Sábado 20 Abril 2024

Portugal sospeita de posibles casos de coronavirus desde xaneiro

O goberno luso, que confirma xa 448 persoas afectadas, realiza seguimento a preto de 7.000 persoas e achega datos por idade destes casos

Alén do impacto das decisións que toma o Goberno español e a Xunta, e que afectan en maior medida a Galicia, moitos cidadáns galegos, debido á proximidade á raia, están mirando cara a Portugal durante esta crise provocada pola pandemia do coronavirus SARS-CoV-2. Hai 9 días, o domingo 8 de marzo, o goberno luso decidiu prohibir as visitas aos hospitais da rexión Norte, ademais de decretar o peche dalgunhas facultades universitarias, medidas que se tomarían en Galicia entre o 10 e o 13 de marzo.

Nos primeiros días da crise, a preocupación estaba en municipios como Felgueiras ou Lousada, moi preto de Guimarães, onde se detectaron os primeiros focos con casos confirmados e as medidas máis estritas adiantáronse ao resto do país. Naquel día, mentres que en moitas partes de España non se falaba aínda de transmisión comunitaria, a Direção-Geral da Saúde (DGS) recoñecía “seis cadeas de transmisión” activas dentro do país, e as cámaras municipais comezaron a anunciar a suspensión de eventos multitudinarios.

Publicidade

Desde o comezo da crise, foi salientable a comunicación dos datos públicos sobre o número de persoas afectadas que difundiu a DGS. A pesar das críticas -“non estabamos preparados para que o virus nos atinxira con esta magnitude”, recoñeceu esta semana a ministra de Saúde, Marta Temido-, o nivel de detalle da evolución das cifras difire bastante do publicado en Galicia e España.

Casos confirmados en Portugal por grupo de idade. Fonte: DGS.
Casos confirmados en Portugal por grupo de idade. Fonte: DGS.

Aínda que a taxa de persoas afectadas con positivo confirmado no país veciño segue sendo menor ca en Galicia e España, (na actualidade hai 448 positivos confirmados e unha persoa falecida) as cifras oficiais fan tamén fincapé en detalles que non se están a comunicar noutras zonas: os contactos en vixilancia por parte das autoridades, a súa idade e xénero, os síntomas cos que foron atendidos e o tipo de contaxio (importado ou transmisión comunitaria).

Alén disto, nos últimos días estase multiplicando o número de casos sospeitosos, pasando en seis días de 471 a 4.030. Segundo o glosario do plan de continxencia publicado pola DGS, considérase casos sospeitosos todas aquelas persoas que cumpran cos criterios clínicos, de laboratorio ou epidemiolóxico dunha doenza, neste caso a Covid-19.

Fonte: Direção Geral da Saúde Pública.
Fonte: Direção Geral da Saúde Pública.

Con todo, e na liña do que suxiren investigacións como a publicada por Science este luns, respecto á alta porcentaxe “non documentados” de casos en Wuhan, as autoridades sanitarias portuguesas botan a vista bastantes semanas atrás na procura da posible presenza do virus no país. Así, a data que se contempla como punto de partida para o criterio de casos sospeitosos é do 1 de xaneiro de 2020. Deles, 3.259 entran na categoría de “non confirmados”, e 323 seguen agardando polo resultado da análise. Ademais, segundo o boletín deste martes, 6.852 están baixo vixilancia das autoridades, e son 19 as cadeas de transmisión activa das que ten constancia a DGS, segundo os datos publicados.

Os síntoma principais entre estas persoas son a tose (33%) e a febre (27%), seguidas das dores musculares, a cefalea, o cansazo xeral e a dificultade respiratoria.

Para consultar todos os detalles que achega a DGS, pode visitarse o seu portal web.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.
00:03:16

P de Portugal: algo máis que irmáns (ata o século XII)

Cando morreu o rei García en 1090, o Reino de Galicia pasa a ser divido en dous condados separados polo río Miño

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento