(en actualización) – Despois de semanas de expectación e mesmo escepticismo arredor do avance da Covid-19, a doenza causada polo coronavirus SARS-CoV-2, a situación de “transmisión significativa” en varias zonas de España (que xa é o país da Unión Europea con máis casos despois de Italia), levou a Administracións e institucións de todos os niveis a tomar medidas de cara á contención do virus. No tocante á Galicia, ás decisións do Goberno español hai que engadir as anunciadas pola Xunta de Galicia na tarde do martes, despois da reunión da Comisión Interdepartamental do goberno autonómico. Neste momento, son estas:
Visitas a hospitais e residencias
A pesar de que Galicia aínda ten unha baixa incidencia respecto a outras zonas do territorio estatal, a maior idade media da súa poboación é motivo de preocupación entre as autoridades sanitarias, debido á maior gravidade que a Covid-19, igual que outras doenzas como a gripe común, causa nas persoas maiores.
Deste xeito, durante os próximos 15 días establécese a limitación dunha persoa por visita a cada paciente ingresado nos hospitais galegos, e a unha persoa por visita a cada maior ingresado nunha residencia da terceira idade. No caso dos maiores de 70 anos, recoméndase que non realicen visitas a estes mesmos centros.
Suspensión de prácticas en centros sanitarios
Na tarde do mércores, unha das novas medidas anunciadas pola Consellería de Sanidade foi a supresión das prácticas que se realicen en calquera centro sanitario de Galicia por parte de alumnado procedente de graos de ciencias da saúde ou titulacións de ciclo formativo.
Se é posible, consultas telefónicas
Na comparecencia deste martes, o presidente da Xunta adiantaba a que “as previsións dos profesionais sanitarios son que os casos aumenten nas vindeiras semanas, así que o que imos intentar é que este incremento sexa o menor posible”. Para evitar a previsible sobrecarga dos servizos de urxencias, así como para reducir o risco de contaxio en centros sanitarios, recoméndanse “e promoveranse os sistemas de consulta telefónica, as consultas ao 061 ou ao centro de saúde”. O conselleiro de Sanidade solicitou que “que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella empregar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus”.
A Xunta limita “ao máximo” visitas a hospitais e residencias e suspende actos masivos
Eventos multitudinarios
As aglomeracións de persoas, polo contacto estreito que se establece entre os individuos, aumentan as posibilidades de contaxio. Neste punto, aínda que as medidas exactas van ser debulladas en vindeiras reunións e no Consello da Xunta, adiantouse que “por criterios de prudencia limitarase o aforo a 1.000 persoas en eventos culturais, deportivos, sociais ou similares que se celebren en recintos pechados”, e limitar a afluecia ata 3.000 en recintos abertos.
O Goberno xa adiantara horas antes que os encontros deportivos profesionais e non profesionais “que supoñan unha gran afluencia de aficionados” terían lugar a porta cerrada. A Xunta engadiu a supresión do programa Xogade, e dependerá de cada Federación a suspensión de partidos ou outros eventos que consideren.
En canto a acontecementos culturais, sociais ou doutro tipo que comporten un gran movemento de poboación, valoraranse caso a caso”, sendo “obxecto de resolución” por parte de cada Comunidade Autónoma.
Ademais das grandes multitudes, outro foco de posible contaxio son os espazos públicos por onde transitan ao longo do día moitas persoas. Ao estar en estes lugares evite na medida do posible tocar coas mans as superficies nas que poden acumularse os virus (mobles, estruturas metálicas, etc.), aumente a hixiene destas e, en todo caso, non leve as mans á cara, o nariz ou a boca.
Pero ademais de cumprir coas medidas, cómpre seguir consellos xa difundidos estes días por expertos sanitarios e científicos e as propias administracións:
Responsabilidade cara ás persoas vulnerables
A protección ás persoas vulnerables, nas que o virus é máis perigoso polas complicacións que poden xurdir, implica a toda a sociedade. A recomendación do Ministerio de Sanidad foi a de “fomentar sempre que sexa posible o coidado domiciliario de maiores, e recomendar ás persoas con enfermidades crónicas e pluripatoloxías que limiten as súas saídas e a actividade social“.
Por tanto, é recomendable, como no resto das situacións, extremar as medidas de hixiene e aforrar os desprazamentos ineccesarios destes grupos de risco.
Principio de precaución
A enfermidade aínda se atopa en Galicia nunha fase de contención. Porén, é de agardar que o número de casos medre nun número considerable nos vindeiros días, aínda que as actuais medidas contribuirán, a medio prazo, a frear os contaxios. Con todo, é posible que exista algún foco non detectado ata o momento e que acabe contaxiando a máis xente. As clausuras de centros públicos realizadas estes días, como o peche do centro cívico de Feáns (A Coruña) ou o de Aspronaga en Oleiros, así como o caso detectado na Escola Oficial de Idiomas da cidade coruñesa, así o indican.
É momento, por tanto, de adoptar o principio de precaución, en caso de dúbida, aínda que as medidas establecidas por Xunta e Goberno cheguen a un determinado punto. Se hai sospeita de ter estado en contacto con algún dos focos, ou ten viaxado a algunha das zonas de transmisión significativa, extreme as precaucións.
Galicia mantén unha baixa incidencia de casos por coronavirus
Evitar a psicose
As redes sociais e de mensaxería instantánea son estes días escenario de propagación de contidos falsos, boatos de orixe descoñecida, nesgados, alarmistas ou cunha gran carga de discurso de odio. O recomendable é acudir sempre a fontes oficiais, que ofrecen información sobre as medidas a tomar en cada momento e lugar.
O pánico e a alarma excesiva poden conducir tamén a comportamentos de consumo egoístas e pouco responsables (como xa aconteceu hai algo máis dunha semana coas máscaras de protección), que acaban, do mesmo xeito, desprotexendo a quen realmente precisa produtos e servizos de primeira necesidade.
Fontes de información:
- Páxina web do Ministerio de Sanidad dedicada á Covid-19, e contas de Facebook e Twitter con información actualizada.
- Páxina web da Xunta de Galicia, con novas actualizadas sobre os novos casos e medidas que se tomen, e contas de Twitter e Facebook.