Galicia, outubro de 2020. Despois dun verán relativamente tranquilo, dentro das restricións e a crise que marcarán os vindeiros anos, o país comeza un novo curso ante a incerteza dun posible rebrote do SARS-CoV-2. Os estudos de seroprevalencia confirmaron que unha mínima parte da poboación galega estivo exposta ao virus e a chegada do frío, que adoita complicar as infeccións que causan doenzas respiratorias, xa está a poñer en alerta ás autoridades sanitarias para evitar que a segunda ondada, como xa aconteceu noutros momentos da historia, chegue con máis forza cá primeira. De súpeto, e a pesar das precaucións, varios traballadores dunha empresa situada nunha área industrial próxima, por exemplo, á Coruña, comezan a amosar síntomas compatibles coa Covid-19. Que se fará se isto chega a pasar? Será posible cortar con éxito o foco?
O aprendido durante estes meses será unha das grandes ferramentas contra estas situacións. Nestes días, mentres os laboratorios traballan arreo na procura de vacinas, fármacos e outros tratamentos, os sistemas de saúde deseñan uns equipos que serán igualmente importantes para salvar o maior número posible de vidas. Serán os rastrexadores, persoas encargadas de frear de maneira precoz e efectiva a propagación de posibles casos, e que cobrarán importancia a partir de agora na primeira liña fronte á epidemia. As autoridades sanitarias internacionais están insistindo aos países en que poñan en marcha canto antes estas medidas. E xa hai varios exemplos que marcan o camiño.
Os rastrexadores na oficina de Seúl
Ademais da gran capacidade tecnolóxica para seguir os posibles casos (coas dúbidas sobre o respecto á privacidade destas prácticas), unha das claves do éxito de Corea do Sur na contención da pandemia, segundo mencionan os expertos, foi a posibilidade de facer unha análise moi detallada dos contaxios detectados, tamén a través do ‘traballo de campo’. Neste sentido, unha das mellores evidencias da importancia dos rastrexadores é un artigo recollido pola revista Emerging Infectious Diseases, que describe o seguimento dun equipo de médicos coreanos aos traballadores dun centro de chamadas de Seúl, a capital do país, no que se detectaron 97 casos de Covid-19 en marzo de 2020. Deles, 94 persoas traballaban no 11º andar do edificio, no que tamén había vivendas particulares en andares superiores. A participación dun amplo equipo de expertos permitiu obter unha fotografía detallada dos contaxios e, deste xeito, reducir o risco de propagación.

Nada máis confirmar o primeiro positivo mediante unha proba PCR, o edificio pechouse e contactouse con todas as persoas que adoitaban estar nel, tanto traballadores do centro como residentes, para facerlles a mesma análise PCR. Os casos confirmados foron illados, e os negativos tiveron que gardar corentena durante dúas semanas. A tecnoloxía tamén axudou: os investigadores explican que en tres días mandaron 16.628 mensaxes de texto ás persoas cuxos teléfonos móbiles estiveran situados a menos de cinco minutos do edificio, recomendándolles extremar as precaucións e acudir, se era posible, ao centro de análises máis próximos para someterse a unha proba. Segundo narran os médicos que seguiron o brote, acabaron testando a 1.143 persoas, o que, ao seu xuízo, xunto a todo o esforzo de seguimento de contactos, permitiu conter o brote.
Requisito na ‘desescalada’
En Galicia, os profesionais sanitarios xa tiveron que facer algúns seguimentos semellantes, como aconteceu co peche do centro cívico de Feáns a comezos de marzo ou o foco producido en viaxes do Imserso ao levante que estivo na orixe de bastantes contaxios e varios falecementos en Galicia. Estes antecedentes, e os múltiples exemplos que a historia da epidemioloxía ofrece aos expertos sanitarios marcarán esta nova etapa. “Volvemos a unha fase de contención e a partir de agora haberá que identificar rapidamente aos casos sospeitosos que puideran xurdir para confirmar a infección, proceder ao illamento e ao estudio dos seus contactos. E todo isto sen esquecer as medidas de prevención básica: hixiene de mans e distanciamento físico”, explica Agustín Montes, investigador da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela.
Esta nova etapa da crise, determinada polo plan marcado desde o Ministerio de Sanidad, irase aplicando en función da situación de cada unha das comunidades autónomas. O documento de referencia para cortar de raíz os posibles rebrotes é unha estratexia que o Ministerio e o Instituto Carlos III publicaron este 6 de maio, onde se marcan as pautas a seguir en caso de detectar novos casos, así como os indicadores que se deberán achegar desde cada autonomía unha vez quede atrás a fase máis aguda da pandemia.
