O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

*Un artigo de Logo The Conversation

En maio de 2025, un buque arrastreiro de Newlyn, no condado de Cornualles (Inglaterra), descargou 20 toneladas de polbo común nunha soa xornada. Semanas despois, outro patrón desembarcaba máis de 30 toneladas toneladas nun só día. No conxunto da tempada, a flota do suroeste británico descargou máis de 1.200 toneladas dunha especie que alí, ata hai nada, era unha rareza: as capturas de 2025 foron case 65 veces superiores á media en anos anteriores.

Publicidade

En todo 2025, os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron o maior boom de polbo nos últimos 75 anos. Mentres, un ano antes, as lonxas galegas tocaban mínimos históricos. En Galicia, as capturas de polbo de 2024 foron as máis baixas en 25 anos, apenas 1.180 toneladas en lonxa, e a facturación derrubouse respecto aos bos anos da década anterior.

Que relación gardan os dous feitos? Son dous titulares simultáneos, opostos e perfectos para un relato sinxelo: o polbo escápase de Galicia. Foxe dun Atlántico galego que se quenta e atopa refuxio en augas británicas que lle resultan acolledoras. É unha historia limpa, intuitiva e… falsa.

Publicidade

Por que a migración non cadra

O polbo común (Octopus vulgaris) é un animal de fondo, de vida curta (un ou dous anos) e sedentario na súa fase adulta. Non protagoniza migracións oceánicas de longo percorrido. A conexión entre poboacións distantes non a fan os adultos nadando, senón as larvas, que pasan semanas ou meses á deriva no plancto antes de asentarse.

Cando o equipo da Marine Biological Association, a Universidade de Plymouth e o Plymouth Marine Laboratory reconstruíron a orixe do fenómeno británico, atoparon dúas cousas moito máis próximas. A primeira: o polbo común está a reproducirse nas propias augas británicas, con exemplares xuvenís que aparecen nas nasas. A segunda: os modelos de correntes e as medidas de salinidade apuntan a unha achega de larvas desde as illas do Canal e o norte de Francia, en particular, tras un gran episodio na illa de Guernsey impulsado por ventos persistentes do este, en 2024.

O que si comparten os dous mares

Que non haxa migración non significa que non haxa conexión. Un mesmo fenómeno climático produce efectos opostos en dous biomas —ecosistemas característicos dunha zona biogeográfica— locais distintos. O elemento común é a temperatura.

O boom británico non é un feito illado: é apenas o cuarto gran episodio deste tipo en 125 anos (os anteriores foron en 1899-1900, 1932-33 e 1950-51). E todos coincidiron en invernos e augas anormalmente cálidas.

O que cambiou non é que a calor favoreza o polbo, senón que esa calor deixou de ser excepcional. A canle da Mancha rexistrou veráns clasificables como ondas de calor mariñas. E, nun mar máis tépedo, as larvas sobreviven ao inverno, os adultos crían e unha reprodución explosiva converte unha fiestra favorable nunha avalancha.

En Galicia, o mesmo Atlántico que se quenta xoga outra partida. Aquí o polbo non marcha, pero tampouco cría, ou os xuvenís morren. E a temperatura non é a única panca. Os científicos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo insisten nun factor que de cando en cando chega aos titulares: o afloramento, ese ascenso de augas profundas, frías e ricas en nutrientes que sostén a produtividade das rías. Cando o afloramento e a salinidade se desaxustan, o ciclo reprodutivo do polbo reséntese, porque é unha especie moi sensible ás condicións da auga.

Os mares europeos reordénanse

Convén desconfiar das correlacións demasiado bonitas. Se o declive galego e o auxe británico fosen as dúas caras da mesma moeda, deberían moverse en espello ano tras ano. Non o fan: en 2025, mentres o Reino Unido rexistraba a súa marca, Galicia empezaba a falar de recuperación.

A lección para entender o que ocorre no Atlántico nororiental non é “o polbo emigra ao norte”, senón algo menos vistoso e máis inquietante: o mesmo cambio climático que prexudica a unha especie nun extremo do mapa pode facela prosperar noutro.

Con todo, no suroeste británico, ese éxito ten un reverso amargo: os polbos minguan as poboacións de bois de mar, lumbrigantes e vieiras, das que dependen outras flotas. Por iso, para moitos pescadores, a bonanza xa se converteu nunha perda.

Non sabemos se o episodio británico será un pico pasaxeiro, como os tres anteriores, ou o primeiro capítulo dunha presenza estable. Tampouco sabemos se Galicia volverá ás súas boas campañas de polbo ou se o seu declive é estrutural. O que a evidencia si deixa claro é que os mares europeos están a reordenarse ante os nosos ollos, especie por especie. A próxima sorpresa virá, como esta, disfrazada de coincidencia.


Cláusula de divulgación: Antonio Figueras Huerta non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

Antonio Figueras
Antonio Figuerashttp://iim.csic.es/es/estructura/11-inmunologia-y-genomica
Profesor de investigación do Centro Superior de Investigacións Científicas no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

O ‘cameo’ histórico de Castelao: as imaxes do rianxeiro no filme de ficción máis antigo de Galicia viaxan a Italia

O galego interpreta un pequeno papel como pastor protestante en ‘Miss Ledyia’, a película de 1916 que será proxectada no festival de cine mudo de Pordenone

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía