Martes 8 Outubro 2024

As candorcas entran por primeira vez na ría de Pontevedra

O biólogo Alfredo López confirma o avistamento de oito exemplares da especie 'Orcinus orca' na parte interior das illas de Ons

Un grupo de candorcas (Orcinus orca) entra por primeira vez na ría de Pontevedra. Así o confirma o biólogo Alfredo López, membro do Grupo de Traballo Orca Atlántica (GTOA) e da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma). “Ata o de agora, non tiñamos constancia de que as candorcas se internasen nesta ría. Si houbo avistamentos e interaccións no exterior das illas de Ons pero nunca no interior, como agora”, explica o experto. Aínda non se sabe cales foron os oito exemplares que se adentraron estes últimos días, malia que sospeitan que puideron ser os mesmos que o fixeron en Arousa a comezos de setembro.

“Queren comida. Aínda que ninguén fose consciente de que os atúns chegaran á ría de Pontevedra, hai uns días víanse perfectamente na superficie da de Muros”, continúa explicando López. Con todo, que as candorcas avancen cara ao interior da ría non é unha boa noticia: “Positivo non é. Aínda que nos pareza marabilloso poder velas tan preto, isto significa que o alimento está máis concentrado pero en menos sitios“. De feito, López insta a estar pendentes de novos movementos e a reflexionar sobre este cambio de comportamento. Así mesmo, a estudar cales son os cambios oceanográficos que están a alterar os espazos nos que habitualmente se alimentaban as candorcas.

Publicidade

Vítimas de persecución

A recente entrada de candorcas na ría de Pontevedra fixo saltar as alarmas pola presunta persecución de varios barcos aos oito exemplares de Orcinus orca que se aventuraron cara ao interior da ría. Con todo, López asegura que isto aínda non está confirmado, malia que tampouco descartan esta hipótese. O membro do GTOA advirte que as embarcacións perseguen diariamente os cetáceos. “Cos golfiños e cos arroaces é moi habitual ver os barcos enriba deles, rompendo os grupos. Moitas veces queren que os animais vaian a proa a saudar pero se non queren, non queren”, insiste López. Malia que a normativa impide este tipo de comportamentos por parte das embarcacións, son máis habituais do que cabería esperar.

Dende o Cemma e dende o GTOA continuarán denunciando este tipo de situacións ás autoridades competentes para que se apliquen as medidas disciplinarias que recolle a lexislación. Segundo traslada López, aínda é preciso facer moita divulgación e crear conciencia para respectar o hábitat de todas as especies, especialmente de cetáceos, que navegan por augas galegas. O obxectivo, a fin de contas, é crear unha harmonía na que os animais mariños poidan convivir pacificamente coas embarcacións. O que si aprecia López é unha alta densidade de barcos que navegan diariamente cara ás illas e que, por tanto, pode dar a impresión de que alteran a traxectoria non só das candorcas, senón tamén doutros cetáceos.

Publicidade

Menor interacción entre candorcas e barcos

Dende o 2020, a chegada das candorcas ao litoral galego —e a toda a fachada atlántica da península— suscita un interese mediático sen precedentes. O protagonismo destes cetáceos débese a que dende hai catro anos protagonizan sonadas interaccións con embarcacións, sen que aínda estea claro o motivo. Con todo, os datos non xustifican este atractivo. Segundo os últimos datos publicados polo GTOA, no que levamos de ano reducíronse nun 32% as interaccións entre candorcas e barcos con respecto ao mesmo período de 2023 —dende xaneiro ata agosto—. Se estes datos se comparan coa media rexistrada entre 2021 e 2023, a cifra sería dun 23%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Corridas de arroaces en Pontevedra: a histórica persecución dos cetáceos en Galicia

A recomendación de cazar a especie Tursiops truncatus remóntase séculos atrás e xa no XVIII o ilustrado Frei Martín Sarmiento defendía esta práctica

As interaccións entre cardorcas e barcos reducíronse un 32% nun ano

O Grupo de Traballo Orca Atlántica detecta un aumento do 60% nos avistamentos en comparación coa media rexistrada entre os anos 2021 e 2023

Identificadas as catro candorcas que entraron na ría de Arousa

Os exemplares corresponden á avoa Toñi, matriarca do grupo, o macho Pingu, e as femias Gnomo e Gladis Estrela

As candorcas volven a Galicia con menor interacción: mudou o seu comportamento?

O Grupo de Traballo Orca-Mariña e a CEMMA observa un descenso no reporte de incidencias entre o animal mariño e as embarcacións da península