Nunha tarde de verán, Álex González achegouse ao Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), en Cangas. Levaba catro anos coa idea dándolle voltas na cabeza, mais nunca lle cadraba. Ao final da visita guiada, achegouse e preguntoulle a un dos traballadores do Museo: “Por casualidade, tedes no voso catálogo The Wall?” Ao outro home non lle soou. O primeiro xogo galego do cal tiñan constancia era da década dos 90. Porén, González comentoulles que The Wall comercializárase no 1986. El era o seu único autor e, naquel momento, descubriu —para sorpresa do MUVI— que o seu videoxogo é, a día de hoxe, o máis antigo producido e comercializado por un galego.
Despois dun intenso labor de documentación, Xacobe Martínez, un dos fundadores do Museo, corroborou a historia. González axudoulle durante esta viaxe, que Martínez define como “auténtica arqueoloxía dixital”. Naquela época os videoxogos non eran tan populares como na actualidade, nin se trataban na prensa xeneralista. Porén, González tiña unha chea de papeis onde se acreditaba a orixinalidade do xogo, o que gañaba con cada venda… e si, estamos a falar de pesetas.
A apaixonante historia de Álex González e The Wall pode verse hoxe no Museo do Videoxogo, que vén de estrear unha exposición que narra o percorrido vital do ourensán, autodidacta e curioso nato, dende os seus inicios até a actualidade. Dentro do Museo, os afeccionados aos videoxogos poderán experimentar de primeira man o universo de The Wall nunha computadora MSX orixinal. E para os ouvidos adestrados, un tesouro agóchase na súa banda sonora: González deixa o seu indiscutible selo galego remasterizando a popular canción Na beira do mar.
Coa curiosidade nácese
González foi un deses nenos que medraron coa Ditadura. Nado no 1960 e fillo de pai emigrante, viaxaba constantemente a París, lugar de residencia do seu proxenitor. Este feito, din dende o MUVI, marcaría por completo a súa infancia, visión do mundo e bagaxe cultural. Con 12 anos e, atraído por unha crecente curiosidade polas ciencias, múdase a Madrid, onde estuda o bacharel. Sempre contou co apoio dunha nai que non quería que os seus fillos perderan a oportunidade de formarse. Aquel González novo debeu asimilar aquel pensamento case como unha especie de mantra, porque xa nunca abandonou a paixón por aprender.
Con 18 anos retorna a Ourense e comeza a traballar no sector da moda mentres continúa cos seus estudos técnicos superiores: primeiro, electrónica industrial, e despois enxeñaría informática. Un día, plantexouse axudar no negocio familiar do seu sogro desenvolvendo unha ferramenta TIC para optimizar as tarefas de oficina. Un único problema: non sabía programar.
Con todo, como González é unha desas persoas que se non sabe busca onde atopar, propúxose aprender a linguaxe de programación, e ata mercou un pequeno computador, que finalmente sería un dos protagonistas clave nesta historia: un MSX. Despois da súa xornada laboral, chegaba a casa e comezaba a verdadeira diversión: “Eu realmente vivíao como un desafío intelectual que me axudaba a desconectar e pasar un bo rato”, lembra González. Así foi como comezou The Wall: co único televisor da casa a modo de pantalla nunha contorna familiar que, seguramente, non tiña nin idea do pulo que aquilo tería.
Falar nun mesmo idioma
Por se non quedou claro, estamos a falar da década dos anos 80: non existía o internet que hoxe coñecemos, e a comunidade de afeccionados aos videoxogos na capital ourensá moi grande non debía ser. De programadores de videoxogos mellor non falamos. González tivo que enfrontarse a unha especie de illamento: a de quen fala nun idioma que os demais non poden entender. Como único recurso, dispoñía dun par de libros sobre linguaxe de programación. Contactaba con persoas que tamén estaban interesadas nos videoxogos a través de certas revistas e, grazas ao correo, intercambiaban títulos da época. O correo, por suposto, postal. A autora deste texto, nada do 1996, non pode nin imaxinar isto sobre o que escribe agora mesmo.
Despois duns meses programando, González rematou The Wall. Debeu pensar que non estaba nada mal, porque contactou directamente cunha empresa de videoxogos de Madrid. Non lembra moi ben como foi aquela primeira conversa, pero di que posiblemente os atopara nas páxinas amarelas. O que si recorda perfectamente é que non había un interese económico detrás: “Eu realmente o que buscaba era compartir aquilo, que chegara a máis xente”. A empresa era, nin mais nin menos que Erbe Software. Segundo o Museo do Videoxogo, “daquela era unha das editoras máis relevantes no terreo do software e videoxogos en España”. Encantoulles The Wall. Porén, a linguaxe de programación do xogo era bastante básica, así que pedínronlle a González que desenvolvera un novo videoxogo máis complexo. E, por suposto, iso foi exactamente o que fixo.
O comezo da viaxe
Despois de seis meses, o ourensán rematou a nova versión: The Wall foi comercializado no ano 1986, e converteuse no primeiro videoxogo de Erbe Software creado por unha soa persoa. En tres anos, e segundo os datos oficiais, vendéronse máis de 7.000 unidades en España: é complexo a día de hoxe avaliar se puido acadar unha maior notoriedade, mais é posible. A día de hoxe, trátase do videoxogo máis antigo feito por un galego e comercializado: “Trátase dun achado certamente importante, xa que a seguinte produción que nós coñecemos lanzouse case dez anos despois”, subliña dende o MUVI Xacobe Fernández.
Na súa época, The Wall foi un título “recoñecidamente desafiante”. O protagonista, unha sorte de alieníxena, enfróntase en ata 22 pantallas a unha chea de perigos ao mesmo tempo que camiña por riba do muro que dá título ao xogo. “Poucas persoas conseguiron gozar da súa pantalla final, onde o protagonista consegue retornar cara as estrelas nunha nave espacial hábilmente deseñada”, explican dende o Museo.
A orixe galega de González déixase ver na pantalla, cuns inimigos bastante recoñecibles como o mexillón ou un tríscele que tentan atacar constantemente ao protagonista. Con todo, o selo máis característico de The Wall é a música, que algúns usuarios levan gravada na mente: “Corenta anos despois doume conta de que é bastante estridente, e lembro que precisamente ese era un dos comentarios que máis lía na época”, reflexiona mentres ri González. O creador do xogo invita a baixar a velocidade do son, para atopar por sorpresa a harmonía da canción popular galega Na beira do mar: “Eu non son músico, pero pareceume que encaixaba perfectamente… vas cruzando un muro e arredor o único que hai e auga!”.
Un recoñecemento, 40 anos despois
González chegou a tempo para preservar a súa historia, case por puro azar: 40 anos despois, o Museo do Videoxogo rescata The Wall e colócao no lugar que sempre debeu ocupar. Unha exposición gratuíta e que poderá ser visitada durante polo menos tres meses máis.
Daquel programador de 25 anos aínda queda algo: despois de lanzar o seu xogo, o galego conseguiu unha praza como mestre, e rematou ensinando a súa paixón pola tecnoloxía a centos de nenos e nenas. Ao mesmo tempo, coñeceu a outro home igual de interesado nos videoxogos e nas TIC, alguén que falaba aquela mesma linguaxe. A día de hoxe, quedan tódalas semanas para tomar un café e falar da actualidade do mundo tecnolóxico: “E practicamente do único de que falamos”, ri.
O creador de The Wall adaptouse á nova era dixital. Aínda que xa non se considera tan bo xogando como cando era novo, non lle perde a vista ás súas lentes de realidade virtual. Quen non se adapta, morre. Con 64 anos, xa xubilado, pode sentir o orgullo de saber que hai quen non esquecerá a súa obra.
















