaba a acontecer. En hospitais e no resto de servizos esenciais saltaban os grupos electróxenos de emerxencia para garantir o abastecemento de enerxía en puntos críticos. E tamén agromaban as primeiras mensaxes de confusión, con vídeos en redes de supostos incendios que afectaban a puntos críticos como a refinaría da Coruña. Os responsables das columnas de fume que dispararon as alarmas en varios lugares eran os propios sistemas enerxéticos de emerxencia, que ao activarse desprenden intensas fumaredas.
Primeiras comunicacións oficiais. Red Eléctrica fala dun “cero” no sistema. Unha voz desde unha radio traduce: fundiron os plomos de todo Estado. Un problema xeneralizado e sen precedentes que non só afectaba a España. Tamén deixara sen luz a Portugal dependente da rede española, e a zonas do sur de Francia. As causas, ata ese momento, descoñecidas.
Que está a pasar?
A cobertura dos teléfonos comezaba a franquear. As chamadas cortábanse e as mensaxes entraban e saían aos golpes. Nos coches, os condutores pousaban a mirada na agulla do combustíbel; moitos, de camiño a recoller aos cativos a colexios e institutos. Desde a radio chegaban novas de que moitas gasolineiras non podían dar servizo porque os surtidores tamén dependen da rede eléctrica para funcionar.
As autoridades eran claras nas súas primeiras mensaxes á cidadanía. O primeiro de todo: manter a calma. O segundo: prudencia. Restrinxir ao máximo os desprazamentos para evitar o colapso nas estradas. Non acudir ás estacións de tren porque o tráfico ferroviario quedaba completamente anulado. Evitar chamadas ao 112 que non fosen por motivos de urxencia. Aforrar batería nos aparellos electrónicos todo o que se poida. Mesmo non abrir a billa por risco a que se desen problemas no bombeo da rede de auga.
Gabinetes de crise no Estado, comunidades autónomas e concellos. En Galicia, a Xunta activaba o seu plan de emerxencia ao mesmo nivel que se fixo co accidente ferroviario do Alvia en 2013. O presidente galego, Alfonso Rueda, desprazábase á Estrada, á sede da Axencia Galega de Emerxencias, para encabezar a coordinación da xornada, co foco posto en garantir a prestación de servizos públicos, fundamentalmente, a sanidade.
Todo mentres aumentaban as especulacións sobre os motivos do grande apagamento. Desde un ciberataque a un fenómeno atmosférico. Todo incógnitas e confusión, malia que desde Bruxelas desbotaban a idea dunha sabotaxe por medios informáticos. En Portugal, fálase dun problema na rede española que desligan dun hackeo.
As rúas, un fervedoiro
Namentres, as rúas das cidades galegas eran un fervedoiro. Co país colapsado e o sol quentando no ceo nun día propio de verán; parques, praias e terrazas comezaron a ateigarse de xente. Nas portas de comercios e tendas, empregados ca reixa a medio baixar agardaban por noticias. Algúns sen poder cerrar as portas de todo por medo a que non puidesen volver a abrir. Era a hora de comer e formábanse longas colas nas portas de panadarías e establecementos de comida preparada. Iso si, alertando que só se aceptarían pagos en efectivo. Os dispositivos de pago electrónico, ao igual que os caixeiros, non funcionaban.

Outros, desde as súas casas, rebuscaban en caixóns aquela vella radio a pilas para estar ao tanto do que estaba a acontecer. Desde as ondas chegaban as primeiras boas noticias do día: barrios de Ourense, como o da Ponte ou O Vinteún, recuperaban a luz parcialmente. Unha lista á que se foron sumando outros puntos das provincias de Lugo e Ourense grazas a que a súa subministración dependía de estacións de ciclo combinado ou hidroeléctricas. No resto da península, puntos do País Vasco e do sur de Andalucía tamén vían a luz, no seu caso, grazas á colaboración de Francia e Marrocos.
Adeus á cobertura
A pouca cobertura que acompañara ata entón desapareceu case por completo nas primeiras horas da tarde. E ante a previsión de que a volta á normalidade ía para longo, a xente lanzouse aos supermercados que podían operar grazas a grupos electróxenos. Auga, comida en conserva, pilas, candeas e cociñas de gas portátiles, os artigos máis demandados. Nos aeroportos galegos, que manteran a normalidade durante a primeira metade do día, comezaban a suspenderse saídas de voos.
A xente de visita en Galicia tampouco esquecerá este luns. Tres peregrinas procedentes de Toronto teñen problemas para reservar habitación de cara ao día seguinte en Pontevedra. Tampouco saben como chegar ao seu aloxamento. “Estamos a quedar sen cartos e os bancos están pechados”, relata Mary. As mulleres están máis calmadas ante os informes que apuntan que tardarán un máximo de 10 horas. Minutos antes, dixéronlle que ían durar varios días.
“Estábamos na universidade, tiñamos clase pola tarde e de súpeto chegou un profesor dicindo que tiñan que desaloxar, que ía soar a alarma”; asegurou Alba, estudante de Maxisterio, segundo informa Rubén Beiró. Xunto a Manuela e Lucía, despois de abandonar o edificio buscaron como volver aos seus fogares, algo preocupadas polos posibles atrasos. Aínda que o que máis lles alertaba eran os problemas de comunicación. “Os que temos familias noutras cidades, por exemplo, miña avoa, pódense poñer moi nerviosos”, explicou Alba.
En Santiago, unha nai e unha filla de Zaragoza chegan en taxi a un hotel ao carón da praza da Quintana. Primeiro problema, non teñen efectivo para pagar ao taxista, que colle os seus datos e quedan para verse ao día seguinte e saldar contas. Segundo problema, fixeran a reserva por unha plataforma en liña cando xa se fora a luz, pero o hotel non tiña rexistro dela. Sorte que había habitacións dispoñibles e, á luz das lanternas dos teléfonos, puideron rexistrarse (todo a boli e papel, obviamente) e dirixirse ás súas habitacións. “Hai que pensar que peor estarán os que quedaron atrapados nun ascensor”, chancea a filla con súa nai para tranquilizala.
Fala o presidente
Ás 18,00 horas da tarde subían o volume dos transistores: comparecía o presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez. Unha forte oscilación do sistema causara a interrupción xeral da subministración eléctrica, pero os motivos aínda eran descoñecidos. Sen descartar “ningunha hipótese”, o mandatario facía un chamado á prudencia e a só fiarse da información procedente de canles oficiais. E pedía un uso racional das comunicacións e o transporte.
Pasaban as horas e a luz continuaba sen regresar na meirande parte de Galicia, sobre todo, na faixa atlántica. Nos puntos nos que si volvera, ás veces, íase de novo. Os teléfonos perdían a cobertura de forma definitiva. E os servizos de guindastre daban unha mensaxe pola radio: só se atenderían as emerxencias. Nas estradas contábanse por ducias os coches que quedaran sen combustible cando intentaban chegar a unha gasolineira.
Lugo era a primeira gran cidade galega que recuperaba a corrente de forma xeral. Facíao cara as 19:30 horas da tarde, cando en barrios da cidade da Coruña deixaban de funcionar as billas de auga por problemas na rede de bombeos. Sucedíanse as mensaxes institucionais. Pasadas as 19:00 horas, o ministro Óscar Puente confirmaba que todas as persoas atrapadas en trens en Galicia polo apagamento xa foran evacuadas. Ás 20:30 horas, o presidente galego anunciaba que as clases e toda actividade deportiva quedaban suspendidas para este martes.

Caía a noite e xa pecharan a meirande parte dos negocios, tamén os bares. Resistían algúns, como un restaurante turco na Porta Faxeira de Santiago, ateigado de xente e con longas ringleiras de persoas agardando por ser despachados nun interior apenas iluminado pola luz que desprendían os asadores. A poucos metros de alí, os bombeiros achicaban auga dos baixos dun local, unha operación que se repetiu en moitos negocios de Galicia.
Á luz das candeas
Noite pecha en Galicia e a xente na rúa tiraba da lanterna do móbil para guiarse de camiño a casa. Os negocios que mantiñan luz chamaban a atención e as ventás iluminadas facíano de forma tenue grazas ás candeas. As patrullas dos coches de policía circulaban sen descanso e ata houbo quen aproveitou as temperaturas case tropicais para poder desfrutar do ceo estrelado. Cando se poderá volver a repetir a oportunidade de desfrutar das constelacións desde Príncipe, o Obradoiro ou María Pita?
A chegada da luz comezaba a espallarse por toda a xeografía galega. A moitos sorprendeunos na cama, dando un salto cas alarmas dos aparellos que volvían á vida. Para outros, foi a mellor nova ca que podían despertar, aínda que continuaba a confusión sobre se as clases se retomaban ou o funcionamento do transporte público. A normalidade volve devagar na mañá deste martes, día de resaca dunha xornada histórica e con moitos interrogantes aínda por responder.














