Galicia comeza o ano coas alertas acendidas por mor da borrasca Francis, situada este venres ao oeste de Portugal. O sistema de baixas presións activa os avisos amarelos en todo o litoral galego por mar de vento e ondas entre o sábado e o domingo, así como na meirande parte da provincia da Coruña e zonas de Lugo por refachos de vento que poden superar os 80 km/h. O prognóstico apunta a chuvias intermitentes e xeneralizadas e as temperaturas irán descendendo progresivamente conforme avance a fin de semana.
Un sábado marcado pola inestabilidade
Segundo a previsión de Meteogalicia, o sábado estará marcado pola inestabilidade e por temperaturas que acadarán os 17 graos de máxima nas cidades de Vigo e Pontevedra. O termómetro de Ourense rexistrará valores semellantes e nas urbes da metade norte oscilará entre os 9 e os 13 graos. En canto ás mínimas, estarán nos 10 graos no sur e rexistrarán baixadas significativas en Lugo, Ferrol e Santiago, que roldarán os 4 graos. O vento xa comezará a soprar cada vez máis forte, sobre todo a última hora do día na metade norte de Galicia.
De feito, o aviso amarelo por mar de vento está activado en todo o litoral galego o sábado. Prevese que poida acadar a forza 7, con intervalos nos que acade o 8 entre Ferrol e Ortegal e na Costa da Morte. Nesta última zona tamén se poderán rexistrar ondas de ata catro metros. Nas áreas do noroeste e interior da Coruña, así como no centro de Lugo, os refachos de vento poderán acadar entre os 80 km/h. Os avisos manteranse acendidos ata a primeira metade da tarde do domingo cunha nova zona en alerta: o oeste da Coruña, tamén por vento.
Volve o anticiclón
Pese aos avisos, o domingo será unha xornada de transición na que a borrasca Francis irá perdendo forza e irá gañando terreo a influencia dun anticiclón situado ao noroeste de Irlanda. Non obstante, predominará o nordés, polo que haberá ceos nubrados e algunhas precipitacións. Esta nova configuración atmosférica provocará un descenso notable das temperaturas, sobre todo das mínimas. A sensación térmica, segundo informa Meteogalicia, será baixa, debido ao forte vento do nordés.
O anticiclón favorecerá a chegada dunha masa de aire frío que descenderá os termómetros, e agárdanse a medio prazo temperaturas baixas. Aínda que o prognóstico é incerto de cara ao día de Reis, prevese un episodio de precipitacións “non demasiado importante” entre o martes e o mércores, e o aire frío pode deixar nevaradas por debaixo dos 1.000 metros. Tras o festivo, volverá brevemente o anticiclón e, de novo, a inestabilidade e a chuvia para a segunda fin de semana de xaneiro.












