A alarma sobre as antenas de telecomunicacións non se corresponde co aumento de casos de enfermidades.
A alarma sobre as antenas de telecomunicacións non se corresponde co aumento de casos de enfermidades.

Ciencia e xustiza, en conflito polos efectos das antenas

Varias sentenzas xudiciais recoñecen a hipersensibilidade electromagnética, mentres as investigacións científicas non atopan evidencias para preocuparse

Artigo de Alberto Nájera López* publicado pola Agencia Sinc

Nos anos 90, a explosión das tecnoloxías de comunicacións sen fíos veu acompañada de voces de alarma que asociaban antenas e teléfonos móbiles a diferentes patoloxías, xeralmente cancro. Co paso dos anos, estas alertas foron xeralizándose e multiplicándose. Calquera dispositivo sen fíos que emita ondas electromagnéticas de radiofrecuencia parece ser susceptible de producir múltiples efectos nocivos sobre a saúde.

Mais o tempo e a ciencia demostraron que non hai por que preocuparse. Nas condicións habituais de exposición –por debaixo dos límites de seguridade establecidos pola Comisión Internacional para a Protección ante Radiacións Non Ionizantes (ICNIRP, polas súas siglas en inglés)–, non se reproduciron efectos biolóxicos nas persoas.

De existir unha relación causal entre a exposición persoal a estes campos e a saúde, estariamos a experimentar a maior pandemia a escala global nunca sufrida pola especie humana. Practicamente todos os lugares están expostos a esta radiación e, por tanto, pouca é a poboación que estaría plenamente a salvo.

A pesar das alarmantes advertencias de movementos antiantenas, non se produciu un incremento significativo de casos de cancro que puidesen estar asociados a este suposto axente agresor; tampouco doutras patoloxías ou síndromes como o denominado  hipersensibilidade electromagnética.

O que demostra a ciencia sobre as antenas

Porén, desde entón, sucedéronse numerosos estudos científicos que caracterizaron en detalle a exposición persoal a estes campos electromagnéticos. Na actualidade, sabemos que a radiación á que están expostas as poboacións está significativamente por debaixo dos límites da ICNIRP.

Tamén se publicaron outros tantos estudos epidemiolóxicos que non constataron o anunciado incremento de patoloxías polas antenas ou en poboacións expostas ás radiacións. Outro gran conxunto de estudos orientouse a determinar as posibles causas deses síntomas ou doenzas que describían algunhas persoas en presenza dunha antena ou fonte de radiación cando estes estaban a emitir.

As dores de cabeza, os mareos ou os problemas para conciliar o sono, entre outros, son os síntomas que sofren decote os pacientes que din padecer  hipersensibilidade electromagnética. Segundo eles, estes síntomas prodúcense e agrávanse en presenza de calquera dispositivo sen fíos, e sofren moito. Pero o que nos di a ciencia é que o que eles cren que lles está producindo a súa dor e o que realmente llo está xerando son cousas diferentes.

Que di a xustiza?

A pesar das evidencias científicas, a xustiza fallou a favor de diferentes afectados por esta patoloxía causada polos campos electromagnéticos. En 2010, o Xulgado do Social número 24 de Madrid recoñeceu unha incapacidade permanente e absoluta, así como unha pensión bruta de 1.640,80 € a unha muller a quen o Equipo de Valoración de Incapacidades diagnosticara, entre outras cousas, unha “síndrome de  hipersensibilidade electromagnética” que a Organización Mundial da Saúde (OMS) non define nin recoñece.

A pesar das evidencias científicas, a xustiza fallou a favor de diferentes afectados por esta patoloxía causada polos campos electromagnéticos

En xullo de 2016, o Tribunal Superior de Justicia da Comunidad de Madrid recoñeceu a “incapacidade permanente total para o exercicio da súa profesión” a un enxeñeiro de telecomunicacións debido a unha rara síndrome provocada pola exposición a campos electromagnéticos e unha pensión de 1.546,60 €.

Recentemente, o Tribunal Superior de Xustiza de Aragón ratificou a sentenza do Xulgado do Social número 1 de Zaragoza na que se recoñecía como accidente laboral a hipersensibilidade electromagnética que un traballador dunha empresa eléctrica tiña “diagnosticada” por un médico desde 2014.

