Martes 16 Abril 2024

Máis de 1.500 sanitarios contaxiáronse en Galicia da Covid-19

Un informe do Centro Nacional de Epidemioloxía expón que as infeccións en persoal sanitario supuxeron arredor dun 16% do total dos casos galegos

A pesar de que a cifra exacta de traballadores sanitarios que se infectaron en Galicia pola Covid-19 segue sen coñecerse a través de fontes oficiais (o Sergas non a facilitou ata o momento), un informe do Centro Nacional de Epidemioloxía ofrece a fotografía máis aproximada ata agora do impacto da epidemia na primeira liña da crise; cos datos recollidos o luns 4 de maio, máis de 1.500 profesionais galegos contaxiáronse por mor do SARS-CoV-2 desde o comezo da crise. O informe traza un perfil epidemiolóxico de boa parte dos sanitarios contaxiados en España, que son canto menos 30.660, xa que non hai información sobre a orixe dunha importante porcentaxe dos afectados.

A táboa que analiza a situación en cada unha das comunidades autónomas recolle, no caso de Galicia, os positivos notificados a través do Rexistro Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (Renave), coa información compilada ata o pasado luns. Nese momento, o Sergas trasladara ao Ministerio da Sanidad a información de 9.499 persoas afectadas pola Covid-19. O CNE expón no documento que a porcentaxe de infectados en Galicia que son sanitarios é de arredor do 16%, o que dá un valor, en termos absolutos, de máis de 1.500 profesionais. A porcentaxe é semellante á do conxunto de España, onde o sector representa un 14,52% dos contaxios.

Publicidade

Con todo, a cifra en Galicia podería ser maior, xa que, do máis do 80% restante, descoñécese se parte dos afectados son sanitarios ou outro sector da poboación. O que si se sabe que preto dun 45% dos casos notificados ao CNE desde Galicia non pertencen a persoal sanitario, como se pode ver na táboa baixo estas liñas.

Por comunidades autónomas, Melilla, con algo máis do 30%, é a zona cunha maior proporción de traballadores da saúde contaxiados sobre o total da poboación, aínda que a cifra é moito menor en termos absolutos pola súa pouca poboación. Séguena Andalucía, Canarias, Murcia, Comunidad Valenciana, Asturias ou o País Vasco. Agás esta última comunidade, o resto das autonomías son as que precisamente rexistran unha menor incidencia da doenza. Entre as comunidades con menor proporción de profesionais sanitarios están Cantabria, Castilla y León, La Rioja ou Ceuta. Cataluña é a única comunidade que non inclúe os datos, segundo aclara o CNE, por “un problema de carga” na plataforma na que se comunican os datos.

Perfil dos sanitarios afectados

O documento aborda as características demográficas dos sanitarios, así como os síntomas que experimentaron e a gravidade da doenza (medida a través dos casos que requiriron hospitalización ou mesmo acabaron en óbito) e a data na que se dou conta das infeccións.

Nun sector maioritariamente feminino, os contaxios tamén se concentran nas mulleres. Así, o 75,6% dos casos diagnosticados de Covid-19 nos sanitarios españois corresponden ao sexo feminino, fronte a un 24,4% de homes. Con todo, como acontece coa poboación xeral, as vítimas mortais da pandemia son sobre todo homes. Dos 35 sanitarios falecidos (a cifra probablemente sexa maior debido á falta de información que hai sobre unha parte dos casos), 19 son varóns e 16 mulleres.

En canto aos síntomas, que só se recollen nunha parte dos pacientes afectados, boa parte dos traballadores manifestaron febre no momento do diagnóstico ou nos días anteriores (8.200), tose (7.958), ou dificultade para respirar (3.524). Preto do 10% dos casos totais acabaron desenvolvendo pneumonía a consecuencia do agravamento da infección. Tamén se notificaron outras evidencias como dor de gorxa, calafríos ou diarrea.

Tal e como se le nas conclusións do informe, a idade, a existencia de enfermidades de base, como patoloxías cardiovasculares, respiratorias ou diabetes, entre outras, e o feito de ser varón implican unha probabilidade maior de que a Covid-19 provoque que os sanitarios acaben ingresados no hospital. Así, no tocante ás defuncións, un 82% dos sanitarios falecidos tiña patoloxías que complicaron a súa evolución. Respecto ao volume de ingresos, 3.275 sanitarios (un 10,9% dos casos) chegaron a estar no hospital, e 249 (1,2%) tiveron que ser atendidos en unidades de coidados críticos.


Podes consultar o informe ao completo nesta ligazón (en PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña