Xoves 25 Abril 2024

Concellos libres de coronavirus en Galicia: por que non se sabe cales son?

A información de que hai 140 municipios sen casos novos na última semana é a primeira e única cifra a nivel municipal que achegou a Xunta de Galicia

A pandemia do coronavirus é unha das primeiras crises mundiais na que as tecnoloxías da información fan que boa parte da humanidade poida seguir ao minuto, a través da pantalla do seu teléfono móbil, como evoluciona a situación. Neste sentido, dispoñer de información a escala local e con gran nivel de detalle foi unha das ferramentas para que algúns lugares puideran resistir o primeiro embate do virus. En localidades do norte de Italia, como Vo’ ou Codogno, rodeadas por algunhas das vilas e cidades con peores rexistros da epidemia, a detección de focos e a corentena da veciñanza axudou a frear o virus.

Na maioría de zonas de Europa afectadas pola crise, os gobernos están a aproveitar a análise de datos e as ferramentas de visualización para ofrecer á cidadanía unha información achegada á súa realidade respecto aos casos de Covid-19 na contorna. A medida que a crise avanzou, foron sendo cada vez máis as institucións que comezaron a desenvolver, de acordo ao principio de transparencia, iniciativas para dar conta da evolución da epidemia. No que respecta á península ibérica, Portugal ofrece desde mediados de marzo unha información de gran detalle: ademais de achegarse ata a escala municipal, a Direção-Geral de Saúde expón que síntomas experimenta a gran maioría dos casos detectados, o seu rango de idade, así como o número de casos sospeitosos, a orixe dos positivos (importados ou de transmisión comunitaria) e, ata finais de marzo, mesmo as cadeas de transmisión activas que había no país. Este seguimento, que ademais era comunicado á cidadanía, é unha das moitas razóns, segundo algúns expertos, do éxito na contención do virus no país veciño.

Publicidade

Así informa Portugal da epidemia: casos por idade e orixe e máis de 20.000 sospeitas

Información municipal en España

No caso de España, debido á explosiva propagación da epidemia, foi difícil seguir en moitos lugares o trazo dos contaxios, o que probablemente tivo que ver coa incidencia que acabou tendo o virus na poboación. Con todo, nas últimas semanas a maioría das comunidades autónomas puxo en marcha nas súas páxinas web sistemas de información pública sobre a evolución da epidemia.

Casos de coronavirus a escala local que achegan os gobernos de Asturias, Cantabria, Euskadi, Castilla y León, Madrid e Cataluña.
Casos de coronavirus a escala local que achegan os gobernos de Asturias, Cantabria, Euskadi, Castilla y León, Madrid e Cataluña.

A información non é só a nivel municipal, senón tamén epidemiolóxica. Así, achéganse rangos de idade dos pacientes ou sexo, mentres que en Galicia o único dato demográfico sobre os enfermos dáse cando algunha persoa falece nos hospitais. No caso dos falecidos en residencias de maiores, nin sequera iso. Son cifras totalmente anónimas.

Así, das 17 comunidades autónomas, só hai catro (Galicia, Andalucía, Castilla-La Mancha, e Aragón) que non achegan datos municipais. E tamén son catro (Galicia, Extremadura, Aragón e Murcia) as que nin sequera ofrecen un mapa nos webs oficiais no que se poden ver os casos en cada municipio, área sanitaria ou provincia.

Galicia e Aragón son as únicas comunidades que non ofrecen datos locais nin mapas da evolución da doenza en webs oficiais

En Galicia non foi ata este domingo, máis de 50 días despois da detección do primeiro caso, cando se coñeceu, por palabras do presidente da Xunta, en cantos concellos se rexistraron positivos. Ou máis ben, en cantos non hai positivos desde hai unha semana: 140. O que vén sendo, dito doutro xeito, que polo menos hai 173 concellos con casos activos nos últimos sete días. Pero pouco máis se sabe.

Aínda que Galicia está entre as comunidades con menor incidencia da doenza en España, isto non se traduciu nun maior detalle na información que achega diariamente a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. O número de casos activos ofrécese por cada unha das sete áreas sanitarias do Sergas. Para saber cantos novos positivos se detectan, ou canta xente ingresa cada día nos hospitais galegos pola Covid-19, hai que acudir ao Ministerio de Sanidad. No caso da UCI, nin sequera é posible sabelo. Galicia é unha das dúas comunidades, xunto a Madrid, que non remite os novos ingresos nas unidades de coidados intensivos, así como o total de persoas que pasaron por ela desde o comezo da crise (ver PDF). E tampouco transmite ao Goberno mediante que tipo de proba detecta os casos.Este domingo o presidente da Xunta atribuíu a “un erro de información”, engadindo que “probablemente Galicia sexa a comunidade que máis informa ao Goberno de que tipo de test estamos realizando”. Porén, expuxo que “non compartimos” o criterio proposto polo Ministerio de Sanidad, que si aceptaron case todas as comunidades.

Así, desde a Administración autonómica optouse por non facilitar á cidadanía a información con este nivel de detalle. A situación mesmo xerou malestar durante días nalgúns concellos, onde os propios gobernos locais non sabían por canles oficiais cantos positivos tiñan no seu municipio, o que dificultaba a actuación en moitos casos. A opacidade xerou, nalgúns momentos, a propagación de boatos e o sinalamento de afectados nalgunhas vilas e aldeas. Do mesmo xeito, a transmisión de áreas sanitarias co nome das sete grandes cidades deu pé nalgúns casos a unha “falsa sensación de seguridade” en comarcas con focos de transmisión comunitaria.

IMPORTANTE: Mapa non actualizado desde o 5 de abril.

Nos primeiros días, foi posible facer un seguimento dos concellos que confirmaran algún caso (non a cifra en cada un deles) a través das informacións publicadas en medios locais e a facilitada polos propios concellos, nunca por medio das autoridades autonómicas competentes en materia de Sanidade, que dispuxeron en todo momento de dita información. Porén, a dificultade para acceder a ela, así como a curación de boa parte dos afectados, acabou facendo imposible o seguimento. Era, con todo, unha información que xeraba preocupación e interese na cidadanía, e á que si pode acceder a meirande parte dos cidadáns españois e todos os portugueses.

Tal e como se confirmou onte coa información difundida polo presidente da Xunta, disponse dos datos que, por algún motivo, non se comparten coa cidadanía. Nun momento no que se está comezando a deseñar a chamada ‘desescalada‘, desde a Xunta de Galicia deféndese, con acerto, que debe aplicarse de acordo ás especificidades dos distintos territorios. Porque non é o mesmo Cervantes, Santa Comba ou A Gudiña que Madrid, Barcelona ou Valencia. Pero, de non ser pola decisión política de non querer compartir a información, non hai motivos claros que poidan explicar, a priori, por que un veciño de Melgaço, Caminha, O Bierzo, os Oscos ou a ribeira asturiana do Eo saiba como está a situación, e non o saiba un galego que viva a poucos quilómetros deles.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea