Mércores 21 Xaneiro 2026

Unha masa de aire ártico activa a alerta por neve en Galicia: estas son as zonas afectadas

Un corredor de vento do norte propicia un derrubamento drástico das temperaturas na noite e no Día de Reis

Sarria e Lalín rexistraron este luns arredor das 9:30 horas as temperaturas máis xélidas de toda Galicia: 5 graos baixo cero. É unha mostra temperá da previsión do resto da xornada, con valores máximos por debaixo dos 10 graos e unha sensación térmica de frío intenso. Isto débese a unha masa de aire ártico que traerá inestabilidade e aumentará as probabilidades de treboadas, sobre todo durante a tarde. Ademais descenderá a cota de neve entre os 400 e 600 metros e acenderá a alerta amarela en varios municipios galegos. Entre o luns e o martes estarán en aviso o centro e a montaña de Lugo. Tamén se esperan intensas xeadas no sur e na montaña de Ourense.

Situación intermedia

Segundo explican dende Meteogalicia, a masa de aire ártico chega este luns a Galicia a través dun corredor de vento do norte. Esta situación atmosférica créase debido a un anticiclón no Atlántico e as baixas presións do leste, que xeran un paso polo que transcorren as masas de aire. Debido a esta configuración, agárdase que este luns, cando se celebra a noite de Reis, se manteña a estabilidade atmosférica, haxa ceos pouco nubrados e predomine o tempo seco. Non obstante, Meteogalicia non descarta treboadas illadas, máis probables durante a tarde. O vento intenso, sobre todo no litoral, vai deixar unha baixa sensación térmica. E as temperaturas serán baixas incluso para a época do ano, con mínimas que poden estar debaixo dos cero graos.

Volven as chuvias

O frío ártico non durará moito sobre Galicia. O martes, Día de Reis, a masa de aire irase desprazando cara ao leste peninsular, polo que as temperaturas irán aumentando lixeiramente, sobre todo as mínimas. Haberá maior inestabilidade atmosférica, polo que pode chover no terzo norte durante a mañá e na fachada atlántica durante a noite. As últimas precipitacións do día estarán asociadas á chegada dunha nova fronte dende o Atlántico que propiciará un aumento considerable das temperaturas durante o mércores, con máximas que roldarán os 12 graos. As precipitacións do día 7 serán máis probables durante a mañá e a cota de neve ascenderá, situada xa nos 1.000 metros.

Tras o Nadal, o escenario mudará considerablemente. Quedará atrás a influencia anticiclónica e o tempo solleiro, e darase paso ás baixas presións, á chegada sucesiva de frontes asociadas a borrascas atlánticas e, por tanto, a un aumento das precipitacións. Así é que, segundo o prognóstico a medio prazo de Meteogalicia, agárdanse probabilidades de chuvia do 90% entre o xoves 8 e o luns 12. Por tanto, Galicia recuperará a humidade e inestabilidade atmosférica sen data de fin, mais experimentará un aumento considerable das temperaturas.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas