Sábado 12 Outubro 2024

Dous galegos, seleccionados nun dos certames de vídeo submarino de maior prestixio mundial

As pezas audiovisuais feitas por Xaime Beiro e Lara González retratan a biodiversidade mariña de Galicia coa intención de concienciar á poboación sobre a fraxilidade dos ecosistemas

Coñecéronse practicamente debaixo da auga, marabillados os dous pola biodiversidade que se agocha a simple vista. E é que o mar é un regalo para quen o sabe apreciar. Xaime Beiro e Lara González son compañeiros na vida e tamén no submarinismo. Beiro di que case coñece máis o fondo mariño que a praia de Louro, onde se criou. Despois de gañar o campionato galego de vídeo submarino, apuntan alto: agora, unha das súas pezas audiovisuais foi seleccionada para a mostra dun dos certames máis recoñecidos; o de San Diego, nos Estados Unidos.

“Non pensabamos que fora unha posibilidade moi real. Ao final, tes que competir con vídeos gravados noutras partes do mundo onde aparecen tiburóns ou baleas, e animais moito máis exóticos. Nós, dende a nosa humildade, amosamos os peixinos e animais do noso mar”, reflexiona Beiro. Porén, dende que comezaron a somerxerse, contan, a paisaxe submarina mudou por completo. Este é o relato dunha vida, do que se perdeu e do que chegará cando suba a marea do tempo.

Publicidade

Unha carreira recoñecida

“Aquí, en Galicia, coñecémonos todos”, explica González. A comunidade de xente que se adica ao submarinismo e ao vídeo submarino en Galicia é bastante reducida, case familiar. Dentro deste pequeno club de xente apaixonada polo mar, a traxectoria de Beiro e González amósase ben no seu palmarés persoal: tres veces gañadores do campionato galego. Case nada. Para eles, non se trata dun traballo (aínda que, se cadra, cada vez máis), pero si dun compromiso que os dous manteñen dende hai anos: o submarinismo case como unha forma de re-vivir. En canto poden, din, mergúllanse. Nos seus vídeos, os galegos tentan amosar unha pequena parte do que acontece baixo a superficie e ensinar o valor do noso mar, “non dende o punto de vista do económico, senón dende a importancia de protexer a biodiversidade“.

Respectar o mar, unha condición sine qua non para o submarinismo

Detrás de vídeos de tres minutos hai horas e horas baixo a auga. Beiro, coa cámara, e González, como unha especie de detective que segue a pegada dos tímidos seres mariños que despois aparecen como os protagonistas destes relatos audiovisuais. Sempre van xuntos: “É unha cuestión de seguridade. Por desgraza, coñecemos a xente que perdeu a vida facendo submarinismo”, conta González.

Publicidade

No mar, calquera imprevisto pode ter unha consecuencia: o respecto ten que ser parte do equipaxe cando baixas. E cada un ten os seus medos particulares. Beiro prefire a apnea, unha práctica que leva facendo dende os catro anos e que implica aguantar a respiración. Xa que adoitas atoparte máis preto da superficie, redúcense as posibilidades de ter un problema de descompresión, e non cargas cunha botella de osíxeno, o cal favorece a mobilidade: “Estou máis cómodo, mais isto non quere dicir que sexa máis seguro”.

González séntese máis protexida co osíxeno: “Se acontece algo, tes a garantía de que vas poder respirar e ter tempo para manobrar. Eu teño moito medo de atopar unha rede e engancharme”. O 90% das veces, eles prefiren practicar a apnea e ficar preto das praias. “A clave é ir con xente, sempre, xa que é considerado un deporte de risco”.

Lara González nun día de gravación. Foto: Xaime Beiro.

Uns actores moi peculiares

Unhas das principais dificultades para gravar á fauna mariña co obxectivo de contar unha historia, explica González, é que por moito que vaias cun guión previo, nunca sabes o que vas atopar: “Non son personaxes. Non sabes o que van facer nin como se van comportar e, de feito, nin sequera sabes os animais que vas ver ese día baixo a auga”. Ás veces, conta Beiro, a présa e as características propias dos concursos dificultan aínda máis o labor. Un labor, por certo, moi esixente: “Para presentar a un certame un vídeo de uns tres minutos, nós adoitamos facer catro inmersións de 90 minutos, é dicir: seis horas. E con iso, xa vas un pouquiño apurado en canto á cantidade de planos que poderás amosar”, subliña González.

Agora, o que queren é ter tempo para gravar dun xeito máis libre, narrando unha historia propia, a que eles decidan. “Gústanos moito ir a un sitio algo aleatorio, somerxernos e “capturar” o que atopemos, sen ter que pensar nunha idea previa. Sinxelamente, amosar a vida mariña que hai nese ecosistema”, explican.

Salvaxe e sorprendente

Non sempre hai sorte. O que ten a natureza, e que non se comporta como nós pretendemos: é allea aos nosos desexos, e menos mal. Por iso, estes galegos réndense ao mar, e ao que lles queira ofrecer día a día.

O que máis sorprende, din, é observar por primeira vez aquilo que leva con nós dende sempre: “É curioso o xeito no que muda o teu ollo cando comezas a gravar. Eu levaba toda a miña vida indo a facer pesca submarina practicamente á mesma pedra, e de repente, un día, vin unha lesma de mar cunhas cores impresionantes”, reflexiona González. Cores que, en moitas ocasións, asociados máis ás augas tropicais. “O mar, dende logo, sempre ten algo que ensinar”.

Nudibranquio. Foto: Xaime Beiro.

O paradoxo da ollada adestrada

O noso mar está a cambiar. Non é o mesmo no que Beiro e González aprenderon a facer pesca submarina, e non será o mesmo cando a súa crianza sexa adulta. “É curioso: co tempo fomos adaptando o noso ollo á fauna submarina para poder apreciar a vida máis oculta. Porén, cada vez é máis complexo observar a determinados animais máis grandes, como os polbos”, conta Beiro. O feito é que ambos notaron unha baixada na biodiversidade mariña. “Nós non podemos dicir se é por unha causa concreta ou por varias, mais é evidente que o ecosistema mudou e que está danado”, engade González.

Ambos teñen, ademais, o recordo doutro mar: o de seus pais, e a lembranza dunha abundancia de peixes que eles xa non viron. Na súa vida como submarinistas, “que ao final é moi pouco se a comparas coa dun ecosistema”, tamén asistiron á práctica desaparición de certas algas emblemáticas en Galicia, como as correas de mar (Himanthalia elongata), e á chegada doutras invasoras.

Son moitas as ameazadas que poñen en risco o sutil equilibrio da biodiversidade mariña: a contaminación, a acidificación da auga, o quecemento global, as especies invasoras, a sobrepesca… o propio termo eco-sistema dinos moito do seu funcionamento, da súa fraxilidade, da complexidade que nel habita. O testemuño destes galegos, inmortalizado na cámara de Beiro, amosa a urxencia de actuar, protexer e valorar, para que a biodiversidade que entusiasma non fique no futuro como un recordo ao que acudir cando entra a morriña doutros tempos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade

O ceo galego tínguese de rosa: así foi a nova (e espectacular) aurora boreal

Unha potente tormenta xeomagnética iluminou a noite do xoves cunha cor específica dos fenómenos nos niveis máis altos da ionosfera

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

Así chega un furacán convertido en borrasca: radiografía de Kirk e do seu paso por Galicia

O físico Gonzalo Míguez Macho analiza a natureza deste fenómeno meteorolóxico extremo e a súa transformación