Antonio Pose é xefe de servizo de Medicina Interna no CHUS. Foto: Cátedra de Cronicidade da USC.
Antonio Pose é xefe de servizo de Medicina Interna no CHUS. Foto: Cátedra de Cronicidade da USC.

Antonio Pose: “Na desescalada temos que coidar moito aos maiores para evitar contaxios”

O director da Cátedra de Cronicidade da USC cre que "o sistema sanitario non está preparado para atender de forma adecuada aos crónicos"

Mentres se seguen perfilando os datos arredor da letalidade real da Covid-19, as cifras constatan claramente que a idade avanzada e as doenzas crónicas ou previas son un factor que complica en boa medida a evolución da enfermidade. En Galicia, cun 25% da poboación con máis de 65 anos e un 10% maior de 80, estas complicacións poñen sobre a mesa a necesidade de tomar precaucións cara ás persoas maiores agora que están a levantarse as restricións de mobilidade da cidadanía. Antonio Pose Reino (Santiago de Compostela, 1956) é xefe de servizo de Medicina Interna no CHUS, profesor da USC e director da Cátedra de Cronicidade impulsada pola universidade compostelá, que pretende dar resposta ás eivas que os pacientes crónicos e as persoas maiores atopan na atención sanitaria. A cátedra conta co asesoramento de Rafael Bengoa, destacado asesor internacional en materia de saúde pública. Ante a magnitude da pandemia nas residencias de maiores, Pose Reino pon sobre a mesa a idea de adaptar as vivendas das persoas anciás para reducir o risco de contaxios en residencias.

Hai dúas palabras que lamentablemente se repiten á hora de falar das vítimas da Covid-19: “patoloxías previas”. Que nos di esta expresión?

– Efectivamente, sempre que falamos de afectación máis grave e sobre todo de mortalidade na Covid-19, falamos de patoloxías previas e facémolo por dous motivos. Un, porque a enfermidade é máis grave nas persoas que teñen factores de risco e comorbilidades. Entre os factores de risco está a idade maior de 60 anos e entre as comorbilidades: a hipertensión, a diabetes, as enfermidades cardiovasculares, a obesidade e a EPOC, entre as principais.

O outro motivo é para xustificar a elevada mortalidade que está a resultar neste enfermidade, que vai moito máis alá das primeiras cifras publicadas na China, onde era aproximadamente do 5%, mentres que noutros países e en concreto en España, en maiores de 70 anos pode superar o 20%. Esta elevada mortalidade ocorre neste grupo de poboación, moi especialmente nos que teñen importantes comorbilidades.

– Como ve a situación a curto e medio prazo en Galicia?

– Non se pode negar que en Galicia a situación actual é de que parece que a pandemia, polo menos o primeiro brote, está a ser claramente controlado: os ingresos hospitalarios diminúen, os contaxiados diminúen e as mortes causadas directa ou indirectamente pola enfermidade tamén diminúen. Con todo, non estamos diante da desaparición da infección, e isto é algo que temos que ter moi presente.

“Non estamos diante da desaparición da infección, e isto é algo que temos que ter moi presente”

Unha sociedade ten controlada a posibilidade de diseminación dunha infección similar a esta, cando máis do 60% da súa poboación ten inmunidade. É dicir, ou a tivo ou está vacinada e ten por tanto defensa fronte a ela. En Galicia estamos moi lonxe de ter contacto maioritario co virus. Os estudos que se están facendo para ver a prevalencia de anticorpos e por tanto, de contacto e defensa contra o virus, revelan cifras moi inferiores ao 5%; o que nos pon nunha situación de alto risco se temos outro brote. Con estas cifras, podemos dicir que o virus non está dentro da comunidade e iso é bo porque neste momento a posibilidade de contaxio é baixa. O problema exponse co desconfinamento e se tratamos de facer unha vida normal, como a de antes, sen restricións de desprazamentos e de medidas de hixiene e de seguridade. Porque se o virus regresa a unha comunidade desprotexida e non actuamos a tempo, xa vemos o que pode pasar senón volvemos adoptar as medidas sanitarias estritas que tivemos que tomar nesta ocasión e da forma máis precoz posible.

Neste momento o colectivo máis protexido probablemente sexa o de profesionais da saúde, que tamén foi o máis castigado porque que se contaxiou ata case un 30% nalgunhas comunidades. Por tanto, e en resumo podemos estar contentos de que o virus non circula na comunidade, pero moi atentos ao seu posible regreso,  pola falta de protección comunitaria. Podiamos dicir en “espera activa”.

– Cre que puido influír a realidade social de Galicia (dispersión, situación periférica, redes locais, etc.) na menor propagación da epidemia?

– Sen dúbida, as características da poboación galega que comenta xogaron ao noso favor, pero ademais diso, a chegada tardía da infección penso que foi un factor importante, porque as medidas sociais e sanitarias máis importantes xa se estaban tomando ou a piques de tomar nese momento. Ademais a experiencia adquirida ao ver o que ocorrera noutras rexións serviunos de moito. Doutra banda, esta chegada tardía tamén pode estar en relación coas características da nosa poboación.

–  Cunha poboación avellentada e unha circulación moi baixa do virus; como hai que prepararse na desescalada?

– É unha cuestión tremendamente relevante. Máis do 25% da poboación galega ten máis de 65 anos e existe unha relación estreita entre envellecemento e cronicidade, aínda que non sexan sinónimos. Pero máis notorio aínda é que preto do 10% da poboación galega ten máis de 80 anos e estas xa son palabras maiores: fraxilidade, cronicidade, multimorbilidade,  pluripatoloxías, etc.. Se a isto unimos o amontoamento en institucións sociosanitarias, compartindo múltiples espazos comunitarios, é fácil entender que os centros sociosanitarios e residencias, en xeral, son os lugares de maior risco para contraer a enfermidade, actuando tamén como foco de diseminación e ademais de desenvolvemento das formas máis graves da infección, disparándose a mortalidade como de feito xa ocorreu.

Na desescalada temos que coidar moito aos maiores e estar atentos coa hixiene de mans, para evitar os posibles contaxios a través das pingas ao tusir e mesmo ao falar e ao tocar superficies potencialmente contaminadas. Se esta situación se chega a repetir creo que a medida ideal sería “blindar as residencias”, como se fixo nalgúns países e nalgunhas residencias do noso país, nas que o contaxio non existiu.

– Que problemas se están vendo entre a  poboación de  maior  idade  despois das restricións  ás que estiveron expostas debido ao confinamento?

– Un artigo publicado recentemente no New England Journal of Medicine, unha revista de notable relevancia e impacto, establecía catro ondas expansivas causadas pola epidemia  COVID. A primeira a dos contaxios que vivimos con moitos enfermos que a padeceron, e algúns que ingresaron no hospital; a segunda é a das complicacións e secuelas orgánicas e funcionais (pulmonares, cardíacas, renais…), que quedarán nos pacientes que tiveron que ingresar na Unidades de Críticos; a terceira, a dos crónicos desatendidos durante este período onde toda a atención prestada era á Covid, e a cuarta e probablemente a máis importante, a das descompensacións das  enfermidades relacionadas coa saúde mental, que sen dúbida terán un gran impacto social e aparecerán de forma máis ou menos tardía.

–  Fálase moito das consecuencias boas e malas na sociedade que terá esta pandemia: cal é a súa reflexión ao respecto?

– Durante este período tivemos pouco tempo para reflexionar, pero o suficiente para facer reflexións profundas. Creo que temos un gran sistema sanitario público, e non polo que diga eu, véxoo porque o vivo a diario. Con todo, teño que dicir que este sistema sanitario non está preparado para atender de forma adecuada aos crónicos, porque ofrece unha asistencia fragmentada que non é axeitada para as persoas con importantes problemas crónicos de saúde.

Creo tamén que o sistema sociosanitario que temos está disociado e iso fai que vaia moito máis lento. O sistema sanitario avanzou, pero o social vai claramente máis amodo. Doutra banda, o noso sistema sanitario é público maioritariamente e pola contra o sociosanitario é privado e  concertado maioritariamente, e isto é un problema á hora de xestionar, controlar e progresar.

“Temos que pensar en como adaptar as vivendas dos nosos anciáns para que se convertan nas súas residencias”

Con todo, por mor do que estamos a ver noutros países e de ter a oportunidade de escoitar e compartir experiencias con Rafael Bengoa, unha persoa que é un referente internacional en cronicidade e que ademais é o asesor principal da nosa cátedra, quizais o problema sociosanitario non estea xa no debate público-privado, senón no modelo asistencial. Temos que pensar non no bos que teñen que ser os centros sociosanitarios ou residencias para os anciáns; senón como adaptar as vivendas dos nosos anciáns para que se convertan nas súas residencias, e isto pódese facer, porque se está facendo noutros países. Se esta estratexia se implementa, probablemente poderíanse evitar moitos dos falecementos que ocorreron nas residencias.

–   A Cátedra de Cronicidade busca adaptar o sistema de  saúde  ás persoas que poden padecer estas doenzas. Que  vai mudar despois desta crise neste aspecto?

– Enlazando co dito anteriormente, creo que é tempo de reflexión. Tivemos que aprender unha gran lección dunha forma moi dura, agora toca reflexionar e actuar. Temos que mellorar a atención aos crónicos, cambiando o modelo sanitario, pero tamén é necesario modificar o sistema sociosanitario; a atención aos anciáns. Os anciáns teñen moitos problemas de saúde relacionados coa cronicidade, pero en moitos casos problemas sociais asociados. As dúas situacións hai que abordalas de forma conxunta se queremos resolvelas.

A mensaxe que quero transmitir é que ao ancián non hai que illalo, senón integralo e esta é unha tarefa que nos compete a todos, porque todos temos seres queridos que máis tarde ou máis cedo se farán anciáns, se temos esa sorte. Fagamos que isto sexa un gran logro e non a etapa máis triste da súa vida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.