Xoves 28 Marzo 2024

Científicos galegos participan nun relevante achado para regular a graxa parda

Miguel López e Laura Liñares, do grupo NeurObesity do CiMUS de Santiago, axudan a identificar un novo mecanismo regulador do metabolismo deste tecido

Un equipo do Centro de Investigación Biomédica en Rede sobre Obesidade e Nutrición  (CIBEROBN) acaba de descubrir un novo mecanismo de regulación do metabolismo do tecido adiposo marrón, a chamada graxa parda, mediante un sistema hormonal que ata o de agora estaba asociado á fisioloxía do sistema renal e cardiovascular e en procesos de inflamación e dor. Este sistema de autocontrol molecular do metabolismo lipídico, descoñecido ata o de agora, podería axudar a evitar os efectos prexudiciais derivados dun exceso de activación desta graxa parda.

O novo traballo, publicado na revista Nature Communications, está dirixido por Francesc Villarroya, investigador principal do CIBEROBN e catedrático da Facultade de Bioloxía e do Instituto de Biomedicina da Universidade de Barcelona (IBUB). E entre os asinantes do artigo están os investigadores galegos Miguel López, líder do grupo NeurObesity do CiMUS de Santiago, e Laura Liñares Pose. Tamén participan neste traballo expertos da Universidade de Maastricht (Holanda), e a Universidade de Humboldt, o Centro para a Investigación Cardiovascular e o Instituto de Saúde de Berlín (Alemaña).

Publicidade

O control da actividade da graxa parda

O tecido adiposo marrón ten como función principal queimar calorías e producir calor corporal a partir das graxas (termoxénese). Tamén actúa como un órgano endócrino capaz de segregar factores que activan o metabolismo das graxas e os carbohidratos e axudan a previr patoloxías como a obesidade ou a diabetes. Con todo, unha actividade excesiva e descontrolada do tecido podería causar efectos prexudiciais tales como a caquexia -unha excesiva perda de masa corporal- presente nalgúns tipos de cancro.

O artigo describe por primeira vez a relación do sistema calicreína-quinina cos procesos de regulación metabólica no tecido adiposo marrón. Este tecido actívase como reacción a estímulos ambientais -temperatura, dieta, etc.- e a súa resposta canalízase a través do sistema nervioso simpático e factores hormonais. Tradicionalmente, pensábase que a interrupción destes factores inductores era o auténtico que limitaba a actividade termoxénica da graxa.

“Agora sabemos que algúns mecanismos activos poden actuar como freo e que os propios inductores positivos poden poñer en marcha este sistema, que actúa como mecanismo de autocontrol para suprimir a actividade da graxa parda”, detalla Francesc Villarroya,

“Aínda que pareza contraditorio -os propios sinais activadores determinan o autocontrol do sistema- isto explicaríase se consideramos o importante que resulta a regulación fina da termoxénese para evitar que demasiados metabolitos sexan queimados sen ningunha finalidade fisiolóxica para o organismo”, apunta o experto.

Termoxénese

O mecanismo bioquímico para queimar calorías e producir calor corporal a partir das graxas -coñecido como desacoplamento mitocondrial- é un proceso que altera completamente a bioenerxética da mitocondria, o orgánulo celular responsable da obtención de enerxía. Neste mecanismo particular, a actividade da mitocondria non é a habitual -que é oxidar substratos para obter moléculas de ATP para achegar enerxía ás células- senón que deriva na disipación da enerxía metabólica en forma de calor.

Unha actividade excesiva do tecido adiposo marrón orixina cadros patolóxicos asociados a un gasto enerxético descontrolado e unha perda de peso acelerada (caquexia, etc) en pacientes afectados por tumores. Aínda existen moitas incógnitas sobre un proceso, que dentro do ámbito clínico dificulta tamén a recuperación dos afectados por grandes queimaduras cando nestes pacientes dispárase o gasto enerxético e a actividade do tecido adiposo marrón.

Moito antes de coñecerse a fisioloxía do tecido adiposo marrón, o desacoplamento mitocondrial foi considerado o mecanismo responsable da intoxicación de traballadores de fábricas de armamento durante a I Guerra Mundial. Debido á exposición ao composto dinitrofenol -un tóxico que activa de maneira incontrolada este mecanismo en todos os tecidos do corpo- a temperatura dos traballadores intoxicados disparábase e a perda de peso era dramática nos afectados. Na década dos setenta do século XX, a comunidade científica puido identificar que o desacoplamiento mitocondrial é un proceso que, de maneira específica, ten lugar de maneira controlada nas mitocondrias do tecido adiposo marrón mediado pola proteína UCP1.

“É evidente que un mecanismo así debe estar altamente controlado para non xerar problemas por actividade descontrolada. De feito, é posible que a evolución confinase este mecanismo dentro as mitocondrias dunha célula especializada –o adipocito marrón- e non en todos os tecidos do organismo como mecanismo de seguridade”, apunta Villarroya.

Este estudo podería achegar novas perspectivas ás estratexias para moderar a actividade termoxénica en situacións patolóxicas (cancro, etc.). Neste contexto, o descubrimento da acción local sistema de autocontrol endóxeno calicreína-quinina sobre o tecido adiposo marrón abre agora novos horizontes ao desenvolvemento de futuras ferramentas farmacolóxicas para a loita e o control das enfermidades metabólicas.


Referencia: The kallikrein–kinin pathway as a mechanism for auto-control of brown adipose tissue activity (Publicado en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Yolanda Prezado: “Coa protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos”

A científica galega referente en París incorpórase ao CiMUS para impulsar a investigación en Galicia da terapia con protóns

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde

Pontevedra ensaia fármacos prometededores contra doenzas hepáticas: esta é a innovadora tecnoloxía que hai detrás

Pacientes con hepatite B e fígado graxo proban tratamentos baseados no ARN de interferencia, unha das terapias máis esperanzadoras