Imaxine vostede un polbo. Agora, terá que esquecerse de calquera idea de que son sinxelas criaturas mariñas. Os cefalópodos —polbos, xibas e luras— son os Houdinis do océano, cun cerebro digno dun astuto vilán de película. Porén, antes de mergullarnos nas profundidades das súas proezas, fagamos unha viaxe rápida polas cifras.
No ano 2022, consumimos aproximadamente 29 millóns de polbos. Si, eses mesmos xenios con tentáculos que poderían estar a tramar a súa próxima gran fuga do acuario mentres le estas liñas.
Os cefalópodos teñen sistemas nerviosos complexos e cerebros grandes. Un polbo común ten arredor de 500 millóns de neuronas. Os seres humanos, en comparación, temos preto de 100 mil millóns. O polbo atópase no mesmo rango que varios mamíferos, preto do dos cans. E son un caso aparte en canto a comportamento sofisticado nos invertebrados.
O noso devanceiro común máis recente remóntase a máis de 500 millóns de anos, o que suxire que a súa intelixencia evolucionou independentemente da nosa. Os cefalópodos inclúen tanto formas extintas –como as amonitas e belemnitas– como arredor de 300 especies vivas, que se atopan dende as profundidades mariñas ata a zona da costa, entre mareas.
Especialistas en fuxidas
Nos centros de investigación que traballan con estes animais, sábese que foxen e asaltan tanques veciños na procura de comida, comportamentos que non son do todo sorprendentes dadas as súas tendencias naturais a explorar e alimentarse nos charcos de marea. Ao estilo de Buscando a Dory, pero con menos Disney e máis caos nocturno.
E logo está o incidente das luces. Na Universidade de Otago en Nova Zelandia, un polbo descubriu que podía apagar as luces do tanque lanzando chorros de auga ás lámpadas, co que causaba curtocircuítos. Os científicos víronse obrigados a liberalo porque as facturas das sucesivas reparacións do sistema eléctrico subían sen parar. Foi imposible convencer aos xestores do centro de investigación de que os culpables das avarías reiteradas eran uns polbos aburridos.
Afinidades electivas
Con todo, non só son intelixentes, ademais, teñen personalidades. No mesmo laboratorio de Nova Zelandia, un polbo tomou teima a un membro do persoal. Cada vez que esa persoa pasaba, recibía un chorro de auga na caluga. E, na Universidade de Dalhousie, en Nova Escocia, unha xiba lanzaba chorros de auga a todos os novos visitantes do laboratorio, pero non ás persoas que estaban presentes con frecuencia.
Todo apunta a que poden distinguir entre persoas, mesmo cando visten uniformes idénticos. Nun experimento no acuario de Seattle, probaron que facían oito polbos cando, durante dúas semanas, eran atendidos por un coidador “agradable” –que os alimentaba regularmente– e un coidador “malo” –que os tocaba cun pau con petiscos–. Despois de dúas semanas, todos os polbos comportábanse de maneira diferente cos dous coidadores.
Cando os científicos traballamos con peixes, non parece que estes teñan idea de que están nun tanque de auga. Cos polbos é totalmente diferente: saben que están dentro deste lugar especial e o humano está fóra del. E eles queren saír.
Sistema nervioso tentacular
Os cefalópodos evolucionaron dende un devanceiro común cunha estrutura nerviosa sinxela a partir da cal desenvolveron ganglios complexos e neuronas centralizadas.
A maioría das súas neuronas atópanse nos brazos, permitíndolles unha autonomía impresionante. Si, os seus brazos poden pensar por si mesmos! Un brazo amputado pode seguir explorando e agarrando cousas. E cando un polbo en liberdade examina a un humano, envía un brazo para inspeccionalo suxerindo unha acción deliberada e guiada polo cerebro.
Por outra banda, as xibas teñen un soño semellante ao REM, a mesma fase de soño de movementos oculares rápidos na que os humanos soñamos. Aínda que non está claro se os polbos soñan, o feito de que compartan esta característica apunta a unha evolución converxente de comportamentos complexos e habilidades cognitivas en resposta aos desafíos ambientais.
Intelixencia versátil
O concepto de cognición incorporada suxire que a nosa intelixencia xorde da interacción do corpo co mundo. Porén, o corpo dun polbo desafía esta noción. A súa capacidade para mudar de forma, textura e cor fai que a distinción entre cerebro e corpo sexa borrosa. O mesmo pode volverse un mísil elegante que esconderse nun frasco. E a súa intelixencia distribúese por toda a súa anatomía.
Os polbos e os seus parentes cefalópodos exemplifican unha traxectoria evolutiva alternativa á nosa intelixencia, mostrando habilidades cognitivas avanzadas e comportamentos complexos. A súa capacidade para adaptarse, recoñecer individuos, resolver problemas e participar en xogos resalta a súa forma única de intelixencia e ofrece información valiosa sobre a diversidade da evolución cognitiva no reino animal.
Así que, a próxima vez que vexa un polbo, lembre: está a mirar a un mestre do disfrace, un bromista e, posiblemente, un soñador. Un verdadeiro xenio escorregadizo do mar.
Antonio Figueras Huerta é Profesor de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC).
*Cláusula de divulgación: Antonio Figueras Huerta non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado.