Algo que chegue ás persoas. Esa é a meta que poñen miles de investigadores e expertos de todo o mundo. Pode ser un medicamento, unha vacina, un estudo sobre algo que pode ter impacto na sociedade… Pero neste caso, trátase dunha experiencia.
Manuel José Fernández Iglesias e Luis Anido, investigadores do Centro de Investigación atlanTTic da Universidade de Vigo (cofinanciado con fondos FEDER), decidiron levar ao gran público tres minixogos, que xurdiron como parte da tese da entón estudante de doutoramento Sonia Valladares Rodríguez, agora profesora na Universidade de Santiago de Compostela. The Mind Guardian, unha aplicación que se atopa aberta a descargas na App Store, permite detectar indicios de deterioración cognitiva en persoas maiores de 55 anos. Non é un simple pasatempo. Todo en cuestión de minutos e cun alto grao de fiabilidade. Fernández é consciente de que é un éxito poder chegar á xente. Tamén sabe a cantidade de traballo que hai detrás.
—Como xorde esta idea?
—Levamos moitos anos desenvolvendo tecnoloxía para persoas maiores. Decatámonos de que aceptan moi ben os xogos. Ocorréusenos a idea de que xa que son aplicacións que están moi aceptadas, poderiamos deseñar algo que nos puidera axudar a resolver un reto que é poder identificar signos de deterioración cognitiva. Seguramente será a pandemia do século.
Cada vez envellecemos máis. O que temos é que detectar tamén con axuda do persoal sanitario e sociosanitario é que a detección temperá da deterioración cognitiva pode axudar a minorar a evolución e detectar causas que non están asociadas directamente a unha enfermidade dexenerativa. Pode ser consecuencia do estrés, da depresión…
—En que consisten estes xogos?
—Nós do que partimos é de que xa hai experiencias desde hai moitos anos para detectar deterioración cognitiva. Hai tests de memoria, por exemplo, que unha das súas características é que permiten avaliar como é a túa memoria episódica, que é a que che axuda a facer a compra. Tamén a memoria procedemental, que é a que che bota unha man para manexar un vehículo; e a memoria semántica, que é asociar unha imaxe con ideas… Logramos adaptar algo que se vía como un exame, unha ameaza, algo estresante, que era que tiñas diante a persoal sociosanitario enchendo un test.
—Acadaron un grao de fiabilidade do 97%. Como se alcanzou?
—Deseñamos un procedemento para valorar aplicacións que mestura os procedementos de software habituais, como os xogos, cos procedementos que hai para validar instrumentos ou elementos do ámbito da saúde. Nós o que fixemos é que, con persoas reais, avaliamos o seu estado cognitivo porque se fixera unha avaliación previa con lapis e papel, puxéronse a xogar e adestramos modelos de aprendizaxe automática con esas interaccións e validamos con instrumentos apoiados cientificamente.
“Non somos conscientes do importante que é coidar o noso cerebro”
—En total, cantas persoas participaron?
—Nós levamos con pilotos deste tipo de xogos case unha década, desde 2015. Pasaron polos centros de día, coas asociacións de pacientes, con persoal maior que está asociado á universidade… Para adestrar a ferramenta participaron cerca de 300 persoas, das que se seleccionaron cerca de 152 mostras que son de moi alta calidade para adestrar eses algoritmos. Agora estamos recollendo máis información para seguir mellorando.
—Detectades algún nesgo?
—En principio, os problemas que temos detectado son por razóns técnicas. Unha pantalla pequena pode influír na túa interacción cos xogos, entón validouse exclusivamente con tabletas. En calquera caso, non se pode entender que sexa unha ferramenta única de diagnóstico porque iso ten que facelo un profesional, que vai ter en conta máis cousas que a mera interacción que unha persoa fai nun xogo na privacidade do seu fogar.
A familiares e amigos que están a probar a aplicación sempre lles digo que aínda que a aplicación indique problemas de deterioración cognitiva non se poden abafar. Que poden repetir a proba nuns meses e, se volvese dar positivo, ir a un profesional.

A ferramenta o que ten vocación é de ser unha axuda para que as persoas poidan facer un cribado inicial e ter unha maior conciencia do seu estado cognitivo. Sobre todo, crear conciencia da poboación, especialmente das persoas de máis de 55 anos, do importante que é coidar a mente igual que coidamos o corpo. Todos sabemos que é bo ir ao ximnasio, mesmo se es novo, pero non somos conscientes do importante que é coidar o noso cerebro.
Moitas veces unha deterioración cognitiva temperá non é por unha enfermidade neurodexenerativa, senón por outros factores que se poderían corrixir. Se fose por iso, podes moderar de maneira moi importante a evolución, co que vas ter maior calidade de vida. Pódenos servir para ter unha indicación dun cribado. Feito iso na privacidade do teu fogar, por ti mesmo. Pero sobre todo porque crea un debate na sociedade da importancia que é a detección da saúde cognitiva.
—Vostede falaba dos resultados. Tras xogar, como se recibe esa información tan sensible?
—Simplemente se lle di que pode haber indicios de deterioración cognitiva e se lle recomenda facelo outra vez nuns meses para evitar o ‘efecto memoria’. Se volve dar un resultado que pode dar indicios de deterioración cognitiva, consulte cun profesional.
Xérase un PDF para explicarlle ao persoal sanitario como se fixo a proba, en que condicións e cal é o fundamento científico, para que sexa un elemento máis para valorar. Que non vaia unha persoa dicindo xoguei a un xogo e díxome que teño deterioración cognitiva, senón que poida levar un documento que sexa unha evidencia máis.
—A cantas persoas esperan chegar?
—Estamos xa cerca das 15.000 descargas e fíxose cunha contorna cultural concreta que é o noso país. Para manter a capacidade de detección ten que recoñecer unha serie de elementos como un paseo nunha vila e que están pensados para a nosa cultura. A idea sería chegar ao maior número de persoas posibles dentro dese rango. Sobre todo, porque creamos unha conciencia do importante que é coidar a nosa mente, non só polo feito de facer ese test, que tamén.
A propia aplicación proporciona pistas e ideas para manter a túa reserva cognitiva. Referidas á alimentación, ou actitudes ante a vida. Non só detectar eses signos de deterioración cognitiva senón contribuír a xerar unha conciencia xeral do importante que é coidar a mente.
—Cre que este tipo de aplicacións impulsan o selo galego na investigación?
—Pois si. Eu creo que é importante, estamos encadrados no centro atlanTTic e o obxectivo da propia institución é precisamente explotar e promover a investigación das tecnoloxías da información de Galicia para o resto do mundo. O centro atlanTTic é un centro galego 100% e a nosa idea é transmitir que en Galicia podemos facer cousas moi interesantes.