En actualización.
16.00 horas. Investigan a morte de tres membros dunha familia nunha casa de Taboadela (Ourense). A principal hipótese que se baralla é que faleceron asfixiados por inhalación de monóxido de carbono procedente dun grupo xerador de electricidade co que abastecían de enerxía o respirador que precisaba o pai da familia logo de producirse o apagamento masivo deste luns. Os falecidos son un matrimonio de idade avanzada (81 y 77 anos) e o seu fillo (de 56), segundo informa a axencia Europa Press.
15.30 horas. MeteoGalicia descarta que durante a xornada do luns tivesen lugar fenómenos atmosféricos excepcionais ou se rexistrasen oscilacións bruscas nalgún parámetro. O organismo que depende da Administración autonómica recuperou a normalidade e constatou que, a partir dos datos da súa rede, a situación meteorolóxica da do día foi normal en Galicia.
13 horas. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparece en rolda de prensa e anuncia que se esixirán responsabilidades aos “operadores privados”. Reitera, ademais, que un suceso así “non pode volver pasar”. Indica, ademais, que as centrais nucleares “lonxe de ser unha solución foron un problema” durante esta crise. Descarta que o apagamento se producise por un exceso de renovables ou por demanda insatisfeita. Asegura que o Instituto Nacional de Ciberseguridade “está a examinar os riscos derivados desta emerxencia eléctrica e os rexistros informáticos da rede eléctrica para non descartar ningunha hipótese”.
Sánchez tamén anuncia a apertura dunha comisión de investigación liderada polo Ministerio de Transición Ecolóxica.
11.36 horas. Red Eléctrica descarta que o apagamento masivo de deba a un “problema de ciberseguridade”. Así o indican en rolda de prensa “tras analizalo esta mañá”. A investigación continúa aberta. A principal hipótese apunta a unha caída da xeración solar.
11.15 horas. Red Eléctrica anuncia o restablecemento completo do sistema eléctrico peninsular. Tras superar a punta da demanda da mañá ás 8.35 horas con 28.677 megavatios, o pico nocturno espérase ás 21.10 horas con 31.200 megavatios.
11 horas. A Universidade de Santiago (USC) anuncia que as aulas se retomarán a partir das 15 horas tras a recuperación da subministración eléctrica na meirande parte do territorio galego. A Universidade de Vigo (UVigo) posporá o inicio das aulas ata o mércores. Diversos departamentos da Universidade de Coruña (UDC) están reunidos a esta hora para decidir como proceder.
10.10 horas. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anuncia en rolda de prensa que xa está restablecida o 97% da subministración eléctrica en Galicia. Continúa a haber 52.000 aboados sen luz. Informa, tamén, de que o executivo autonómico recupera a coordinación da emerxencia ao solicitar o nivel 2 de alerta. Ás 21.30 horas do luns o propio Rueda pedía que o executivo central asumise as tarefas.
10 horas. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, emitiu este martes un comunicado para anunciar que a cidade olívica xa ten practicamente restablecido toda a subministración eléctrica. Tamén informou de que a EDAR está en “completo funcionamento”, mais o seu parón debido ao apagamento propicionou que aliviase cara ao mar. Debido a isto, haberá limitacións ao baño nos areais vigueses durante os seguintes días. Indicou, ademais, que se produciron dous incendios nunha catefería e nunha vivenda sen que houbese danos significativos.
Segundo relata o rexedor local, a cidade de Vigo recuperou de maneira progresiva a normalidade. A luz comezou a chegar arredor das 2.00 horas en Cabral e nalgunhas partes do barrio de Teis. Á zona centro non chegou ata as 3.00 horas e, finalmente, sobre as 4.30 acendéronse as luces de Navia, Coia e Coruxo.
9.32 horas. A última información emitida por Renfe confirma que os servizos de tren entre Ourense-Santiago de Compostela-A Coruña e Vigo-Santiago de Compostela-A Coruña quedan suprimidos ata novo aviso. O ministro Óscar Puente anunciaba a primeira hora da mañá de que o corredor Galicia-Sanabria continuaba sen tensión. As causas deste suceso inédito aínda se decoñecen.