Atopámonos ante unha incongruencia entre o que demostra a ciencia e o que sentencia a xustiza. Debemos preguntarnos, entre outras cousas: como e por que un médico diagnostica unha enfermidade e asocia a súa orixe aos campos electromagnéticos cando a OMS di outra cousa? Que evidencia científica se presentou ante o Tribunal que apoie a relación causal que xustificaría estas e outras sentenzas?

Con respecto á primeira pregunta, penso en dúas respostas: ética e diñeiro. A segunda prodúceme maior interese científico e ten que ver coa mensaxe que moitos destes movementos antiantenas e asociacións de afectados veñen difundindo: existe evidencia científica que avala as súas teses. E haina, pero non toda a evidencia científica ten o mesmo valor nin rigorosidade, aínda que sexa publicada en revistas de alto impacto, mesmo tras un proceso de revisión por pares.

Limitareime a detallar un dos últimos exemplos, aínda que hai moitos máis. O seu autor, Martin Pall, conforma xunto a outros, como O’Carpenter ou  Hardel, un conxunto de científicos cuestionados no ámbito do bioelectromagnetismo. En xuño de 2018, a revista Environmental Research publicou o artigo titulado “Wifi is an important threat to human  health” (a wifi é unha ameaza importante para a saúde humana).

O artigo recolle resultados de sete estudos, de moi baixa calidade, que vinculan a radiación das redes sen fíos con diferentes efectos biolóxicos, case todos en condicións de laboratorio ou animais. A elección deses estudos foi interesada e subxectiva pois non se presentan criterios de selección que xustifiquen a súa inclusión no estudo.

A alerxia á wifi non existe: é un ‘nocebo’

O autor conclúe que o wifi ameaza a saúde humana sen achegar probas axeitadas que corroboren a súa hipótese. Este e outros traballos son rapidamente difundidos por estas asociacións e movementos antiantenas sen atender, por exemplo, aos comentarios que a revista recibiu onde se alerta do uso erróneo e pouco axeitado da información científica.

A ciencia non é cuestión de opinión. Un xuíz debería centrarse en informes oficiais de institucións independentes como son a OMS e a ICNIRP, ou sociedades científicas como a Asociación Europea de Bioelectromagnetismo ( EBEA) ou a Sociedade de  Bioelectromagnetismo (BEMS).

Non será un xuíz quen, nunha sentenza, dando por válida a existencia de relación entre campos electromagnéticos e  hipersensibilidade electromagnética, demostre cientificamente que esta relación existe.

Dor de cabeza mesmo coa antena apagada

Moitos dos traballos científicos enmárcanse nun tipo de estudos denominados “a dobre cego”. Nestas investigacións, nin os voluntarios nin o equipo investigador sabe a priori se a antena está acesa ou apagada. Así garántese que os voluntarios ou afectados actúan sen ningunha información que nesgue o resultado.

Pero tampouco o saberá o equipo investigador que pode modificar ou manipular os datos rexistrados. Nestas condicións, demostrouse que o simple feito de instalar unha antena, aínda que estea apagada, provoca a aparición de síntomas que os habitantes da zona achacan á inexistente radiación dun mastro apagado.

Estes síntomas adoitan ser pouco concretos: dor de cabeza, problemas para conciliar o sono, dores pouco concretas,  cefaleas, mareos, etc. É un claro exemplo de efecto  nocebo. Estes síntomas, de carácter  psicosomático, nada teñen que ver coa presenza de campos electromagnéticos de radiofrecuencia, pois ocorren inequivocamente tamén cando non hai emisión algunha.

Ademais, a simple aparición de noticias nos medios que informan ou alertan de maneira irresponsable sobre este tema incrementa os síntomas daqueles que os padecen e, ademais, producen un efecto chamada. Pola contra,  escamotear e esconder as antenas, así como divulgar o coñecemento científico actual sobre este tema, redúceos.

*Alberto Nájera López é profesor contratado doutor da área de Radioloxía e Medicina Física da Universidad de Castilla-La Mancha. Desde 2007 investiga a exposición persoal a campos electromagnéticos de radiofrecuencia. É autor do blog www.radiandando.es.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.