O éxodo dos polbos: por que desaparecen en Galicia e se multiplican nas costas británicas?

A explosión de cefalópodos nas augas do Reino Unido desconcerta os expertos, que o atribúen ao aumento da temperatura do mar e á diminución dos seus depredadores naturais

O polbo á feira é un dos grandes pratos estrela da gastronomía galega. Non hai dúbida. É, ademais, un sinal de identidade indiscutible de festas populares e comidas familiares. Mais a tradición culinaria está en perigo. Se se observan os datos das lonxas, as capturas de polbo no que vai de ano caeron un 28% con respecto ao período anterior. Unha cifra que chega a máis do 60% se se compara cos datos de 2023. Unha situación crítica á que a comunidade científica trata de buscar as causas, sobre todo tras observar un fenómeno insólito: a multiplicación do polbo común (Octopus vulgaris), o mesmo que se consome en Galicia, na costa suroeste de Reino Unido.

“Devastación masiva” doutras especies comerciais

Un artigo da BBC, así como outros medios británicos, dan conta da situación, moi pouco usual nas súas augas. Hai tal sobrepoboación de polbos, que as capturas de langostas e cangrexos caeron arredor do 70%, dado que estes cefalópodos son os seus grandes depredadores. Os pescadores chegan a considerar as consecuencias da alimentación dos polbos como unha “devastación masiva”, dado que impiden a captura das especies habituais. Con todo, a pesca dos cefalópodos está conseguindo reverter a situación e, sobre todo, as perdas económicas dos mariñeiros británicos.

Publicidade

Non obstante, a comunidade científica asegura que este fenómeno, aínda insólito, non é a única vez que acontece. Rexistráronse outros tres momentos de gran sobrepoboación de polbos nas costas británicas: en 1899, en 1948 e en 2022. Mais parece que a situación se está a volver máis frecuente, polo que intentan estudar cales son as causas detrás desta multiplicación de polbos nas augas do Reino Unido. As principais hipóteses son o aumento da temperatura do mar e a diminución dos seus depredadores naturais, como o atún, o bacallau e os tiburóns.

A crítica situación en Galicia

Malia que as causas desta situación se teñen que estudar máis en profundidade, non cabe dúbida de que a situación en Galicia é diametralmente oposta que a de Reino Unido. Sen ir máis lonxe, decretouse un dos maiores paros de captura de polbo da historia galega. Un máximo de 13 semanas, do 1 de abril ao 1 de xullo, para tratar de reverter as drásticas caídas nas lonxas.

Publicidade

Outra das claves da situación achégaa un recente estudo do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) que revelaba que os polbos non se adaptan ben aos cambios bruscos de salinidade como os sucedidos en Galicia a causa das chuvias intensas e torrenciais que achegan moita auga doce. Como o polbo non produce cortisol, a hormona que regula o estrés, non son capaces de acostumarse a estas novas condicións. “A ausencia desta vía hormonal suxire unha capacidade limitada de resposta ante diminucións rápidas de salinidade, o que podería comprometer seriamente a súa supervivencia”, sinalan os autores.


Referencia: Studies on cortisol, corticosterone, and 17β-estradiol indicate these steroids have no role in stress or reproduction in the common octopus (Octopus vulgaris) (Publicado en American Journal of Physiology-Endocrinology and Metabolism)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores