O ornitólogo galego no cruceiro do hantavirus, antes de partir: “Xogámonola un pouco, só hai un médico”

Ricardo Hevia, que formaba parte dunha expedición para observar aves, recoñeceu nas vésperas de embarcar os riscos de viaxar nun barco como o 'MV Hondius'

O ornitólogo galego Ricardo Hevia viaxou a Arxentina para embarcar a comezos de abril no cruceiroMV Hondius, que percorrería o Atlántico Sur ata recalar en Cabo Verde a comezos de maio. A súa viaxe era puramente científica, dado que pretendía observar diversos tipos de aves en enclaves como as illas de San Pedro, Gough Island e Santa Elena. Nunha peza publicada en marzo en Diario de Ferrol, Hevia recoñecía os riscos da expedición: “Xogámonola un pouco. Se tes un ataque de apendicite ou calquera cousa un pouco grave, non é sinxelo. O barco ten un médico a bordo, pero para cousas simples. Se hai que operar a alguén, hai que evacualo”. As súas palabras resoan tras declararse no cruceiro un gromo de hantavirus, unha enfermidade viral aguda e potencialmente grave que xa segou a vida de tres cruceiristas e hai outras oito persoas infectadas.

As declaracións de Hevia fan alusión á falta de infraestruturas nalgunhas das zonas máis illadas do planeta, que ao mesmo tempo son ideais para a observación ornitolóxica: “Son sitios moi remotos aos que só se pode ir en barco porque non teñen aeroporto. Son lugares totalmente salvaxes onde non hai ninguén”. Así o explicaba Hevia ao xornal ferrolán, onde tamén contaba que pasaría 34 noites ao bordo do MV Hondius. Na peza, o ornitólogo describía o cruceiro como un “barco de expedición”, moi preparado para enfrontarse a grandes placas de xeo.

Publicidade

O galego viaxaba nunha expedición con outros catro investigadores co obxectivo de documentar aves como pardelas, albatros e pingüíns. En concreto, a ave que buscaba atopar Hevia era a pardela de lentes (Procellaria conspicillata): “É un paxaro negro coa cara algo branca que se non vas ao medio do Atlántico Sur, non a vas ver na vida”. Porén, a viaxe que iniciou o ornitólogo de Cariño a comezos de abril truncouse por unha urxencia epidemiolóxica da que, ata o de agora, se decoñece a orixe. Segundo a información trasladada ata o momento, Hevia non presenta síntomas pero mantense illado, como o resto dos cruceiristas: 149 pasaxeiros, dos que 14 son españois.

A expedición na que participaba o ornitólogo non era a primeira, senón unha máis da súa lista de viaxes para desfrutar da súa afección. “A min non me financia ninguén. Traballo oito horas todos os días de luns a venres nunha consultora ambiental”, relataba ao Diario de Ferrol, e engadía: “Ten que ser un cúmulo de circunstancias que case ninguén vai poder facer. Coñezo moita xente que o faría, pero non pode porque non ten máis dun mes de vacacións seguidas”. De feito, tal e como informa o xornal, tres dos compañeiros que tamén formaban parte da expedición xa están xubilados.

Publicidade

Para Hevia, a viaxe perfecta é illarse un mes para observar aves. A súa afección levouno a gañar tres Premios RARO, uns galardóns que recoñecen as mellores observacións de aves en Galicia. “Ti fas fotos e ves bloques de xeo, pero vas estar alí. Ver un iceberg máis grande que unha vila no medio do océano, sen nada á vista… é algo incrible. Dis: grazar por poder estar aquí e velo”, contaba ao xornal ferrolán.

A inhalción, principal fonte de contaxio

O hantavirus é unha enfermidade causada polo virus Hanta. Este microorganismo é o causante de patoloxías como a síndrome pulmonar por hantavirus (HPS) e a febre hemorráxica con síndrome renal (HFRS), e ambas poden ser mortais. A principal fonte de contaxio son os roedores silvestres, en especial os de cola longa (Oligoryzomys longicaudatus), a través da súa saliva, feces e urina, e mesmo as partículas de po contaminadas dos niños destes animais. A causa de contaxio máis frecuente é a inhalación: isto pode acontecer en lugares abertos ou pechados nos que o virus se desprendeu ao ambiente.

Tamén se pode contraer o virus por mordeduras ou contacto directo con roedores —vivos ou mortos— que estean infectados, así como a súa saliva, feces e urina. Aínda que resulta menos habitual, é posible a transmisión entre persoas nos primeiros días de presentar síntomas. A OMS advirte que o virus pode desenvolverse ata 40 días tras a exposición á infección, o que dificulta a súa detección temperá.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como se detecta o hantavirus: así funcionan as probas de laboratorio mediante PCR

As autoridades estadounidenses notifican un “positivo leve” nun dos repatriados, aínda que Sanidade sostén que non presenta sintomatoloxía concluínte

A bordo do hantavirus

O gromo dunha enfermidade potencialmente mortal en alta mar. Por Laura Filloy

Última hora do hantavirus, en directo | O ‘MV Hondius’ atraca en Tenerife polas dificultades meteorolóxicas

Francia confirma un caso positivo | Os 14 españois reailzarán corentena en Madrid ata o 17 de xuño

Así escapa o hantavirus ao control do sistema inmunitario: como pode evitarse?

O hantavirus bloquea a produción de interferóns tipo I (IFN-I), que constitúen a nosa primeira liña de defensa contra infeccións e outros patóxenos. Por Narcisa Martínez Quiles