8.41 horas. A delegación do Goberno anuncia o restablecemento da subministración eléctrica no 84% de Galicia, sendo as cidades de Santiago, Ferrol e Vigo as últimas en recuperarse. Segundo continúan informando, a prioridade durante o serán e a madrugada foi o fornecemento de combustible para alimentar xeradores de hospitais e residencias. “Nestes momentos aínda non estamos ao 100% pero xa hai normalidade na maioría de poboacións de Galicia”, sinalan. Ao longo do día de hoxe analizaranse as consecuencias do apagamento nos distintos sectores.
Cales son as causas?
O apagamento masivo comezou ás 12.33 horas e afectou a toda España peninsular e Portugal. Galicia comezou a recuperar a subministración eléctrica de forma paulatina. Algunhas rúas da cidade de Ourense foron das primeiras, dado que viron restablecida a luz, aínda que de forma intermitente, dende as 14.30 horas. En Lugo restableceuse arredor das 19.30 horas e nalgunhas rúas de Vigo a partir das 2.08 horas. Segundo informa a radio galega, ás 9 horas deste luns aínda non se recuperou a subministración en boa parte do Carballiño.
As causas desta caída masiva da electricidade aínda non se coñecen. A última información oficial transmitiuna o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ás 23 horas. Na súa comparecencia volveu insistir, igual que fixo na primeira celebrada ás 18 horas, que non se descarta ningunha hipótese. Segundo os datos transmitidos polo presidente, a caída da rede rexistrouse ás 12.33 horas. En apenas cinco segundos perdéronse 15 xigavatios, o que supón o 60% da demanda eléctrica de España.
Máis alá das declaracións de Sánchez, o primeiro ministro portugués pronunciouse nas primeiras horas da tarde do luns. O país luso, tamén completamente afectado polo apagamento, atribuíu o acontecemento a un fallo eléctrico na rede española, pero sen dar máis detalles. A recuperación progresiva da subministración tanto no norte como no sur peninsular foi atribuída por Sánchez á colaboración cos países veciños de Marrocos e Francia, tamén afectada no sur.
En Galicia, a Xunta convocou ás 15.30 horas o Plan de emerxencias de Galicia para tomar, de acordo coas demais administracións, as medidas oportunas ante o apagamento xeral. Alfonso Rueda lanzou unha mensaxe de calma e asegurou que os servizos do 112 funcionan con normalidade. Non obstante, arredor das 22 horas, o xefe do executivo galego aseguraba que a meirande parte do territorio continuaba sen subministración eléctrica. Outra das medidas tomadas foi a suspensión das clases.
O apagamento produciu un caos sen precedentes nas estacións de tren. O ministro Óscar Puente informou de que as instalacións de Santiago permanecerán abertas durante a noite e que se está a estudar o caso de Ourense. A situación tamén se complicou no tráfico rodado, posto que os semáforos deixaron de funcionar en toda a España peninsular. Ante esta situación, a DGT pediu usar o coche tan só en situacións imprescindibles.
Máis alá da afectación nos transportes, esta situación límite viviuse en moitos edificios, ao pararse por completo os seus ascensores. Moitas persoas quedaron atrapadas sen poder chamar a emerxencias. Iso aconteceu no HALO de Vigo, o ascensor que conecta a parte baixa da cidade olívica coa estación Vialia. Un grupo de veciños quedaron atrapados no seu interior arredor dunha hora.
Os hospitais tamén sufriron o apagamento masivo. Suspenderon cirurxías que non eran urxentes e usaron equipos electróxenos para manter a actividade. Os centros de saúde tiveron que pechar por non poder acceder aos servidores informáticos.
Red Eléctrica admitiu que o apagamento é “excepcional e totalmente extraordinario”.
Voces expertas xa consideran este suceso como un dos 15 cortes de electricidade máis importantes da historia mundial polo número de persoas afectadas, que acada os 58 millóns.
Información en actualización.