A Consellería de Sanidade vai propoñer ao Ministerio de Sanidad que todo o territorio de Galicia pase á fase 1 do plan da chamada “desescalada”. En caso de recibir o visto bo do Goberno, a partir do vindeiro luns 11 de maio levantaranse algunhas das restricións impostas á poboación para conter a propagación do SARS-CoV-2. A petición foi anunciada este mediodía polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nunha comparecencia xunto a Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, e Xurxo Hervada, subdirector xeral de Información sobre a Saúde. Os tres explicaron o contido do documento que, a xuízo da Administración autonómica, demostra que “se cumpren os requisitos establecidos”.
Na solicitude, a Xunta tamén incluirá a proposta de que “se flexibilice a mobilidade en todo o territorio“, sen aterse ás provincias, tendo en conta a situación de cada unha das sete áreas sanitarias do país. Tal e como avanzara o Goberno galego en días previos, “a toma de decisións que motiven o cambio de fase das previstas no Plan de transición, de acordo cos datos epidemiolóxicos”, aplicaranse sobre o ámbito das devanditas áreas, unha aproximación que permite, segundo o conselleiro “o menor conflito entre a protección da saúde e os dereitos fundamentais da cidadanía“.
Control “rápido e riguroso” para o illamento
Vázquez Almuíña apuntou que na actualidade a situación epidemiolóxica é “boa” nas sete áreas sanitarias galegas, polo que se traslada a petición de que a mobilidade nesta fase 1, a pesar das restricións que se manterán, sexa flexible en todo o territorio. Así, a proposta da Xunta baséase na capacidade de control “rápido e riguroso”, en palabras de Jorge Aboal, para o illamento de zonas concretas inferiores como a zona, o distrito ou a área, caso de ser necesario, para que, no suposto da existencia de rebrotes, se aconselle o establecemento de restricións á mobilidade. Para isto establecerase un protocolo na Atención Primaria que permita frear de forma precoz a posible propagación do virus.
Neste sentido, e como prevención ante a posible reaparición de casos, “a unidade territorial de actuación sanitaria sobre a que levar a cabo medidas restritivas de mobilidade, de aconsellalo así os indicadores, debe ser aquela que, en cada caso concreto, se demostre como a máis efectiva para controlar de forma máis precisa e proporcionada á situación adversa”. Deste xeito, engadiu Vázquez, tomarase a zona sanitaria (antes da última reforma do sistema, Galicia estaba dividida nunhas 150), en caso de que se poida atender a situación con esta delimitación. De non ser así, tomarase en conta o distrito, de non ser posible, a área sanitaria.
196 concellos sen casos nos últimos 14 días
Durante a comparecencia, Xurxo Hervada ofreceu un novo dato sobre a situación da pandemia a escala municipal, unha cifra da que se informa diaramente na meirande parte das comunidades autónomas, pero non en Galicia. Hervada apuntou que nos últimos 14 días hai 196 concellos onde non houbo transmisión comunitaria, é dicir, contaxios ‘locais’, mentres que son 190 os que non rexistraron ningún positivo. No referente aos últimos tres días, a cifra medra a preto de 290. É dicir, estanse rexistrando novos casos en apenas 20 municipios.
Que significa pasar á fase 1?
De recibir o visto bo do Ministerio de Sanidad, Galicia avanzará o vindeiro luns cara á chamada “nova normalidade” a través do levantamento de determinadas restricións. Por exemplo, permitiranse as reunións de ata 10 persoas respectando a distancia de seguridade, a apertura do comercio baixo condicións estritas de seguridade, agás os centros comerciais (debido ás posibles aglomeracións de persoas), a apertura dos hoteis e outros establecementos turísticos ou a celebración de mercados de proximidade. As terrazas da restauración poderán abrir ao 50% da súa capacidade garantindo a distancia de seguridade, e o sector agroalimentario e pesqueiro reanudará as actividades que mantiña con restricións.
Levantaranse tamén as restricións aos deportistas profesionais e afeccionados e permitirase a celebración de actividades culturais ao aire libre con menos de 30 persoas en lugares pechados e menos de 200 ao aire libre, así como visitas a museos con aforo limitado.
Tamén se permitirán os velorios cun número máximo de 15 persoas ao aire libre e 10 en espazos pechados. A comitiva para o enterro ou cremación reducirase a 15 persoas.
Todos os detalles da fase 1 poden consultarse no Boletín Oficial do Estado.