Xoves 28 Marzo 2024

Un mes sen máscaras: descenso dos positivos e lixeiro repunte dos ingresos

A situación epidemiolóxica mantense estable e os expertos atribúen o aumento nas hospitalizacións á Semana Santa e á eliminación de restricións

Durante case dous anos, as máscaras foron un complemento imprescindible. Non só se converteron nun símbolo da pandemia, senón nunha barreira dende a que combater o coronavirus. Porén, o 20 de abril de 2022 houbo un cambio de rumbo: ese día, do que hoxe se fai un mes, levantouse a obrigatoriedade de usala en espazos interiores. A xulgar polos datos, a situación epidemiolóxica parece manterse estable. “En Galicia están baixando os novos positivos. Houbo un incremento nas hospitalizacións, pero é lóxico: tanto pola Semana Santa como pola retirada da máscara en interiores”, explica a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigoÁfrica González.

Segundo os datos recollidos pola Consellería de Sanidade, o 20 de abril de 2022 rexistrábanse 13.779 casos positivos de covid. Un mes despois, a cifra descende ata os 11.627. De todas formas, é preciso analizar os datos en atención á Estrategia de vigilancia y control frente a covid-19 tras la fase aguda de la pandemia. Un protocolo que entrou en vigor o 28 de marzo e que eliminaba os illamentos e deixaba de contabilizar todos os casos positivos para centrarse nas persoas de máis idade e nos colectivos vulnerables. Polo tanto, os datos actuais non reflicten a cantidade real de positivos. Por iso hai que analizar outro tipo de información, como o número de persoas ingresadas en planta e en unidades de coidados intensivos.

Publicidade

En atención aos datos da Consellería, e concordando con África González, si se está a experimentar un lixeiro incremento, tanto de hospitalizados como de ocupación nas camas UCI. O 20 de abril rexistrábanse 621 persoas ingresadas en planta, mentres que o número actual se sitúa en 642. É dicir, unha vintena máis. A maiores, o 10 de maio contabilizábanse 741 persoas en hospitalizadas, o pico máximo do último mes. En relación á ocupación das camas UCI, o número situábase en 15 o 20 de abril e agora ascende a 27. Malia este lixeiro ascenso, África González considera que a situación xa está “máis ou menos controlada”.

Alta taxa de vacinación

“España está moi ben preparada grazas á alta taxa de vacinación. As vacinas foron moi eficaces”, di a investigadora da UVigo, apuntando ás vacinas como o principal motivo polo que a situación epidemiolóxica permanece estable, aínda que non haxa restricións. A este respecto, González explica que o noso sistema inmune, a primeira vez que se enfronta a un virus novo, actúa con lentitude. Pero agora, grazas á inmunidade das vacinas —ou da natural, tras pasar a infección— xa responde de maneira máis rápida. “Os casos son máis leves ou asintomáticos. E incluso hai persoas que non se enteran de que están contaxiadas”, engade.

“Puideches pasar delta e ómicron pero é moi difícil que te volvas infectar da mesma variante”

Ademais, descarta a posibilidade de que volvamos atravesar ondas tan graves como a primeira ou a segunda. “Aínda que o virus segue cambiando, o noso sistema inmune xa viu o inimigo. Sabemos como é e estamos mellor preparados“, asegura a investigadora da UVigo. Polo tanto, cre que é “moi difícil” que se volvan dar altos picos de hospitalización e falecementos que se rexistraron durante as primeiras vagas que, ademais, derivaron no colapso dos centros sanitarios. González tamén aclara que, por norma xeral, as persoas que xa pasaron a infección non se están a reinfectar coa mesma variante. “Puideches pasar delta e ómicron, por exemplo, pero é moi difícil que volvas coller a mesma”, debulla.

Poñeremos a cuarta dose?

Un mes despois da retirada das máscaras, así como da eliminación das restricións, a situación epidemiolóxica mantense estable. Mais xa se contempla a posibilidade de inocular unha cuarta dose. “Agora estamos nun momento para reflexionar. Talvez non ten moito sentido seguir revacinando coas mesmas vacinas”, opina González. Argumenta, en primeiro lugar, que os estudos sobre a cuarta vacina en Israel demostraron que non se mellora moito a resposta inmunitaria. “Incrementa un pouco os niveis de anticorpos pero mantéñense durante pouco tempo”, explica.

Segundo González, “xa non estamos nun momento de expansión” e, polo tanto, convén barallar outras opcións. Por exemplo, a combinación con outras vacinas, como a de Hipra de Novavax. “Hai que valorar outras alternativas que nos dean unha memoria máis duradeira e prolongada. As anteriores son moi, moi eficaces pero a protección, sobre todo en persoas maiores, é curta do tempo”, continúa aclarando a inmunóloga da UVigo. Tamén apunta á posibilidade de que se preparen vacinas segundo o tipo de variantes que circulen. “Podemos facer estudos, ver se funcionan, se merecería a pena… En todo caso, facelas máis específicas para as persoas maiores pero non para a poboación xeral, a menos que se demostre unha longa duración”, recalca González.

“Convén barallar outras opcións, como a combinación de diferentes vacinas”

Cun descenso no número de positivos, un lixeiro repunte nas hospitalizacións e nas UCI e sen ningún tipo de restricións non cabe máis que pensar que o coronavirus é un compañeiro de viaxe que chegou para quedar. “O máis probable é que no futuro sexa outro coronavirus máis, como o dos catarros comúns, e haberá que protexer as persoas vulnerables. Tamén os nenos, que sofren estas infeccións de maneira leve pero que non están vacinados”, di González. E aínda que sempre pode haber unha excepción que confirma a regra, como ben recorda a inmunóloga, os casos graves xa se asocian, case en exclusiva, a persoas con patoloxías problemas ou outro tipo de problemas de base. “En poboación sá, a inmunidade é suficiente”, conclúe a investigadora.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

África González, ante a reaparición do sarampelo: “As familias deben vacinar os seus fillos”

España rexistra os seus primeiros casos trala pandemia e dende o 1 de xaneiro suma xa 15 contaxios

África González: "Estamos moi cerca da cura de doenzas autoinmunes"

Os científicos ven posibles as terapias que restauren a tolerancia inmune en enfermidades como diabetes ou lupus

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento