Complexo Hospitalario da Coruña. Foto: Google Street View.
Complexo Hospitalario da Coruña. Foto: Google Street View.

A Xunta limita “ao máximo” visitas a hospitais e residencias e suspende actos masivos

O Executivo autonómico dá un paso máis nas medidas de contención ante a previsión do aumento de casos, que roldan os 30 en Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, anunciou este serán a adopción de novas medidas en Galicia para conter o avance do coronavirus, do que xa se confirmaron en Galicia 27 casos, con tres pendentes de confirmación. “As previsións dos profesionais sanitarios son que os casos aumenten nas vindeiras semanas, así que o que imos intentar é que este incremento sexa o menor posible”, apuntou Feijoo.

Ademais das decisións tomadas este mediodía polo Goberno español despois do Consello de Ministros, en Galicia limitaranse “ao máximo” as visitas a hospitais e residencias de persoas maiores. Desde este mércores só se permitirá unha persoa por paciente en ambos casos, e recoméndase que as persoas maiores de 70 anos non realicen estas visitas. Tamén se suspenden as visitas de visitadores médicos e farmacéuticos, así como a entrada de voluntariado nos centros sanitarios e a recomendación de realizar, “sempre que se poida”, as consultas telefónicas.

Por outra banda, o presidente da Xunta apuntou que “por criterios de prudencia”, considérase “limitar a capacidade a 1.000 persoas nos eventos, culturais, deportivos, sociais, festivos ou semellantes”.

Estas son as medidas e consellos a ter en conta para frearmos o coronavirus

A decisión tómase a raíz da situación do coronavirus en España, con focos de “transmisión significativa” en Álava (Vitoria e Labastida), La Rioja e Madrid, que levou ao Goberno español a tomar novas medidas, algunhas delas nestas zonas, e outras estendidas a “todo o territorio nacional”. Segundo anunciou a voceira do Executivo, María Jesús Montero, as actuacións teñen “como única finalidade protexer á poboación”.

Así, en Galicia, como no resto do territorio estatal, recoméndase, ademais das medidas de hixiene, “fomentar sempre que sexa posible o coidado domiciliario de maiores, e recomendar ás persoas con enfermidades crónicas e pluripatoloxías que limiten as súas saídas e a actividade social“. Do mesmo xeito, aconséllase evitar as viaxes sempre que non sexan imprescindibles.

Suspéndense todos os voos entre Italia e España, e as viaxes do Imserso durante un mes. No caso dos eventos deportivos, matízase que se celebrarán a porta cerrada os encontros profesionais e non profesionais “que supoñan unha gran afluencia de aficionados”. En canto a acontecementos culturais, sociais ou doutro tipo que comporten un gran movemento de poboación, valoraranse caso a caso”, sendo “obxecto de resolución” por parte de cada Comunidade Autónoma.

Despois das medidas tomadas noutras zonas de España e Portugal, coa suspensión da actividade lectiva e as recomendacións de evitar eventos multitudinarios e edificios públicos, as autoridades sanitarias en Galicia, en coordinación coas do resto do Estado, valoran afrontar o “cambio de escenario” que avanzou onte o ministro de Sanidade, Salvador Illa.

A primeira hora desta tarde, segundo informan desde a Consellería de Sanidade, terá lugar unha reunión da Comisión Interdepartamental creada pola Xunta para o seguimento do coronavirus, na que se valorarán as posibles medidas a tomar a nivel autonómico. É posible que ao remate da mesma haxa unha comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e/ou do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para informar da situación e anunciar posibles medidas concretas para a comunidade autónoma.

22 casos en Galicia

No tocante a casos confirmados, en Galicia son xa 22 os positivos por coronavirus, catro máis que na noite do luns, segundo os datos difundidos este mediodía polo Ministerio de Sanidade. En España soben a 1.639, con 36 persoas falecidas.

Ata o de agora, a metade dos casos en Galicia gardan relación co foco do centro cívico de Feáns (A Coruña), cuxo peche anunciou o luns o Concello da cidade seguindo as recomendacións da Xunta.

Consulta máis información aquí:

Galicia mantén unha baixa incidencia de casos por coronavirus

Por que o xabón protexe moito mellor contra os virus

Portugal, con “seis cadeas de transmisión activas”, suspende grandes eventos no norte

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.