Sábado 20 Abril 2024

Así informa Portugal da epidemia: casos por idade e orixe e máis de 20.000 sospeitas

A Direção-Geral da Saúde achega todos os días información con maior detalle cás autoridades sanitarias galegas e españolas

As diversas reaccións e estratexias das autoridades estatais para frear as consecuencias da epidemia do coronavirus están sendo foco de interese para poder calibrar os acertos, os erros e as medidas a tomar de cara ao futuro inmediato e a medio e longo prazo. Desde a controvertida decisión do Reino Unido de deixar correr o virus, tamén asumida polos Estados Unidos, pese a que despois Boris Johnson mudou de plan, ata o exhaustivo seguimento das persoas infectadas e os seus contactos por parte de Corea do Sur, e tendo en conta as particularidades de cada sociedade e as súas administracións, outra das patas importantes na xestión da crise é a información sobre os casos detectados en cada un dos países.

No Estado español, cada unha das comunidades autónomas achega os seus propios datos, en distintos niveis de detalle e en distintos momentos do día, pese a que todos son centralizados nas estatísticas do Ministerio de Sanidad. A nivel estatal, non foi ata este domingo 22, case dúas semanas despois das primeiras medidas de restrición de movementos, cando se facilitaron datos por idades das persoas afectadas. Só os difundían ata ese momento, algunhas comunidades autónomas como Canarias e Euskadi. En Galicia, ata o momento, a Consellería de Sanidade só informa da idade das persoas falecidas, e a pesar das peticións de numerosos medios de comunicación, os únicos datos que se coñecen ao respecto son os dun informe ao que tivo acceso La Voz de Galicia.

Publicidade

Ao outro lado da raia, en Portugal, a comunicación desde o comezo da crise destaca polo nivel de detalle da información pública da que dispoñen os cidadáns. O país, que na fin de semana do 8 de marzo tomou as primeiras medidas de contención a pesar dunha incidencia bastante menor, superou este xoves os 3.500 casos confirmados. É, por tanto, unha taxa de incidencia no conxunto do territorio menor cá galega (á súa vez unha das máis baixas do territorio español). Os casos confirmados concéntranse, en boa parte, nas áreas metropolitanas do Porto e Lisboa.

Casos de coronavirus no norte de Portugal. Fonte: DGS.
Casos de coronavirus no norte de Portugal. Fonte: DGS.

Máis de 22.000 casos sospeitosos

A Direção-Geral de Saúde Pública (DGS) de Portugal, na páxina web dedicada á doenza, ofrece a información ao respecto da crise. Un dos detalles salientables é o número de casos sospeitosos, que se remiten ata xaneiro, cando a enfermidade comezou a propagarse fóra do foco de Wuhan (China). Segundo explica a DGS esta semana nunha nota de prensa, estes casos sospeitosos, que xa superan os 22.000, correspóndense coas persoas ás que se lles realizou a proba para detectar o SARS-CoV-2. Destas probas, ata este xoves houbo 3.544 con resultado positivo. Porén, tal e como expuxo nunha conferencia de prensa a directora da DGS, Graça Freitas, “moitas máis persoas fixeron probas, pero estas (as 22.257 con sospeitas de infección) tiveron garantido o acceso (ao resultado) da proba”. Ademais, todos os días exponse o número de persoas que aínda están agardando polo resultado das probas, e que este xoves era de 2.145.

Freitas engadiu tamén que, a partir de agora, “o que imos facer é continuar a mesma metodoloxía”, polo que “calquera persoa sospeitosa de infección vai ter acceso á proba”. Adiantan, por tanto, que “a medida que a curva epidémica sobe, aumentará o número de casos sospeitosos e, consecuentemente, o de probas”.

Neste sentido, e do mesmo xeito que en Galicia e España, a comunidade científica tamén se puxo a disposición das autoridades para mellorar a resposta á epidemia. Segundo conta o diario Público, ata 14 institucións de investigación ofrecéronse ao Goberno para incrementar a realización de probas diagnósticas.

Con todo, a directora xeral da DGS mandou unha mensaxe tamén para as persoas que “van padecer a partir de agora” da doenza, unha vez que o país entrou na fase de mitigación da epidemia. Até agora estas persoas eran levadas a un hospital de referencia, pero a partir de agora, moita xente vai ficar na casa. “Ese é un bo sinal, porque quere decir que teñen patoloxía lixeira e que a súa doenza probablemente vaia evolucionar ben”, dixo Freitas. Segundo as mesmas fontes da DGS, só 61 persoas (menos que en Galicia) están sendo internadas na UCI, e 191 están internadas en hospitais.

Vixilancia e cadeas de transmisión

Outro dos detalles que a DGS ofreceu ata a pasada fin de semana nos seus boletíns foi o número das cadeas de transmisión comunitaria dentro do país, que o 10 de marzo xa eran seis, e levou a incrementar as medidas de contención, especialmente en municipios como Felgueiras e Lousada, preto de Guimarães. Neste sentido, as autoridades manteñen baixo vixilancia a contactos das persoas afectadas, e que este xoves ascendían a case 15.000 persoas.

Orixe e residencia dos casos

Alén disto, a DGS ofrece todos os días o número de persoas afectadas en cada un dos concellos do país con máis de tres casos confirmados. Así, pode constatarse que hai positivos confirmados en municipios fronteirizos con Galicia como Caminha (3), Arcos de Valdevez (8) e Chaves (3) e outros próximos como Bragança (19), Viana do Castelo (19), ou Ponte de Lima (5).

No mapa interactivo da súa web, é posible tamén consultar o número de positivos importados fronte aos de transmisión comunitaria (máis do 90%), e no boletín detállase a orixe dos países dos casos importados. España (105), Francia (72), Reino Unido (27), Suíza (22), Italia (21) e Andorra (13), son os países de onde máis infectados chegaron a Portugal.

Síntomas e idade

A información epidemiolóxica de cada un dos casos notificados en Portugal tamén ten conta os síntomas. Así, dentro do total das persoas afectadas, máis de 2.200 informaron de que padecían cefalea, 1.800 notificaron tose, 1.700 tiñan febre e 1.300 manifestaban unha febleza xeralizada.

O esforzo na radiografía dos afectados amósase tamén no rango de idade e xénero dos casos, máis semellante á pirámide de poboación do país. Dos casos confirmados o 26 de marzo, máis da metade (1.866) teñen entre 30 e 59 anos, aínda que dos 60 falecementos notificados por coronavirus ata o momento, o 80% tiñan máis de 70 anos.

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desconcerto ante o aumento da tosferina: os casos en Galicia en febreiro xa superan os de 2023

As causas deste repunte non están claras e as hipóteses están relacionadas co período postpandémico así como coas temperaturas anómalas do inverno

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia