Cantos días con máis de 35ºC haberá en Galicia a finais de século? Consúltao neste mapa

A provincia de Ourense, Monforte e os vales do Sil e do Miño, serán os que experimenten un ascenso máis acusado

Coa chegada do verán, as temperaturas aumentan exponencialmente. En Galicia, a diferenza entre inverno e verán percíbese no ambiente. Con todo, este desaxuste nos termómetros irá aumentando ao longo do tempo. Así o demostra Dominic Royé, investigador da Fundación para a Investigación do Clima (FIC), a través do GIF publicado no seu perfil da rede social X. Nel, móstrase a evolución de días con máis de 35°C ao longo do século XXI.

Grazas a un mapa de coropletas que inclúe a península ibérica e as illas Baleares, o climatólogo baséase no escenario SSP2-4.5 establecido pola ONU para implantar os datos. Neste, as emisións de CO2 roldan os niveis actuais antes de empezar a descender a mediados de século, mais non chegan ao cero neto ata 2100. Neste escenario, as temperaturas aumentan 2,7 grados a finais da centuria. As datas analizadas abranguen o mes de maio entre os anos 1981 e a fin do XXI, é dicir, 119 anos de análise.

Publicidade

O gráfico mostra que, de media, na España peninsular só se rexistraban estas temperaturas un día cada catro anos. Así e todo, os graos irán aumentando a medida que o impacto do cambio climático medre. Segundo os datos que achega Royé, a metade de século os días con máis de 35°C representarán 1 cada ano, e cara 2100, 3 días cada dous anos. Estas xornadas de temperaturas elevadas tamén aumentan en todo o territorio galego.

A evolución en Galicia

A través do mapa, pódese apreciar que no período que abarca os anos 2041-2070, as costas galegas vivirán 0,2 e 0,3 días de calor por riba dos 35°C a metade de século. Mentres, no interior, aumentará a cifra entre os 0,5 e 2 días, cunha máxima na provincia de Ourense.

Publicidade

Cara ao final do século, no período dende 2071 ata 2100, os termómetros da zona costeira subirán ata chegar a 0,5 días, namentres nas localizacións do interior chegará a 3-4 días ao ano. Esta situación percíbese principalmente en Ourense, alcanzando zonas de Monforte, o Val do Sil e do Miño.

Nesta zona interior de Galicia, pódese observar un dato histórico dun día cada 2 anos superando os 35°C, mais á metade de século xa será un día cada ano. De feito, co inicio do XXI, as cifras poderían chegar a 3-4 días cada dous anos. É un fenómeno que está ben marcado na depresión de Monforte e nos vales dos dous grandes ríos galegos, zonas que xa na actualidade chegan a temperaturas extremas.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra 18 mortes en maio asociadas á calor extrema

A provincia da Coruña foi a máis golpeada ao sumar 15 dos falecementos totais do mes, mentres que Ourense non rexistrou ningún

Regresa El Niño, o fenómeno que incrementa (aínda máis) as temperaturas a nivel global

O evento meteorolóxico causa episodios atmosféricos extremos e podería deixar un outono máis chuvioso en Galicia

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

▪️ O episodio de calor dispara os termómetros: toda Galicia rexistrará máximas por enriba dos 30 graos

MeteoGalicia activa avisos amarelos que afectarán especialmente no interior, onde tamén se agardan tormentas localmente fortes con sarabia