Un equipo da Coruña ensaia unha ferramenta de IA para apoiar o profesorado

O obxectivo é desenvolver un sistema que proporcione un ensino personalizado da programación en linguaxe Python

Os investigadores do Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), Francisco Bellas e Óscar Fontenla, xunto cun equipo de oito integrantes máis, estiveron impartindo clases semanalmente no instituto Sofía Casanova de Ferrol dentro dun proxecto do Ministerio de Educación que explora o uso da intelixencia artificial (IA) como ferramenta de apoio na docencia. Este proxecto, bautizado como ProgTutor, ten como obxectivo desenvolver un Sistema de Tutorización Intelixente (ITS) que proporcione aos estudantes un ensino personalizado da programación en linguaxe Python a través de simulacións robóticas.

O ITS estívose probando con máis de 40 estudantes de primeiro de bacharelato durante o curso 2023/24, e lográronse grandes avances e melloras na súa funcionalidade. ProgTutor destaca polas súas contribucións en dúas áreas principais: a aprendizaxe automática, que inclúe novas métricas de interacción do estudante coa contorna de programación e o simulador robótico, métodos innovadores para avaliar o código en comparación con solucións correctas e un procedemento completo para personalizar tarefas de programación. E tamén a interface de usuario, que introduce métodos de retroalimentación baseados en visualizacións e experiencias personalizadas, inspirados nos videoxogos e a realidade virtual.

Publicidade

O proxecto axústase aos obxectivos do Plan de Acción de Educación Dixital da Unión Europea 2021-2027, con achegas significativas en varios aspectos. Como ferramenta didáctica, facilitará a formación en programación e pensamento computacional e ofrecerá un apoio considerable aos profesores mediante o seguimento e guía personalizada dos estudantes. O seu deseño para a aprendizaxe mixta permitirá tanto clases síncronas como asíncronas, adaptándose a diversas modalidades de ensino. Ademais, potenciará as competencias dixitais proporcionando unha aprendizaxe personalizada axustable a diferentes niveis educativos. Finalmente, promoverá a formación práctica en programación mediante a resolución de retos de robótica nunha contorna de simulación.

Desenvolvemento do prototipo de ITS

O resultado final deste proxecto será un prototipo software totalmente funcional, que se poderá aplicar en calquera formación básica sobre programación en Python. Para lograr este obxectivo, ProgTutor foi desenvolto a partir do simulador aberto do robot Robobo, chamado RoboboSim e desenvolvido en MINT SL, unha spin-off da UDC, que é sobre o cal os estudantes realizan os seus programas. A contorna de programación elixida para a formación foi Python, dado o seu uso tan estendido e a súa relevancia no mercado laboral, ademais de ser compatible co robot Robobo. O proxecto busca avanzar cara a un uso ético, responsable e positivo da IA no ensino, respectando en todo momento ao docente como eixo do proceso educativo, e apoiando o seu traballo.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Usar a IA sen entendela: que consecuencias ten para os estudantes?

Aínda que un 'chatbot' responda con confianza isto non garante a súa veracidade. Por Juan José Lorenzo Castiñeiras, Andrea Fernández-Sánchez e Isabel Fernández-Menor

Pódcast | O Shazam da música tradicional galega

A investigadora do CITIC Hilda Romero Velo mestura partituras, computación e bioloxía na súa tese para avanzar na investigación etnográfica musical

Por que todos os carteis feitos con IA son iguais?

A intelixencia artificial acelera a estandarización visual ao empregarse os mesmos 'prompts' e ferramentas. Por Iria María Santos López

Unha plataforma desenvolvida en Vigo abre novas vías para a rehabilitación da cognición social con IA

O proxecto ET-Plus, impulsado polo IIS Galicia Sur, personaliza o adestramento de habilidades en persoas con patoloxías mentais graves ou adiccións