A thelaziose, causada polo parasito Thelazia callipaeda, é unha enfermidade ocular transmitida por un pequeno insecto vector que afecta animais domésticos e salvaxes, e que de forma ocasional tamén pode infectar as persoas. Segundo un estudo recente sobre lobos ibéricos do noroeste de España, esta enfermidade está presente en varias rexións españolas, con alta prevalencia en cans e gatos, aínda que os datos sobre fauna salvaxe seguen a ser escasos. “A thelaziose en Galicia, ao igual que no resto de Europa, é unha enfermidade emerxente con impacto tanto na saúde animal como na humana debido ao seu carácter zoonósico”, explica a veterinaria Rosario Panadero Fontán, tamén responsable do grupo de Investigación en Sanidade Ambiental de Galicia (INVESAGA) da Universidade de Santiago (USC).
En Galicia, a distribución da enfermidade non é uniforme. “Actualmente todos os casos se concentran nas provincias de Ourense e Lugo”, afirma. Dentro deste mapa, Ourense destaca como o principal foco: “Na provincia, a thelaziose está moito máis consolidada, acadando a consideración de área endémica, mentres que en Lugo a prevalencia é menor e os casos concéntranse no sur da provincia”. Dende a denuncia dos primeiros casos en cans en Ourense no 2012, o parasito expandiuse rapidamente polo sueste de Galicia. Xunto coa presenza crecente en cans, a especie máis afectada, tamén se identificaron infeccións en gatos e en especies salvaxes como raposos e lobos.
O estudo indica que os lobos ibéricos actúan como reservorio natural, coa infección concentrada especialmente nas provincias de Ourense e Lugo, e que a carga parasitaria tende a ser maior nas femias e nos animais máis novos. A súa distribución asociouse á vexetación das cuncas dos ríos Miño e Sil, que favorece a presenza do vector. Os datos achegados polo estudo reforzan a necesidade de seguir investigando sobre o seu papel epidemiolóxico e os factores que condicionan a expansión desta zoonose.
Como se transmite
O parasito transmítese exclusivamente a través dunha pequena mosca non picadora, Phortica variegata, que se alimenta das secrecións oculares dos animais infectados. “Esta mosca inxire as larvas, que evolucionan no seu interior, e que despois serán depositadas sobre o ollo doutro animal”, explica a investigadora. A presenza da mosca é, polo tanto, determinante na expansión da infección.
As condicións ambientais xogan un papel clave na actividade do vector e determinan a estacionalidade da infección. “A presenza e actividade das moscas vectoras vese favorecida en condicións de elevada temperatura e humidade relativa“, sinala Panadero Fontán. E engade: “Rexións con amplos bosques caducifolios e abundantes árbores froiteiras constitúen hábitats idóneos”. En Galicia, estas circunstancias permiten que o ciclo do parasito se complete de forma eficaz, aumentando o risco de infección, especialmente nos meses máis calorosos, de xullo a setembro, cando a maior actividade das moscas coincide coas condicións climáticas favorables.
Os animais que viven no exterior ou en zonas rurais teñen máis probabilidades de contaxio, e a infección adoita pasar desapercibida: “A maioría presenta signos moi leves facendo complicado o seu diagnóstico nun primeiro momento”. En moitos casos, os nematodos adultos poden observarse a simple vista sobre o globo ocular, pero a maioría localízanse baixo a terceira pálpebra ou no saco conxuntival, polo que a confirmación require identificación microscópica. O feito de que os síntomas sexan tan discretos contribúe a que a thelaziose estea infradiagnosticada, sobre todo en zonas non endémicas. Panadero Fontán advirte que isto implica “un risco de complicacións que pode acabar en casos de queratite, úlceras corneais ou, no peor dos casos, en cegueira”.
Risco para as persoas
A thelaziose é unha enfermidade zoonótica, polo que as persoas tamén poden verse afectadas, aínda que de forma pouco frecuente. O risco é maior nas áreas onde a enfermidade é endémica en cans, normalmente zonas rurais con presenza de fauna salvaxe. “Afecta fundamentalmente a nenos de curta idade ou anciáns con dificultades para manter afastadas as moscas”, explica Panadero Fontán.
En Galicia, os casos humanos documentados son escasos. “O primeiro documentouse no ano 2013 e, dende entón, só se reportaron dous máis en Ourense en 2019”, indica. A investigadora advirte de que esta infección aínda resulta bastante descoñecida para a maioría de médicos e oftalmólogos, polo que a súa importancia adoita estar subestimada, a pesar de que se trata dunha zoonose potencialmente evitable. Os síntomas poden confundirse con outras afeccións oculares máis frecuentes, como os dunha conxuntivite bacteriana ou alérxica: lagrimexo, irritación ocular, sensación de corpo estraño ou fotofobia. Por iso, profesionais sanitarios e poboación xeral deben considerar a thelaziose ante calquera síntoma ocular en zonas de risco.
Prevención e coidados
A prevención da thelaziose en zonas endémicas require reducir a exposición das mascotas ao vector durante os períodos de maior actividade da mosca. “Existen fármacos antiparasitarios moi eficaces que, aplicados nas épocas de actividade do vector, destrúen as larvas depositadas polas moscas antes de que causen danos no ollo do animal”, explica Panadero Fontán. Porén, actualmente non existen programas de vixilancia específicos: “Hai unha Rede Galega de Vixilancia de enfermidades transmisibles por vectores, pero non inclúe especificamente a thelaziose”, afirma.
Para reducir o risco de infección, recoméndase realizar exames oculares regulares e aplicar de forma preventiva antiparasitarios nas mascotas. Para as persoas, é importante evitar a exposición ao vector durante a tempada de máximo risco mediante o uso de teas mosquiteiras ou evitando pasear por zonas con alta presenza de moscas, e acudir ao médico ante os primeiros signos de irritación ocular.
Un desafío para a saúde pública e animal
A thelaziose subliña a importancia dun enfoque One Health, no que investigadores, veterinarios e profesionais sanitarios colaboren estreitamente para reducir riscos en animais e persoas. “Os investigadores poderían delimitar as áreas de distribución do vector para poder axilizar os diagnósticos médicos e veterinarios”, expica Panadero Fontán. “Así poderían establecer pautas terapéuticas que eviten complicacións nos pacientes e que limiten a transmisión do parasito”, engade.
Tendo en conta as condicións climáticas e ecolóxicas de Galicia, moi favorables para o ciclo da mosca Phortica variegata, xunto co incremento da mobilidade animal e a implicación da fauna salvaxe, Panadero advirte que “é de esperar que esta enfermidade se estenda a novas áreas en Galicia”.
Referencia: Thelazia callipaeda infection in Northwestern Spain: what role does the Iberian wolf play? (Publicado en International journal for parasitology: Parasites and wildlife)












