Que nos di a escuma do mar da saúde das praias?

*Un artigo de Logo The Conversation

Un simple paseo pola praia nun día ventoso serve para que o mar esperte a nosa admiración e curiosidade ao ver romper as ondas e observar a formación de escuma. Trátase dun fenómeno efémero e fermoso que, ademais, pode darnos pistas sobre a saúde do océano.

Publicidade

Formación da escuma de mar

A escuma de mar xérase pola axitación producida pola forza das ondas e os ventos que, ao combinarse coa materia orgánica disolta (fundamentalmente plancto, organismos microscópicos que habitan na auga), forma unha dispersión de auga e burbullas de aire que se agrupan e soben á superficie en forma de escuma.

Estrutura esquemática da escuma de mar. Foto: Gumersindo Feijoo, CC BY-SA

Esta dispersión coloidal prodúcese porque a materia orgánica reduce a tensión superficial, unha propiedade fisicoquímica pola que os líquidos se comportan como se estivesen recubertos por unha fina membrana elástica.

Publicidade

Así, se queremos mesturar substancias en dúas fases inmiscibles como auga e aire ou auga e aceite, debemos reducir a tensión superficial coa adición de tensioactivos (compostos químicos cunha parte hidrófila e hidrófoba) que serven de ponte, creando unha interfase de conexión entre as dúas fases (líquida-gasosa, líquida-sólida ou entre dúas fases líquidas: acuosa e orgánica).

Esta propiedade é fundamental, por exemplo, para conseguir a biodispoñibilidade de compostos orgánicos na formulación de produtos agroquímicos, a biodegradación de mareas negras ou a recuperación de solos contaminados con combustibles. Ou simplemente para conseguir un lavado eficaz da roupa con manchas de graxa persistentes.

Que nos di o seu aspecto?

A luz solar é unha forma de radiación electromagnética esencial para a vida na Terra ao proporcionar calor e enerxía. Componse de radiación visible, infravermella (calor) e ultravioleta (UV). As principais características da luz son a lonxitude de onda e a frecuencia.

Características básicas da luz solar. A lonxitude de onda (λ) mídese en nanómetros (nm) e a frecuencia (f) en hercios (Hz). O símbolo ‘c’ na ecuación representa a velocidade da luz. Foto: Gumersindo Feijoo, CC BY-SA

A luz visible (cunha lonxitude de onda de aproximadamente entre 400 e 700 nanómetros) é unha pequena porción do espectro que o ollo humano percibe. Así, cando a luz incide sobre un obxecto, a súa superficie absorbe certas lonxitudes de onda e reflicte outras. Só as reflectidas poderán ser vistas polo ollo e por tanto no cerebro só se percibirán esas cores.

Escuma de mar nun ecosistema san. Foto: Gumersindo Feijoo, CC BY-SA

A cor do mar cambia debido á absorción selectiva da luz pola auga derivada da súa composición química, a vida mariña e as condicións climáticas. A auga é transparente, pero cando hai gran cantidade dela, tamén aumenta a absorción de luz no espectro reflectindo un patrón de cor azul.

Na escuma de mar, as burbullas de aire dispersan e reflicten a luz en todas as direccións sen practicamente absorbela, o que explica a nosa percepción de cor esbrancuxada. É necesario distinguir esta realidade do concepto da cor “escuma de mar” en pinturas ou moda, que adoita representarse como unha mestura suave de verde e azul para rememorar o ambiente mariño.

De feito, unha escuma branca que desaparece de forma case instantánea é un claro indicador dun ecosistema san. Pola contra, unha espuma persistente (por unha alta densidade), unha coloración escura (pardenta) ou algún cheiro desagradable son síntomas de contaminación, ben química (por fertilizantes agrícolas, verteduras industriais ou urbanas…), ben biolóxica (por exemplo, por un crecemento desmesurado de algas).

Un exemplo deste fenómeno de contaminación son os episodios recorrentes de formación de escumas nas praias do sur de Australia durante os meses de febreiro e marzo dos anos 2025 e 2026 (verán austral), con consecuencias terribles para a saúde dos animais e as persoas.

Un surfeiro entre a escuma do mar provocada pola floración de algas en Christies Beach (Australia), a 22 de outubro de 2025. Foto: Troy Rigney, CC BY-ND

Si coidamos do planeta e evitamos contaminalo, seguiranos ofrecendo contornas saudables e estampas de beleza extraordinaria. Se non o facemos, ademais de danar a natureza e con iso, a nosa saúde, estaremos a renunciar ás paisaxes das que hoxe aínda podemos gozar.


Cláusula de divulgación: Gumersindo Feijoo Costa non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañia ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

Gumersindo Feijoo Costa / USC
Gumersindo Feijoo Costa / USC
Catedrático de Enxeñería Química. Centro de Excelencia CRETUS da Rede CiGUS, Universidade de Santiago de Compostela

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nova epidemia de ébola: por que declarou a OMS unha emerxencia internacional?

O 15 de maio confirmouse un gromo causado pola especie 'Orthoebolavirus bundibugyoense' na República Democrática do Congo. Por Raúl Rivas

O océano está cheo de oíntes… e a maioría escoita mellor ca nós

O son viaxa aproximadamente 4,5 veces máis rápido en auga de mar que no aire. Por Antonio Figueras

Enfermidades do pasado: trilobites feridos, dinosauros coxos e outros males prehistóricos

A paleopatoloxía é a disciplina científica que permite coñecer que doenzas padeceron os organismos que habitaron a Terra en épocas pasadas

Ler é un pasatempo… ou moito máis?

A lectura destaca por activar procesos cognitivos específicos que, especialmente cando o cerebro se está desenvolvendo, poden marcar diferenzas importantes na idade adulta