Pode un xogo salvar vidas? Os serious games están amosando que a liña entre o entretemento e a educación se está a borrar, revolucionando dende a ensinanza ata a medicina ou a pilotaxe. Segundo o doutor en Tradución e Paratradución de videoxogos da Universidade de Vigo Ramón Méndez González, un serious game é “un xogo cun compoñente eminentemente educativo cun público que vai dende os máis pequenos ata os profesionais”. Así, os pilotos de avión empregan este tipo de programas para simular voos no mundo virtual e xogar a través dun controlador, conseguindo unha puntuación coa que se avalía o seu rendemento. “Non son xogos pensados unicamente para ser divertidos”, aclara Méndez González.
Estas aplicacións lúdicas non son sinónimo de gamificación, pois esta consiste en aplicar mecánicas de xogo nunha contorna fóra da pantalla. Con todo, os serious games si que precisan dun ordenador para xogar, coa única diferenza do compoñente formativo no caso dos máis tradicionais.
O termo naceu en 1970 da man do investigador estadounidense Clark C. Abt e o seu libro Serious Games. Aínda que el facía referencia aos xogos de mesa e de cartas, a súa definición pode aplicarse á era informática: “Interésannos os xogos serios porque teñen un propósito educativo explícito e coidadosamente planeado, e porque non están pensados para ser xogados unicamente por diversión”.
Para Ramón Méndez, un dos primeiros serious games é o Flight Simulator de Microsoft, cuxa primeira versión se lanzou no ano 1982, e que se emprega para a formación de pilotos como simulador. Con todo, na actualidade hai cada vez máis xogos serios: “Practicamente todos os ámbitos teñen algún tipo de serious game adaptado ás súas necesidades formativas”.
Preparación para médicos e pilotos
Touch Surgery é unha plataforma de simulación cirúrxica dispoñible como aplicación móbil para adestrar e formar a estudantes de medicina, cirurxiáns e profesionais da saúde. Considérase mesmo un dos serious games máis avanzados do campo médico: éntrase en quirófano e preséntanse distintos casos; a partir dese momento, establécense unha serie de pasos interactivos e tómanse decisións clínicas que o usuario debe completar mediante toques e xestos na pantalla.
A pesar de que xa mencionamos un exemplo de simulador de pilotaxe, tamén hai simuladores de condución. Safe and Sound Drive é un xogo de audio para condutores pensado para axudar a conducir mellor. Como funciona? Utiliza sons que cambian segundo conduce o usuario e permite recibir feedback sen ter que desviar a vista da estrada.
Non só hai serious games para os maiores, senón que os pequenos tamén teñen o seu oco. GlucoZor é unha aplicación para móbil dirixida a nenas e nenos con diabetes: deben coidar dun dragón que ten a mesma patoloxía ca eles, deben ter coidado coa súa alimentación e controlar se están en hipoglicemia, por exemplo. “Non deixa de ser un xogo divertido, pero os rapaces con diabetes vense reflectidos no dragonciño”, explica Méndez González, o que se converte nunha forma de que os nenos comprendan a súa enfermidade.
Outro dos serious games máis coñecidos é Duolingo, que permite aprender idiomas a raíz de diferentes leccións polas que se recibe unha puntuación e pérdense vidas con cada fallo. No ámbito de traballo do doutor da UVigo, a tradución e interpretación, tamén está Subtitle Legends, que emula o proceso de subtitulado dunha película.
Un Minecraft educativo: como funciona co alumnado?
Minecraft, ese xogo de cubos e construción, ten a súa versión en formato serious game. Así, la ‘Education Edition’ está deseñada especificamente para a aprendizaxe na aula coa que traballar a creatividade e a resolución de problemas. A creación para este tipo de xogos dirixidos á ensinanza son a consecuencia de xeracións cada vez máis dispersas fronte aos métodos teóricos. Súmase a necesidade de practicar que requiren moitos oficios para que estes videoxogos sexan un bo recurso na formación actual.
A Universidade de Alacante é un referente no desenvolvemento de aplicacións para a formación lingüística, e mesmo fan estudos para comprender o seu funcionamento. Por exemplo, Ramón Méndez explica que nunha investigación dividiron unha clase en dous: unha metade empregaba un serious game para aprender e a outra non. Tras realizar un test para comprobar os resultados, quen usou a aplicación obtiveron mellores cualificacións.
“A día de hoxe, vivimos nun mundo no que a pantalla é un elemento crucial capaz de captar a atención do alumnado”, sinala o investigador. Así, Méndez González explica que unha proposta interactiva dirixida aos estudantes é a protagonista tamén é unha maneira de aprender. Con todo, estes métodos non buscan eliminar por completo a teoría, senón que serviría como ponte para chegar á práctica.
O futuro da formación
Segundo Ramón Méndez, un serious game debe, en primeiro lugar, funcionar como un videoxogo: “Ten que resultar atractivo dende o punto de vista da interface, a interacción e que sexa gratificante, non frustrante”, sinala. A accesibilidade tamén é un punto vital, xa que ten que poder empregalo todo o mundo, como alguén con daltonismo. En segundo lugar, ten que lograr un equilibrio entre divertido e educativo. “Búscase que o alumnado queira seguir traballando co xogo, pero ao mesmo tempo que sexa útil para desenvolver as súas habilidades”, sinala o doutor da UVigo.
Así, con estas premisas, os xogos serios serán moi importantes na formación do futuro, en palabras de Méndez González. “A educación vai ir por ese camiño, sen deixar atrás os elementos tradicionais”, explica. Neste contexto, tamén é necesario un mestre que explique a teoría, o funcionamento da ferramenta e a resolución do videoxogo. A reforma educativa universitaria de educación superior a nivel europeo ten ese obxectivo: conseguir que o alumno non sexa un espectador pasivo, senón que experimente e traballe as súas capacidades.
Non só é positivo dende o punto de vista da aprendizaxe, senón tamén como práctica. Por exemplo, os estudantes de medicina poden ver órganos ou casos clínicos nestas aplicacións que poderían ser moi difíciles de enfrontar nun contexto real. “Hai contextos que na práctica non poder ser factibles, poderían ser extremadamente caros ou complicados de emular“, sinala. Así, os serious games convértense nun complemento fundamental cara á a formación do futuro.













