Nin máxicos nin para todo o mundo: a cara B dos fármacos para deixar de fumar

O investigador da USC Agustín Montes explica que os medicamentos para abandonar o tabaco deben ir acompañados dun cambio de conduta do paciente

O tabaquismo é a primeira causa evitable de mortalidade. Segundo a Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), en España máis de 12 millóns de persoas son fumadoras. En Galicia, segundo o Informe da Enquisa sobre Alcol e Drogas en España (EDADES) publicado no ano 2022, o consumo diario de tabaco nun mes era do 32,7%. Debido a estas cifras, Sanidade encárgase de financiar fármacos para deixar de fumar. Ata o de agora eran dous, e acaba de sumarse este mes de xuño un novo medicamento: o xénerico do coñecido fármaco Champix. Con todo, os expertos aseguran que este tipo de tratamentos non son o único que se precisa para deixar de lado a adicción ao tabaco.

A vareniclina, a citisina ou o bupropión son algúns dos principios activos destes medicamentos, e tamén son a clave da súa eficacia. Por iso, Agustín Montes, membro da Sociedade Española de Epidemioloxía e parte do grupo de traballo sobre o tabaquismo, asegura que a eficiencia non vén dada polo laboratorio que a produce, aínda que moitos usuarios pensen que si.

Publicidade

“Que diferenza hai entre unha aspirina e o ácido acetilsalicílico? A aspirina é de Bayer, e os outros son de diferentes laboratorios”, compara o profesor en Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Calquera medicamento xenérico —medicamento que basea a súa autorización na demostración de bioequivalencia cun fármaco previamente autorizado— ten que ter a mesma bioefectividade que o medicamento de marca, para comprobar así a súa validez, a través do balance beneficio-complicacións que pode supoñer.

O lado escuro do tabaquismo

O tabaquismo causa a morte de case 6 millóns de persoas ao ano, segundo datos do Sergas. O problema é máis profundo que o simple consumo: “é un estilo de vida”, expón o académico. Estes fármacos creados para abandonar o consumo de tabaco teñen unha función vital: paliar a síndrome de abstinencia, o que popularmente se denomina “mono”.

A aparición da abstinencia cando alguén quere deixar de fumar depende das condutas do fumador, da súa dependencia e da cantidade de nicotina consumidas. “Esas persoas cunha alta dependencia van padecer síndrome de abstinencia, para a que está indicada este tipo de tratamentos”, explica Montes. Os principais síntomas son a irritabilidade, o estrés e a ansiedade, asociados á reacción de deixar de fumar.

Mais, como informa o investigador, “non hai ningún medicamento que nos faga cambiar as nosas condutas, e isto tampouco”. Resalta que o verdadeiramente importante neste proceso é o cambio nas comportamentos asociados ao consumo de tabaco, como a mentalidade de que o tabaquismo é prexudicial tanto para un mesmo como para o seu redor. “Estes fármacos non fan que desaparezan as ganas de fumar, senón que é a motivación dos fumadores en deixalo o que produce o efecto”, argumenta.

Por este motivo, os fármacos financiados pola Seguridade Social precisan que os usuarios cumpran unha serie de requisitos para poder ofrecelos. No caso dos usuarios do xenérico de Champix, fabricado por Normon e que se comezou a comercializar neste mes de xuño, os posibles pacientes deben estar incluídos nun programa de apoio de deshabituación tabáquica, e deberán constatar que intentaron deixar de fumar polo menos unha vez no último ano. Deben ser consumidores de, polo menos, 10 cigarros ou máis ao día, e demostrar a súa alta dependencia no test de Fagerström, que mide a dependencia da nicotina. “Aqueles con niveis de 0, Baixo ou Moi baixo, non teñen que tomar estes medicamentos porque non teñen síndrome de abstinencia”, aclara.  

Efectos secundarios máis aló da seguridade

Estas opcións médicas para deixar de fumar son medicamentos seguros, mais os pacientes poden convivir con efectos secundarios “moi relevantes”. O bupropión causa unha actitude compulsiva, mentres a vareniclina produce alteracións do sono, náuseas e vómitos. Por iso, “deben estar pautados por un médico”.

Con todo, a pesar dos posibles efectos, antes de que un medicamento saia ao mercado, “pasa por unha serie de estudos moi rigorosos sobre a súa seguridade“. Estas son as primeiras probas que se levan a cabo, incluso previas ás que aseguran a súa eficacia. “Cando unha Axencia do Medicamento autoriza a comercialización, é que o remedio é seguro”, aclara.

No caso das mulleres embarazadas, a comercialización destes fármacos cumpre cun principio de precaución. “Estes medicamentos non están ensaiados nestas mulleres, pero si en adultos”, afirma. A causa do principio universal de precaución, non se autoriza o seu uso en xestantes porque “non se sabe as posibles alteracións xenéticas que podería xerar”. Na ficha técnica de cada produto indícase o público ao que vai dirixido, en base ao tipo de poboación no que foi probado. 

Algo máis ca unha pastilla

“O nivel de efectividade vai depender do programa no que se aplique”, comeza a explicar o doutor. En condicións ideais de laboratorio e seguindo un programa dirixido, estes tratamentos demostran ter unha eficiencia elevada na poboación fumadora. Con todo, a medición da cura neste caso é complexa: “Que se mide? Isto non é un antibiótico que aniquila unha bacteria, senón que se calcula o abandono do tabaco“. Con todo, son algúns os casos nos que a éxito acada niveis do 40-60%

Non obstante, o abandono tabáquico está condicionado por outros aspectos non estritamente biolóxicos. “Estes medicamentos son interruptores parciais, pois impiden que actúen os receptores de nicotina do cerebro durante o tratamento”, declara. 

“Hai quen pensa que só se basea en tomar a pastilla que indica o prospecto”, apunta Montes. Con todo, cando o paciente remata de tomar o comprimido sen cambiar a súa conduta, os receptores nicotínicos do cerebro volven demandar a cantidade de nicotina que consumían. “Prodúcese unha recaída practicamente asegurada“, garantiza.

Por iso, Agustín Montes propón que o tratamento a raíz destes medicamentos sempre debería establecerse dentro dun programa “moito máis amplo”. Estes, ademais de loitar contra a dependencia física, deben motivar o paciente para cesar a dependencia psíquica. Polo tanto, o fumador, ademais de tomar o medicamento, debe levar a cabo unha serie de estratexias motivacionais dirixidas por un terapeuta ou médico de cabeceira, a través de técnicas cognitivo-condutuais para que lles faciliten o abandono desta adicción que supón o consumo de tabaco.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Fumadores pasivos: respirar o fume alleo segue causando estragos

Este contaminante ambiental pode producir enfermidades como o cancro de pulmón, a cardiopatía isquémica e a morte súbita do lactante

Rastrexadores da Covid-19: o equipo que protexerá Galicia dos futuros brotes

As autoridades sanitarias prepáranse para detectar a tempo os posibles focos de contaxio durante as seguintes fases da crise

As mortes de mulleres por tabaquismo en Galicia medran o 4,4% anual

Un estudo califica de 'alarmante' o incremento entre mulleres novas, mentres baixa a mortalidade nos varóns

A foto dun bebé escorrenta a máis fumadores que a dun pulmón enfermo

As imaxes que causan vergoña ou angustia reducen máis o desexo de compra que as de noxo, segundo un estudo en 10 países europeos