Unha aplicación galega para o autocoidado de doentes de Crohn e colite ulcerosa

Vigo é a primeira área sanitaria de España que empregará a ferramenta con pequenos vídeos divulgativos sobre as enfermidades

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, e a Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do Hospital Álvaro Cunqueiro porán á disposición de pacientes diagnosticados coa enfermidade de Crohn ou de colite ulcerosa unha aplicación para o seu autocoidado. Rebeca Díaz, coordinadora do grupo Information and Computing Lab de atlanTTic, e responsable da parte técnica do proxecto xunto ao docente e investigador Manuel Caeiro, do grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos, explica que, de momento, teñen un piloto que probarán con 160 pacientes e, en outubro, espéranse os primeiros resultados para poñer a aplicación a disposición dos doentes.

Segundo continúa explicando a investigadora da UVigo, crearon un total de 25 unidades didácticas, baseadas en vídeos de pequenos cuestionarios interactivos para poder definir diferentes itinerarios formativos en función do tipo de tratamento e enfermidade do paciente. “Desenvolvimos o conxunto da plataforma co contido facilitado polo equipo de Dixestivo” apunta Díaz.

Publicidade

Neste intre, o Servicio Galego de Saúde ten 2.006 persoas diagnosticadas e en seguimento con estas dúas doenzas na Área Sanitaria de Vigo que se beneficiarían desta nova ferramenta. Segundo a doutora Luisa de Castro, integrante da Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal no Álvaro Cunqueiro, “detectamos que os nosos pacientes precisaban unha ferramenta na que resolvesen todas as cuestións e dúbidas que se lles presentan no día a día no manexo da súa enfermidade, dada a importancia de manter o tratamento”, que acada unha porcentaxe de abandono do 30%, o que empeora notablemente a situación destas persoas. “Nas enfermidades crónicas o autocoidado é fundamental. Pensamos que era necesario deseñar unha ferramenta na que puidésemos chegar ata os nosos pacientes a través das tecnoloxías, e aí nace este proxecto, no que contamos coa experiencia dos investigadores de atlanTTic”, conclúe De Castro.

Apostar pola microaprendizaxe

A ferramenta, que foi presentada na xornada na que se celebra o Día Mundial da Enfermidade Inflamatoria Intestinal, converte a Área Sanitaria de Vigo na primeira de España en contar cunha aplicación de microaprendizaxe feita a medida para o paciente. “Empezamos por esta Área pero cremos que terá utilidade a nivel nacional xa que é un proxecto financiado polo Instituto Carlos III. Polo tanto, somos pioneiros en pór a disposición dos pacientes ferramentas útiles para o control destas enfermidades”, explica De Castro.

Publicidade

A plataforma está composta por pequenos vídeos, preguntas e outros contidos con información personalizada. Foto: Mario Manso

A plataforma, de acceso a través do móbil do usuario, está composta por pequenos vídeos nos que se explican os síntomas e os tratamentos empregados, preguntas e outros contidos con información personalizada e diferentes itinerarios segundo o tipo de afectación da enfermidade. Esta aplicación ten pausas e recordatorios baseados na curva do esquecemento na que a aprendizaxe efectiva se logra coa repetición continuada. Os contidos están explicados, na plataforma polos propios médicos e persoal de enfermaría que atende aos pacientes na Unidade do Álvaro Cunqueiro, e contará tamén con pacientes que explicarán a súa propia experiencia coa enfermidade.

A doutora De Castro asegura que “agora toca probar todo o traballo durante os vindeiros meses e avaliar a efectividade da ferramenta co fin de facer os axustes necesarios e que funcione xa de xeito continuado entre os 1.500 pacientes que atendemos na Unidade”.

Contidos a través de Telegram

“Os pacientes recibirán os contidos a través dun bot de Telegram. Polo tanto, non é preciso instalar ningunha aplicación específica, e pódese usar este sistema de mensaxería tan popular. A información sobre os autocoidados nestas doenzas intestinais inflamatorias chega ao paciente a través de pequenos contidos interactivos, baseados en vídeos. Os sistemas de micro-apredizaxe (usando aplicacións específicas) están moi estendidos na aprendizaxe de idiomas cuns resultados sobresaíntes, xa que logran reducir as taxas de abandono que si se dan noutros modelos máis tradicionais”, detalla a coordinadora do grupo Information and Computing Lab de atlanTTic.

Tanto Manuel Caeiro como Rebeca Díaz, investigadores e docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, teñen experiencia en desenvolver técnicas de eLearning utilizando novos dispositivos (bots conversacionais, altavoces intelixentes, etc.) aplicadas en contornas corporativas ou de sensibilización (micro-learning).


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tecnoloxía sen fíos para xestionar o lixo: unha aposta para mellorar a vida no rural

A investigadora do atlanTTic Isabel Expósito traballa no deseño de ferramentas que detecten o estado dos colectores co obxectivo de baleiralos só cando sexa necesario

Científicos galegos abren a porta ao deseño de novos fármacos contra a colite e o Crohn

Un equipo do CiMUS e do IDIS emprega tecnoloxías de imaxe molecular para analizar o funcionamento e a eficacia do medicamento adalimumab

A ciberseguridade do futuro chega a Galicia coa primeira comunicación cuántica na UVigo

Un equipo de atlanTTic crea a primeira canle de comunicación imposible de descifrar utilizando as propiedades da física cuántica

atlanTTic desenvolve un proxecto para afrontar os riscos dos sistemas de aprendizaxe federada

Os equipos liderados por Rebeca Díaz e Fernando Pérez combinan diferentes tecnoloxías para dar resposta a un dos maiores problemas da era dixital: a privacidade