A curva segue sen baixar: os novos casos frean o control da pandemia en Galicia

As áreas de Vigo, Pontevedra e Santiago medran en número de casos activos respecto ao martes, no que se rexistraron nove falecementos máis

Os datos achegados este mércores polo Ministerio de Sanidad e a Consellería de Sanidade sobre a evolución da pandemia da Covid-19 en Galicia amosan de novo a confirmación de arredor de medio cento de novos casos diarios. O Ministerio expón que en Galicia se detectaron 46 positivos máis a través de probas PCR (con 1.876 análises nas últimas 24 horas, segundo Sanidade) aos que hai engadir outros 193 notificados mediante probas de anticorpos (que non se corresponden necesariamente con novas infeccións), e que fan 239 novos casos en total. Con estas cifras, unidas ás 241 novas “infeccións resoltas” e os 9 falecementos, Galicia rexistra 2.808 casos activos por coronavirus, o que supón 11 menos có martes, sendo a menor baixada desde os cambios de criterio que se produciron ao longo da semana pasada. No acumulado desde que comezou a crise, 10.192 persoas foron diagnosticadas coa infección en Galicia.

21 novas hospitalizacións e 9 óbitos

Dous dos indicadores relevantes (ademais dos novos casos) á hora de abordar as seguintes fases da chamada ‘desescalada’ e comprobar a baixada da ‘curva’, as hospitalizacións e os falecementos, experimentaron un incremento respecto a datas anteriores. 19 persoas ingresaron en unidades de hospitalización e 2 na UCI, e producíronse 9 mortes, 6 delas de usuarios de residencias de maiores; unha destas persoas morreu na residencia N.S. da Esperanza de Ourense e os outros cinco en hospitais e residencias integradas.

Casos activos

No tocante aos casos activos, cifra da que informa a Consellería de Sanidade, estase seguindo a 658 persoas na área da Coruña-Cee, 166 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 462 na de Ourense-Verín-O Barco, 160 na de Pontevedra-Salnés, 781 na área de Vigo, 455 na de Santiago-Barbanza e 128 na de Ferrol. En relación á información anterior, produciuse un aumento de 85 casos activos en Vigo. Tamén medraron os positivos en Santiago (4 máis) e Pontevedra (cinco máis). Porén, Ourense rexistra a maior baixada con 79 positivos menos, debido en boa parte á curación de 55 usuarios da residencia N.S. da Esperanza e 14 usuarios e 3 traballadores do centro residencial Divino Maestro.

Así foi a evolución por áreas despois dos cambios de criterio da semana pasada:

241 novas “infeccións resoltas”

Respecto ás persoas que superaron a infección, ou ben recibiron a alta epidemiolóxica ao dar negativo na PCR, o Ministerio de Sanidad indica que se suman 241 persoas a esta cifra. En total, son xa 6.802 en Galicia. Neste número, ademais das curacións, inclúense tamén, por exemplo, aos pacientes que dan negativo nunha proba PCR do coronavirus despois de ser positivo, aínda que poidan seguir ingresados no hospital. Nestas infeccións resoltas tamén se inclúen, tal e como aclara o propio Ministerio, os casos de persoas, como os positivos en tests de anticorpos, aos que se lles fixo unha proba serolóxica e non se puido evidenciar un momento da enfermidade.

 Dos 2.808 casos activos, 2.572 están sendo atendidos no domicilio (cifra na que se inclúen os usuarios de residencias de maiores), 206 en unidades de hospitalización e 30 nas UCI. Son, por tanto, 27 persoas nos hospitais e 16 máis no domicilio.

Falecementos

Ademais das seis mortes de usuarios de residencias de maiores, rexistráronse outros tres óbitos. Desde o comezo da crise faleceron 265 usuarios destes centros, o 45,53% do total das mortes causadas pola Covid-19 en Galicia.

Residencias

En canto aos centros de atención a persoas maiores ou con discapacidade, os casos activos son 723 (446 usuarios e 277 profesionais). A cifra supón un 25,74% do total de casos activos. Hai casos activos en máis de 50 destes centros. Porén, a curación de arredor dun cento de usuarios nestes centros supón un alivio nas cifras, toda vez que se trata dun dos colectivos máis vulnerables ante a pandemia.

3 COMENTÁRIOS

  1. Teño unha dúbida en relación os 193 notificados mediante probas de anticorpos.
    Estas son as probas que se lle fan os sanitarios para comprobar que teñen o virus pero tamén o anticorpo?
    Se xa teñen o anticorpo entendo que contabilizase como persoa que xa non está activo? En relación a esto, non entendo porque son novas altas porque o normal e que xa estuveran contabilizados con datas posteriores.

    Un saúdo,

  2. Cal é a curva que segue sen baixar? Se lin ben, hoxe hai menos activos que onte (así se reflicte na gráfica), polo tanto a curva segue baixando. Tal vez non tan rápido como nos gustaría, pero baixar baixa. Ou igual é a de novos contaxios. Pero claro, esa non vai baixar NUNCA. Como moito deixará de subir e quedará constante nalgún momento, pero baixar é imposible porque a xente que se contaxiou sempre figurará aí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.