Martes 3 Decembro 2024

Que sabemos sobre o novo brote de varíola dos monos?

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas lanzan unha alerta sanitaria despois de detectar oito casos sospeitosos en Madrid

A varíola dos monos é unha enfermidade que pertence ao mesmo xénero que a varíola, xa erradicada dende os anos oitenta. De momento, non existe vacina nin tratamento para unha doenza que é endémica en África Occidental e Central. As alarmas saltaron a principios de mes en Reino Unido, onde xa se detectaron sete casos. Agora, en España, o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acaban de lanzar unha alerta sanitaria, segundo anuncia hoxe El País. De momento, detectáronse oito casos sospeitosos en Madrid que nestes momentos están pendentes de confirmación mediante probas xenéticas do Centro Nacional de Microbioloxía (CNM).

Que pasou?

Reino Unido detectou o 7 de maio de 2022 un caso de varíola símica ou varíola dos monos nun paciente que viaxara recentemente a Nixeria. O 14 de maio anunciáronse outros dous casos, sen relación co anterior nin historial de viaxes.

Publicidade

O 17 de maio atopáronse catro casos adicionais, sen conexión cos anteriores (aínda que dous dos catro tiñan contactos comúns) nin historial de viaxes.

Nese momento a directora da Axencia de Seguridade Sanitaria de Reino Unido admitiu que era algo “raro e inusual” e que a evidencia suxería que había transmisión comunitaria.

Publicidade

Pero que é a varíola dos monos?

O virus da varíola dos monos pertence ao xénero Orthopoxvirus, cuxo membro máis famoso é varíola (Variola virus), que se declarou como erradicada en 1980. Desde entón converteuse no representante máis importante deste tipo de virus.

Como se transmite?

A varíola dos monos ten un nome enganoso, xa que en realidade adoita transmitirse por animais pequenos como roedores. O nome é debido a que se detectou por primeira vez en macacos de laboratorio en 1958. O contaxio require do contacto directo co sangue, fluídos ou lesións dos animais.

A transmisión entre humanos é limitada e require contacto próximo, xa sexa con secrecións respiratorias ou lesións cutáneas, un obxecto contaminado ou un contacto cara a cara prolongado que permita a infección a partir de partículas respiratorias. A cadea de transmisión máis longa documentada é de seis persoas.

De onde vén?

É unha enfermidade cada vez máis frecuente en África Occidental e Central. Desde o seu descubrimento en 1970, detectouse en 11 países africanos. Como adoita suceder no continente, descoñécese a verdadeira carga que supón a varíola dos monos.

A República Democrática do Congo, por exemplo, notificou 704 casos nos dous primeiros meses de 2022, dos que 37 faleceron. Desde xaneiro de 2020, o país africano rexistrou máis de 10.000 infeccións e 342 mortes. Un estudo de 2010 mostrou como os casos aumentaran neste país tras o cesamento das campañas de vacinación contra a varíola.

É raro atopar casos fóra de África?

Aínda que as exportacións son raras, aumentaron nos últimos anos.

A primeira vez que se atoparon casos fóra de África foi en 2003, cando en Estados Unidos se produciu un brote que afectou a 47 persoas. A súa orixe atopouse en cans das pradarías que se venderon como mascotas e que conviviran con animais de Ghana.

En 2018 atopáronse casos illados en Israel e Reino Unido. En 2019, en Reino Unido e Singapur. En 2021, en Estados Unidos e Reino Unido. Todos se produciron en viaxeiros procedentes de África ou en sanitarios.

Por que este aumento de casos dentro e fóra de África?

Estudos coma este publicado en Nature Medicine en 2005 suxiren que as persoas vacinadas contra a varíola contan con certa inmunidade cruzada contra o virus da varíola dos monos. A varíola declarouse como erradicada en 1980 e as vacinacións xa se foran freando na década anterior: isto implica que cada vez unha porcentaxe maior da poboación non conta con protección fronte a este virus nin, por extensión, contra a varíola dos monos.

É perigosa?

Existen dúas cepas: a de África Occidental e a de Congo. A primeira é a que se detectou nos casos británicos, o primeiro dos cales viaxara a Nixeria. É a versión menos letal, cunha mortalidade de en torno ao 1%. A cepa de Congo ten unha mortalidade de ata o 10% e probablemente se transmite mellor.

A letalidade por caso variou entre o 0% e o 11% na poboación xeral, pero é maior en nenos pequenos e crese que a poboación máis nova, non vacinada contra a varíola, pode ser máis susceptible.

Que síntomas ten?

Os síntomas en seres humanos son similares aos da varíola, pero máis leves. A incubación adoita ser de entre 6 e 13 días.

Na primeira fase hai febre, dores de cabeza, de costas e musculares, inflamación dos nódulos linfáticos, calafríos e cansazo. Esta dura entre 0 e 5 días.

Entre 1 e 3 días tras a aparición de febre, empezan os proídos (normalmente, primeiro na cara) que evolucionan ata as lesións típicas na pel. A enfermidade dura entre 2 e 4 semanas.

Hai tratamento ou vacina?

Non existe tratamento recomendado. A vacina da varíola considérase efectiva para previr a infección ou facela máis leve, pero estas vacinas xa non se atopan en circulación. Unha versión máis nova contra a varíola e a varíola dos monos aprobouse en 2019, pero aínda non está dispoñible para o público xeral.

Hai que preocuparse polo brote actual?

A diferenza de brotes anteriores, cuns poucos casos asociados a viaxes ou a exposicións puntuais (como sucedeu cos cans das pradarías), neste caso as autoridades sanitarias temen que exista transmisión comunitaria con infeccións sen detectar, tanto en Reino Unido como noutros países.

“Preocúpanos que isto é moi diferente do que tipicamente asociamos á varíola dos monos. Temos certa preocupación de que poida haber propagación fóra do Reino Unido”, aseguraba unha oficial dos CDC estadounidenses a Stat.

“O público xeral non ten por que preocuparse, pero os médicos e as autoridades de saúde pública deben estar alerta para detectar pronto os casos infectados e limitar a transmisión”, tranquilizaba o virólogo do Imperial College London (Reino Unido) en declaracións ao SMC británico.


*Este artigo foi publicado orixinalmente en Science Media Centre España. Podes ler o orixinal na seguinte ligazón

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Atención, bañistas: estas son as praias galegas onde atoparedes medusas

As distintas especies de augamares, con especial presenza de carabela portuguesa, esténdense dende a Costa da Morte ata a Mariña lucense

Primeiro caso de gripe porcina en humanos en Reino Unido: isto é o que sabemos

A infección pertence a unha subvariante distinta que os casos detectados anteriormente, pero os expertos agardan que non presente grandes diferenzas

Unha misteriosa neumonía infantil enche os hospitais en China: isto é o que sabemos

A OMS solicita oficialmente ao xigante asiático información detallada sobre o aumento de enfermidades respitatorias nos nenos