A clave, na Atención Primaria
Nesta semana, as comunidades autónomas estiveron desenvolvendo os documentos nos que expoñen ante o Goberno central a capacidade para pasar á chamada fase 1, que se aplicaría a partir do vindeiro luns 11 de maio e permitiría o levantamento dalgunhas restricións. En Galicia, o documento presentado pola Consellería de Sanidade argumenta que, dada a situación da epidemia, sería posible flexibilizar a mobilidade dentro do territorio galego. Así o expuxeron nunha comparecencia este mércores representantes do Sergas, encabezados polo conselleiro Jesús Vázquez. Tanto Vázquez como Jorge Aboal e Xurxo Hervada, altos cargos do sistema sanitario galego, avanzaron algunhas das claves que terán como peza esencial aos rastrexadores.
Os plans teñen previsto que se poidan illar zonas moi concretas de Galicia en caso de posibles focos no futuro
Con todo, e dentro da baixa circulación actual do virus en Galicia, desde o Sergas expúxose un plan que prevé, en caso de detectar focos, illar zonas moi concretas do territorio de Galicia para impedir contaxios a gran escala. O presidente da Xunta, na súa comparecencia no Parlamento este xoves, apuntou que estas zonas poderían reducirse, por exemplo, “a zona de influencia do centro de saúde ou do distrito sanitario”, sen necesidade de confinar unha área ou provincia enteira.
Neste sentido, o subdirector xeral de Información sobre a Saúde, Xurxo Hervada, avanzou que, de detectarse un posible caso, activarase unha alerta para o seguimento de contactos. Mencionou Hervada que se poñerá en marcha un equipo de teleoperadores para contactar cos casos próximos e reforzar o seu illamento. Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria, aclarou que está previsto desenvolver unha canle de traballo para solicitar unha proba PCR a todos os casos sospeitosos o máis rapidamente posible e, deste xeito, ter un resultado nun prazo máximo de 24 horas para gañar tempo no illamento dos contactos da persoa infectada.
Será un labor no que xogarán unha peza clave os servizos de Atención Primaria repartidos por Galicia. Para isto, o Sergas contempla un reforzo de persoal sanitario destinado a realizar estas tarefas. Neste sentido, os profesionais maniféstanse dispostos a colaborar, pero esixen que as condicións laborais sexan acaídas para acometer unha tarefa que requirirá de importantes recursos. “Imos ter que xogar un papel clave, e precisamos que isto se faga nas mellores condicións de seguridade e cun plan ben definido”, explica Jesús Sueiro, membro da xunta directiva da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec). O colectivo da Atención Primaria leva esixindo durante a pandemia unha maior dotación de recursos para a detección temperá.

Canta xente faría falta?
Aínda que ata agora non se fixo pública ningunha cifra do número de rastrexadores que precisaría Galicia para anticiparse aos futuros brotes, estímase que as persoas habilitadas para poñerse en marcha se a situación o require debería de ser de, polo menos, varios centos. Algúns países, como Escocia, xa fixeron pública a súa estratexia, baseado na premisa de “tests, rastrexo, illamento e apoio“. O documento apunta a uns 2.000 rastrexadores para unha poboación de 5,5 millóns de persoas, máis do dobre cá galega.
Coñecemento a nivel local
A capacidade de reaccionar a nivel local é un dos puntos clave para evitar posibles puntos de Galicia. Neste sentido, o investigador da USC Agustín Montes apunta que “os sistemas de información xeográfica son unha ferramenta moi interesante para coñecer a distribución dun determinado fenómeno no territorio”, polo que neste caso “permitiría analizar como se foi espallando a infección polo novo coronavirus por toda Galicia”.
Os últimos datos facilitados verbalmente por Alberto Núñez Feijoo (Galicia non publica información a nivel municipal dos contaxios) expoñen que os novos casos dos últimos días cínguense a uns 100 concellos (non hai casos desde hai polo menos tres días en 214), e en 118 non se constatan afectados desde hai dúas semanas, a xanela de tempo que se adoita contemplar para agardar a que o organismo desenvolvan a infección e manteña a capacidade de contaxio.
Neste punto, Agustín Montes cre que sería recomendable poñer a disposición da cidadanía dita información. “Coñecendo a gran profesionalidade dos membros da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade estou seguro de que teñen analizado a distribución espazo-temporal da pandemia en Galicia, o que non entendo é por que non fan pública esa información, e tampouco por que non se poñen os datos epidemiolóxicos a disposición de toda a cidadanía como fan outras comunidades”.
O investigador da USC expón que, de ser públicos estes datos, a cidadanía de determinadas partes de Galicia podería anticiparse á chamada ‘nova normalidade’. “As zonas rurais, ou mellor dito, as entidades locais mais pequenas están en mellores condicións para volver a unha vida normal xa que é mais fácil de conseguir a medida preventiva fundamental para evitar a transmisión do SARS-CoV-2: o distanciamento físico“, engade Montes.
Máis información:
- Coronavirus Disease Outbreak in Call Center, South Korea (Publicado en Emerging Infectious Diseases).
- (En PDF) Estrategia de diagnóstico, vigilancia y control en la fase de transición de la pandemia de Covid-19. Indicadores de Seguimiento. Ministerio de Sanidad e Instituto Carlos III.
- Coronavirus (Covid-19): test, trace, isolate, support strategy. Goberno de Escocia.














