As candorcas volven a Galicia con menor interacción: mudou o seu comportamento?

O Grupo de Traballo Orca-Mariña e a CEMMA observa un descenso no reporte de incidencias entre o animal mariño e as embarcacións da península

Un ano máis, as candorcas (Orcinus orca) deixanse ver preto dos portos e as praias do litoral galego. Os primeiros exemplares deste verán atopáronse a pasada fin de semana na ría de Arousa. Hoxe, os avistamentos deste animal mariño concentran a cinco exemplares na ría de Vigo, na entrada da baía de Baiona e nas Illas Cíes. A costa do atlántico é parte do seu percorrido natural, que ten como punto de inicio o estreito de Xibraltar e como lugar de destino o golfo de Biscaia, onde adoitan pasar o inverno. Aínda así, as candorcas gañaron unha mala popularidade hai uns anos a causa das súas interaccións coas embarcacións, un comportamento que se entendeu inicialmente como violento pero que, segundo aseguran os expertos, está máis vencellado á curiosidade innata deste animal.

Agora, segundo as observacións do Grupo de Traballo Orca-Atlántica (GTOA) e a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), as candorcas estarían limitando ditas interaccións e mudando o seu comportamento.

Publicidade

O inicio da travesía

Dende o inicio deste 2024 as candorcas ibéricas mantiveron unha ampla dispersión xeográfica, atopándose exemplares entre a costa de Gran Bretaña e o norte de África. Foi a partir de abril cando varios grupos se estableceron no estreito de Xibraltar, aumentando a incidencia de avistamentos e interaccións do animal coas embarcacións mariñas.

Segundo o GTOA e a CEMMA, no mes de agosto produciuse un rápido desprazamento cara ao norte: “O grupo, comandado polo avó Toñi, foi observado na costa sur de Lisboa e ao sur da Figueira da Foz. A previsión é que do 20 ao 21 cheguen á costa de Galicia”. Finalmente, a observación das candorcas na costa galega chegou antes do previsto.

Publicidade

Unha maior dispersión e movemento

O GTOA e a CEMMA seguen a actividade das candorcas dun xeito constante dende o ano 2020. Nos últimos anos, contan, “observouse unha variación estacional e xeográfica nas súas interaccións, pero non na súa frecuencia anual, que rolda sobre uns 200 sucesos de todo tipo”.

Evolución das interaccións entre as candorcas e as embarcacións, datos disgregados por anos e meses. Foto: GTOA-CEMMA.

Porén, segundo a Coordinadora e o Grupo de traballo, este 2024 experimentouse unha redución nas interaccións. Neste último ano as embarcacións modificaron as súas zonas de paso, achegándose máis cara a costa e o litoral e evitando augas máis profundas. Ademais, o feito de que as candorcas estiveran máis dispersas e cun maior movemento, sumado ao feito de que non se xuntaran no estreito de Xibraltar en ningún momento, aumenta a separación dos grupos: isto motiva unha redución na frecuencia de ditas interaccións. Países como Francia e Portugal manteñen un protocolo de detención do barco cando se produce o avistamento das candorcas, o cal tamén limitaría as incidencias.

Na actualidade a subpoboación ibérica da candorca atópase nunha situación de perigo de extinción na península, o cal leva a distintos organismos e proxectos a pór o foco no coñecemento e desmitificación deste animal: “A través dos medios trasládase a idea de que as candorcas son baleas asasinas. Nin son baleas, nin son asasinas”, defende Alfredo López, biólogo mariño e membro de Grupo de Traballo Orca Atlántica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas a partir do sábado

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

‘Mozarrón’ e ‘Pega’, as tartarugas que regresan ao mar tras chegar desnutridas ás costas galegas

A CEMMA devolve ao océano dous espécimes de 'Caretta caretta' despois dunha rehabilitación en augas de 18 a 20 graos

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense