Sen cobertura: mapa das redes en Galicia ou por que o servizo durou máis segundo a zona

A rede de telecomunicacións galega está composta de milleiros de antenas que repiten os sinais e que foron caendo co paso das horas no día do apagamento masivo

Entre moitas realidades impensables ata o pasado luns, os galegos descubriron o 28 de abril de 2025 o que é a desconexión dixital. Despois do grande apagamento das 12:30 horas, tiramos do teléfono móbil para tratar de entender o que estaba a pasar. O que nun primeiro lugar era un desesperante goteo de mensaxes e chamadas que se cortaban, virou a partir do mediodía cara un escenario de interrupción total. Fóra de cobertura. Pero, por que algúns puntos mantiveron liña ata máis tarde ca outros?

A resposta está na rede de milleiros de antenas que espallan a rede móbil por Galicia, conectándoa co mundo. En termos técnicos, coñécense como pasarelas, que serven para recibir e amplificar os sinais sen fíos dos aparellos e conectalas á rede de cabreado. No ano 2002, en toda Galicia non se chegaba ás 300, número que se superan agora só nas urbes máis poboadas.

Publicidade

Nas cidades galegas cóntanse por centos, repartidas en función dos criterios de cada operadora atendendo razóns de demanda, determinadas en grande medida pola densidade de poboación. Por exemplo, Vigo ten unhas 300 antenas, algunhas moi localizadas, como é o caso da que dá servizo case en exclusiva ao estadio de Balaídos, feudo do Celta.

“Acontecía que, cando o campo se enchía, nunca había cobertura no estadio porque concentrábase a demanda de milleiros de persoas nun punto concreto. Por iso, os operadores decidiron hai uns dez anos instalar unha antena que unicamente dá servizo a esa rúa”, explica José Carlos Ardao, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo.

Publicidade

Deste xeito, a tipoloxía de antenas que conectan teléfonos e redes aéreas de telecomunicacións é moi variada en Galicia. Hainas que cobren una única zona, como o caso de Balaídos, e outras que dan servizo a barrios enteiros. Pero, como en tantas outras cousas, tamén na telefonía hai dúas ou máis realidades, determinada se estamos na Galicia urbana ou na rural.

Por exemplo, un concello como o de Mos, na área metropolitana de Vigo, conta cunha vintena de antenas de telefonía. O número vaise reducindo a medida que nos afastamos das cidades, aínda que moitas veces non é necesario facelo moito para que as raias de cobertura baixen ao mínimo.

Con todo, José Carlos Ardao cre que existe unha boa rede de cobertura, con carácter xeral, en Galicia. “En termos xerais existe unha boa dimensión da rede, a cobertura 5G é bastante boa. Pero sempre imos depender dos operadores, que invisten onde hai máis zona crítica”, sinala o docente.

Que aconteceu o luns?

O fallo masivo na rede eléctrica do luns tivo consecuencias dispares en función segundo a zona, marcada polas características do sistema de abastecemento de rede. As antenas adoitan ter baterías de reposto que garanten a subministración de enerxía, algo completamente blindado nos centros de datos das compañías de telefonías ao contar con grupos electróxenos que, como acontece en infraestruturas críticas como hospitais e outros puntos, dótaos de autonomía enerxética durante horas.

Por iso, durante os primeiros momentos do apagamento deste luns houbo cobertura móbil, aínda que de forma desigual. Desconectadas da rede, o funcionamento das antenas quedaba fiado ao sistema de alimentación de emerxencia. Isto fai que baixen as súas prestacións ao dispor de menos soporte enerxético, pero continúen a ter que dar resposta á mesma demanda ou incluso a máis, como aconteceu despois das 12:30 horas cando tivo lugar un pico de comunicacións.

O problema foi chegando cando estas baterías, que adoitan ter unha ou dúas horas de autonomía, comezaron a esgotarse e a cobertura foi caendo, polo que a comunicación por teléfono e Internet foise apagando a partir das primeiras horas da tarde. Como apunta o profesor José Carlos Ardao, “é imposible todas as antenas teñan grupos que as alimenten durante moito tempo” para blindar a rede sen fíos.

“Ao final isto é un tema económico, igual que na rede eléctrica. O risco cero ten un custo infinito. O ideal é que toda a rede de acceso tivese grupos, pero o que se fai é protexer o núcleo, o que denominamos o core, porque sen iso non funcionaría nada. E o segundo é dar prioridade ás infraestruturas críticas, como os hospitais“, engade.

Deste xeito, as persoas que viviran ou se atoparan nas inmediacións de centros sanitarios mantivéronse conectados máis tempo que noutros lugares, grazas á que os grupos electróxenos mantiveron garantida a conexión á rede nestes puntos. Por iso, como resalta o profesor na UVigo, de nada valía ir na procura dunha raia de cobertura ás zonas altas de cidades ou vila. O importante era estar preto de puntos de acceso á rede que se mantiveran operativos.

Torre de telefonía móbil (Freepik)
Torre de telefonía móbil (Freepik)

Adeus definitivo ás redes

O adeus definitivo ás conexións chegou ca caída da noite. Nos lugares, como edificios oficiais de institucións ou universidades, que continuaran conectados grazas a grupos electróxenos tamén marchou Internet porque os grandes operadores decidiron deixar de prestar servizo, desconectando o que ata entón funcionaba grazas tamén aos sistemas de emerxencia alimentados por gasóleo.

“Estes grupos electróxenos non están pensados para traballar 48 horas. Algúns aguantan algunhas horas, como moito. Ninguén pensaba nun problema destas dimensións”, resalta Ardao, que cre que o acontecido o 28 de abril que marcará un ante e un despois en tantas cousas tamén debería facelo no eido das telecomunicacións por vía aérea.

“Hai que reforzar certos puntos para que exista unha posibilidade de conectalos”, conclúe o docente, para quen non existiu risco de colapso do sistema polo uso dos usuarios de aplicacións de mensaxería ou chamadas telefónicas, que as autoridades pregaron á cidadanía que minimizasen durante os peores momentos da crise. “Os whatsapps son texto e datos, non comprometen o sistema”, remarca.

O risco de colapso si puido chegar cando se reiniciaron os sistemas ao recuperarse a subministración eléctrica, pero isto tamén dependía do uso que se lle dese ao teléfono e a demanda de datos que puidesen xerar. “Isto é como se, cando arrancou o sistema eléctrico, todos puxeramos a lavadora, a secadora e o forno, todo á vez. Xeras unha demanda que tira todo abaixo. No caso da telefonía, sería que nos puxésemos a consumir vídeos ou plataformas de contidos”, conclúe José Carlos Ardao.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores